No conto Las ménades de Julio Cortázar, o autor relátanos como, durante un concerto, o público enfebrecido pola música diríxese ao escenario e comeza a devorar aos membros da orquestra. Nun dos seus mellores relatos, Queremos tanto a Glenda, Cortázar aborda a mesma temática, pero esta vez os admiradores da actriz Glenda Garson –trasunto da actriz inglesa Glenda Jackson- empregan unha estratexia moito máis sofisticada co fin de preservar a perfección da súa obra fílmica, pero que, levada ao extremo, depáralle idéntico final tráxico.
Ti vas con Iglesias ou con Errejón? No bar, nas redes, no traballo, coa familia,.. esta é a pregunta á que nos enfrontamos durante as últimas semanas. Unha pregunta á que me nego a responder cun nome
Ti vas con Iglesias ou con Errejón? No bar, nas redes, no traballo, coa familia,.. esta é a pregunta á que nos enfrontamos durante as últimas semanas as persoas que, dunha maneira ou doutra, formamos parte de Podemos. Unha pregunta á que me nego a responder cun nome. Ninguén discute o papel de Pablo e Íñigo como dous dos referentes máis importantes dentro da organización e todas coinciden en non cuestionar o liderado de Pablo. Que as correntes que parecen estar a disputar a hexemonía dentro de Podemos esgriman os seus nomes para afondar na división interna entra en contradición coa premisa mesma de Podemos, dando lugar a unha contraposición de persoas e eclipsando o debate de ideas.
Pero non nos deixemos levar por esa simplificación nominalista e formulemos algún dos trazos que parecen dividir ambas correntes. Por unha parte está a contraposición activismo vs traballo institucional ou a rúa vs as institucións. É curioso que a estas alturas esteamos a debater entre ambos termos, cando se supón que Podemos xorde precisamente como superación desa dicotomía. Polarizar isto é ir contra a esencia mesma de Podemos e facerlle o xogo aos que querían poñer un cordón sanitario entre as institucións e a xente común. Acaso non levamos tempo dicindo aquelo de “cun pé nas institucións e milleiros nas rúas”?
Está a contraposición activismo vs traballo institucional. É curioso que a estas alturas esteamos a debater entre ambos termos, cando se supón que Podemos xorde precisamente como superación desa dicotomía
Outra é a de radicalidade vs transversalidade. As veces non queda claro se esta é unha cuestión de formas ou de fondo. En todo caso, a proposta de transformación da sociedade da que parte Podemos é, per se, radical. Tamén é certo que para levala a cabo precisamos aglutinar unha clara maioría social en torno dela. Podemos debería servir de ponte entre a sociedade actual e a sociedade que queremos construír, nesa hipótese radicalidade e transversalidade fanse complementarias.
Quizais a miña sexa unha visión periférica de Podemos, pero as propostas non parecen nin excluíntes nin contraditorias, poida que as posturas si estean polarizadas. Tamén é certo que en Galicia o debate é outro, aínda que dende fóra interese situarnos -non só a Podemos Galicia, senón a todo Podemos- no marco da discusión Iglesias vs Errejón. En todo caso parece que estamos a vivir Vista Alegre II con certo dramatismo, como se fose un proceso irreversible que vai definir Podemos, cando, como ferramenta de transformación, á súa vez, Podemos debe ser susceptible de transformarse. Desdramaticemos un pouco e lembremos que Podemos non é unha fin en si mesma.
Desdramaticemos un pouco e lembremos que Podemos non é unha fin en si mesma
Cortázar sempre foi unha das miñas debilidades. Relatos como os que comentaba antes responden a unha ollada esaxerada pero, por iso mesmo, serven para evidenciar certas condutas humanas. A éxtase dionisíaca das Ménades ou o elaborado plan que ten como obxectivo facer da de Glenda Garson a filmografía perfecta, alimentan estupendas ficcións. A estas alturas non sabemos ata que punto o futuro de Podemos está ligado ao de Iglesias ou ao de Errejón como para arriscarnos a escribir un tráxico final para calquera deles.