Quen matou a muller do comisario?

Ás veces méteseche unha imaxe na cabeza, enceréllase nos miolos e bota aí días e días, aparecendo e desaparecendo nos intres menos acaidos e mais inesperados. A doutora Miranda di que nestes casos o mellor é cuspir no chan, tres veces e cara a dereita. Téñolle preguntado o porqué das tres veces, e non dúas ou seis; e o por que de facelo cara a dereita, e non cara a esquerda ou de fronte; sempre me di que é segredo médico, pero eu penso que nin ela o sabe. Para botar fóra o meigallo da imaxe atuada, ademais da tripla cuspidura, a outra cousa que hai que facer é falar do caso con alguén que te escoite, ou polo menos que teña orellas e faga así coma quen. Así que pensei en facelo aquí, nesta praza pública, que malo será non haxa alguén con orellas.

O outro día, no Intermedio de Wyoming e co gallo do décimo cabodano do atentado terrorista en Madrid, Gonzo fíxolle unha entrevista ao ex-comisario xefe de Vallecas, un tal Rodolfo Ruiz

O conto évos este. O outro día, no Intermedio de Wyoming e co gallo do décimo cabodano do atentado terrorista en Madrid, Gonzo fíxolle unha entrevista ao ex-comisario xefe de Vallecas, un tal Rodolfo Ruiz. Supoño que algo tiña oído del e da súa famosa mochila, e seguramente terei visto algunha vez algún retrato seu; pero hai tanto tempo, que esa noite non lle poñía cara. E foi verlle a pinta e eu pensar que alí había algo que non cadraba: no meu arquivo de estereotipos, o dun xefe de comisaría non era aquel que tiña diante dos ollos, por moi xubilado que estivera. Vestía un xersei fino, gris e algo sobado, sobre unha camisa branca co botón da cima desabrochado; detrás das gafas de aumento, tiña uns ollos grandes, tristes e apampados. Pero de onde sacaron este guicho?, foi a miña primeira reacción. E mesmo pensei que cando comezara a falar non ía ser quen de dicir unha cousa con outra. Para o meu desconcerto, falou ben, preciso e sereno.

Contou a persecución mediática á que foi sometido polo xornal El Mundo, o seu director Pedro J e Jiménez Losantos, na Cope. Segundo estes, o comisario inventara a famosa mochila azul que non estoupou, para desviar as pescudas sobre a autoría do atentado cara “montañas y desiertos lejanos”. Segundo el, unha mochila que nunca chegou a ver persoalmente. Pero da igual, en xaneiro de 2005, un dirixente do PP declara que o viu saír da comisaría coa mochila ao lombo; e día si e día tamén, Losantos e Pedro J. descargan a súa caridade cristián en titulares de prensa e parladoiros radiofónicos, que se delincuente, criminal, asasino, colaborador de banda terrorista... Cando ía mercar pan, os veciños que escoitaban a Cope ou lían El Mundo, repetíanlle nos narices os insultos aprendidos. Nun intre da entrevista, o comisario Ruiz confésalle a Gonzo que viña de estar moito tempo nun pozo sen fondo. Daquela comprendín o por que da súa fasquía desamparada que tanto me desacougara.

Pero a desgraza do comisario non para aí. Magdalena, a súa muller e tamén policía, é muller cristiá, crente e practicante; e non lle entra na cabeza que sexa na radio da igrexa católica -Cope- onde Losantos e Cia non paran de inxuriar, calumniar e maldicir ao seu home. Entrementres, ten que ver como é suspendido das súas funcións, como lle vai empeorando a saúde e como remata todo nunha xubilación forzosa. Ela pide que o reintegren no posto, pero dinlle que é mellor non encirrar a El Mundo e deixar que arrefríe o asunto. Daquela, a pobre Magdalena indígnase e manda cartas pedindo axuda e comprensión ao Defensor do Pobo, ao Rei, a Zapatero, a Rajoy e a José Bono. Coma nun Pacto de Estado, ninguén move un dedo por ela, e a saúde psíquica de Magdalena comeza a esfaragullarse. O día 9 de outubro de 2008, o seu home xubilado visítaa no centro onde está internada. Cóntalle cousas e intenta animala. Seica ela lle di que xa só pensa en morrer. Cando o home chega á casa de volta, chámano do Sanatorio para comunicarlle que Magdalena acaba de poñerlle punto e final á súa vida.

Eu, e supoño que moita máis xente tamén, preguntámonos polos autores intelectuais da morte de Magdalena, e da morte en vida do seu home, o comisario Rodolfo Ruiz

Dez anos xa daquel 11 de marzo en Madrid, macro-xuíxo mediante e procesados os autores materiais, Pedro J, Losantos e boa parte da cúpula do PP reclaman que se investiguen os autores intelectuais do atentado. Incluso monseñor Rouco mandou o mesmo recado na homilía da conmemoración oficial na honra das vítimas. E eu, e supoño que moita máis xente tamén, preguntámonos polos autores intelectuais da morte de Magdalena, e da morte en vida do seu home, o comisario Rodolfo Ruiz. Como di o refrán castelán, entre todos la mataron y ella solita se murió. Daquela comprendín aínda mais por que non me daba desfeito da imaxe triste e desamparada do comisario, e mailo seu xersei fino, gris e algo sobado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.