Quen rastrexa á Xunta?

Partículas do virus SARS-CoV-2 no microscopio CC-BY NIAID

Hai máis dun mes, o 23 de xullo, Feijóo afirmaba solemnemente ante a prensa que Galicia contaba con máis de 6.000 persoas rastrexando a Covid-19 no noso país. O Presidente en funcións fachendoso polo número de diagnósticos e a “enorme” base de datos que se estaba creando.

Galicia é a comunidade autónoma con peores datos de rastrexo, xa que non identificamos a orixe dos casos ata nun 73%

Máis dun mes despois Galicia multiplicou por máis do dobre o número de persoas infectadas neste último gromo, rozando as 3.000. E o que é peor, segundo os datos do Instituto Carlos III, que estuda a pandemia no conxunto do Estado, Galicia é a comunidade autónoma con peores datos de rastrexo, xa que non identificamos a orixe dos casos ata nun 73%.

Ese dato pode traducirse en novos contaxios, como xa estamos a ver, dado que o período infectivo da Covid-19 ronda os 15 días (en torno a 10-11 nos casos leves segundo a última evidencia científica). É dicir, se non atopamos á persoa fonte do contaxio do paciente diagnosticado, dita fonte podería seguir contaxiando e espallando a enfermidade durante días.

Un mes despois de ter fachendeado do sistema de rastrexo de Galicia, sen achegar nin un só dato que indicase onde estaban e quen eran esas persoas, Feijóo muda o discurso e solicita ao Exército axuda para facer seguimento social dos casos. Galicia, xunto con Murcia, foi o primeiro territorio en ter pedido ao Goberno Central a posibilidade de contar con militares facendo as labores de rastrexo, tal e como coñeciamos a través dos medios o 26 de agosto. 

A realidade é que nunca existiron esas 6.000 persoas rastrexadoras e que coma sempre a Xunta de Galicia minte

Onde están logo eses 6.000 profesionais? 

A realidade é que nunca existiron esas 6.000 persoas rastrexadoras e que coma sempre a Xunta de Galicia minte. Mentres apelamos á responsabilidade individual do persoal sanitario, do persoal docente, do alumnado, pais e nais, das e dos traballadores...a Xunta esquécese da súa responsabilidade como Goberno.

Mentres, a atención primaria fica colapsada e volvemos a padecer gromos nas residencias de maiores. Todo cuns datos de persoas diagnosticadas que nos devolven ao mes de abril e co Conselleiro de Sanidade desaparecido desde antes das eleccións autonómicas. 

Con este panorama tal vez só nos queda preguntarnos... E quen rastrexa á Xunta de Galicia?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.