Quéimannos e imos dicir que arde

«Galicia non arde, a Galicia quéimana». Quéimannos os xa chamados "terroristas incendiarios", quéimanos o mal tempo, Ophelia, as circunstancias adversas para poder controlar e apagar o lume, e —segundo insinuou o presidente Feijóo— quéimanos a nosa irmá e veciña, Portugal, que "non é quen de controlar os seus lumes". O goberno galego preséntase como unha vítima máis das lapas.

O xeito de dispoñer o discurso por parte do presidente é moi interesante. No apartado de loubanzas comezou esta mañá (luns), en primeiro lugar, polas forzas e corpos de seguridade do Estado: bombeiros, policías estatal e local, Garda Civil, UME... Unha énfase notable en resaltar o seu bo traballo, que de seguro o foi, aínda que as cousas moi boas adoitan venderse soas. Quizais o traballo dos profesionais foi excelente pero os medios e o número escasos? Habémolo saber ó longo destes días. De tódolos xeitos quedaron os veciños para máis tarde nese discurso. Os veciños, os cidadáns galegos, os verdadeiros heroes en moitos dos casos desta noite e a xornada de onte. Coma en Angrois. Coma no Prestige. Unha mención bastante fría e pouco destacada na comparecencia institucional. E ollo ó concepto de "terrorista incendiario", porque o termo "terrorista" implica semanticamente "non controlable, inesperado", e polo tanto suxire unha vez máis a ausencia de responsabilidade das autoridades e o goberno do país, aparte de ser unha palabra que fabrica votos.

Vemos, logo, como o presidente galego trata xa desde onte á noite de botar balóns fóra sutilmente, presentándose como unha vítima e evitando calquera tipo de relación ou contacto coa responsabilidade: o clima, Portugal, os terroristas... As preguntas son: que interese hai en prender lume? Que beneficio sacan os que o fan? Arderon zonas ameazadas polos proxectos devastadores de megaminaría contaminante contra os que a poboación galega estaba protestando (nos Ancares, por exemplo), pode ter algo que ver? As instalacións e o cableado de alta tensión de Fenosa querían facelos pasar por As Neves e Arbo, pero eran territorios protexidos que agora son cinza, pode estar relacionado? Hai algo que os nosos gobernos, galego e estatal, puidesen ter feito para previr ou solucionar esta situación e que non se fixese? Algo a nivel lexislativo (modificación e creación de leis) ou executivo (organización e funcionamento dos operativos anti-incendios (brigadas, bombeiros...), vixiancia, limpeza de montes...)?

Vai ocorrer coma co Prestige, onde non houbo ningún tipo de responsabilidade política?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.