Nados na era dos Millenials, dende os vinte e poucos de Iván até os trinta e pico de Millán e pasando polos vinte e moitos de Iris e Adrián, realmente formamos parte desa Xeración Xabarín, que todas as galegas e galegos coñecemos. Esa xeración de xente moza plural e diversa á que nos tocou vivir máis dun terzo da nosa vida en crise económica.
Como xente nova vivimos con moita preocupación o que acontece ao noso redor. Na última década mobilizámonos masivamente para amosar a nosa indignación, deixando claro que non aceptaremos con normalidade que iamos vivir peor que a xeración das nosas nais. Somos a xeración máis afectada por unha crise económica provocada mentres nós nin saíramos da escola, nun casino financeiro onde o poder bancario mantén os seus beneficios récord mentres temos que servir copas por salarios de pobreza ou emigrar para que outros países aproveiten a nosa formación.
E por iso decidimos dar un paso adiante, porque estamos fartas de escoitar que a mocidade somos o futuro: queremos ser o Presente. Dende a LOU, o Prestige (Nunca Máis!), ou o Decretazo con Aznar, ata a reforma laboral ou a Lei Mordaza de Rajoy, aquela mocidade e a de hoxe, ESIXIMOS unha renovación política que pasa pola transversalidade xeracional na toma de decisións, non quedando excluída a xuventude, porque as nosas preocupacións tamén teñen que ter resposta.
Non aceptamos a precariedade. Non aceptamos o desemprego masivo, especialmente na mocidade. Non aceptamos ter que asumir salarios de merda con contratos temporais. A derrogación das (contra)reformas laborais debe ser inmediata, por ser causantes de que hoxe en día a mocidade poida ter emprego pero tamén ser pobre. E despois critícase que non nos deamos emancipado, que nos paguen salarios dignos e farémolo!
Non temos medo aos reaccionarios que queren roubarnos o sorriso. Aceptamos o reto de crear e fomentar unha sociedade chea de persoas fermosas que queren vivir e disfrutar da vida, coñecendo culturas e linguas diversas. O discurso do odio non é para nós, que miramos ao futuro con responsabilidade pero tamén con ilusión. Queren facernos odiar ao diferente, pero só pelexaremos contra aqueles patriotas que teñen contas en Suíza e pagan os seus impostos en Panamá, porque, como cantaría O Zeca, em cada esquina um amigo, em cada rosto igualdade.
Eses mesmos son quen acusan de enaltecemento do terrorismo a titiriteiros, humoristas, cantantes de rock ou rapeiros, cando só crean arte. Viva a Creatividade! Nin un paso atrás na defensa das nosas liberdades individuais e a liberdade de expresión. Eses mesmos que queren un mundo gris cheo de contaminación, baixo o único criterio do beneficio económico. Contaminar non é a solución ao desemprego, é o problema! Un mundo máis limpo e sustentable é necesario para ter unha vida digna, porque non temos un Planeta B, nin unha Galiza B, e, por iso, somos conscientes de que calquera política transformadora terá que poñer no centro a loita a prol do medio ambiente.
A nosa loita tamén é pola igualdade. Non admitimos unha sociedade onde a metade da poboación, por ser muller, teña medo cando volte a súa casa pola noite, cobre un terzo menos que os seus compañeiros polo mero feito de ser muller ou teña que asumir a inmensa maioría das cargas familiares. A nosa loita é para que os dereitos das mulleres non sexan só formais, senón reais, de xeito transversal e rematando con calquera forma de opresión. Como mocidade loitamos non só por derrubar os teitos de cristal que dificultan que as mulleres poidan acadar postos de responsabilidade nos consellos de administración das empresas ou promocionarse profesionalmente, senón tamén cos chans pegañentos que as atrapan en coidados domésticos e en traballos precarios, mal pagados e con dramáticas tasas de temporalidade e parcialidade
Por todo isto, a mocidade temos a obriga de continuar en movemento. Cantaban Os Diplomáticos de Monte Alto que estamos preparadxs para a Revolución, porque é posible cambiar o mundo, e está nas nosas mans facelo!