Quevedo, Torres Queiruga e Alberto Ruiz Gallardón

En 1633 Quevedo escribiu un memorial, Execración de los judíos, dirixido ao rei Felipe IV, que abondaría para denigrar toda a súa obra. O antisemitismo (xudeufobia) de Quevedo, como o de tantos e tantos autores de todos os tempos, non é difícil de rastrexar. Pero neste texto alcanza cotas exacerbadas. O certo é que tan furibundo -e nauseabundo- ataque contra os xudeus, prescindindo do grao do racismo do seu autor e aínda que poida parecer apaixonado, vén friamente guiado por unha calculada intención política. A rabia antixudea serve a Quevedo para expresar toda a decepción e frustración que o devir da España do seu tempo lle provocan.

Dúas cousas poden extraerse como certas da lectura da Execración se atendemos ao contexto histórico. Quevedo escribe contra a política do conde-duque de Olivares e guíao un ideario providencialista. Ter liberado a España dos xudeus foi premiado por Deus coa grandeza desta nación sen par, e acollelos de novo está a propiciar o castigo divino. E todo iso co pretexto de que en Madrid apareceran uns carteis coa seguinte inscrición: Viva a lei de Moisés e morra a de Cristo, nun momento no que as finanzas do Reino estaban sustentadas por xudeus portugueses asentados na Villa et Corte, en detrimento dos tradicionais banqueiros xenoveses, entre outras razóns porque o trato era mellor.

Aínda que non poida negarse o noxento antixudeísmo de Quevedo, este convérteo en radical, exprésao de forma máis violenta, cando o guían razóns políticas

O que quero dicir ou onde quero chegar é a que, aínda que non poida negarse o noxento antixudeísmo de Quevedo, este convérteo en radical, exprésao de forma máis violenta, cando o guían razóns políticas. Son o seu antiolivarismo unido ao seu retrógado -xa daquela- ideario providencialista, quen o empurran a iso. Cando escribe a Execración dirixida, non sen certa ousadía, ao monarca Felipe IV, poderiamos dicir que está conspirando contra o valido conde-duque de Olivares. Insisto, se non fose por isto, é posible que non expresase nunca a súa xudeufobia con semellante renartería e violencia. E aquí é onde quero me deter. Na latencia de determinadas ideas que só afloran cando o magma político no que están subsumidas as axuda a aflorar.

Ler a Torres Queiruga ten que ser moi gorentoso para un crente que ademais goce de espírito libre. Pero tamén o é, sen dúbida, para un non crente

Non é unha lectura tan recente como a da Execración, pero aínda conservo fresca a impresión que me causou. Refírome a Repensar o Mal, da poneroloxía á teodicea, de Torres Queiruga. Ler a Torres Queiruga ten que ser moi gorentoso para un crente que ademais goce de espírito libre. Pero tamén o é, sen dúbida, para un non crente. Primeiro porque o libro está ben escrito e lese sen dificultade; segundo porque hai unha recia dialéctica -será mellor dicir fina?-, primeiro filosófica e logo teolóxica, na que non molesta internarse e terceiro porque o coñecemento sempre é fonte de pracer e a erudición que amosa o noso teólogo é, sinxelamente, abraiante. Torres Queiruga enfróntanos ao dilema de Epicuro.

Ou ben Deus non quere eliminar o mal ou non pode; ou pode pero non quere; ou non pode e non quere; ou quere e pode. Se pode e non quere é malo, o cal naturalmente debería ser estraño a Deus. Se non quere nin pode, é malo e débil e, polo tanto, non é ningún Deus. Se pode e quere, o cal só é aplicable a Deus, de onde provén entón o mal ou por que non o elimina? (Tomado de Lactancio, De ira Dei, 13, 20-21). Pretende conciliar a existencia ou a idea de Deus con todos os atributos que a teoloxía católica lle outorga (omnipotente, bo, xusto, misericordioso...) coa existencia do Mal. E remata o seu libro convencido de que logrou tal demostración. Eu acabei de ler o seu libro convencido de que non o fixo. Pola sinxela razón de que nin el nin ninguén pode facelo. Apelar á fe é lexítimo, pero a fe, que pode dar sentido a toda unha vida (de feito dáo e non a unha senón a moitas), xamais poderá achegar unha soa razón para desentrañar o dilema de Epicuro.

Neste libro dáse unha visión moi particular dos milagres ou da oración de petición, por exemplo que, seguro, revolveron o entripado a máis dun providencialista

Torres Queiruga vive agora momentos difíciles logo da reprobación da súa obra polo Santo Oficio. A reprobación vai máis contra outro libro, Repensar a resurrección, pero Repensar o Mal mantén teses que por forza teñen que incomodar moito aos custodios da boa fe: neste libro dáse unha visión moi particular dos milagres ou da oración de petición, por exemplo que, seguro, revolveron o entripado a máis dun providencialista.

E isto lévame a falar de Alberto Ruiz Gallardón e do aborto e os discapacitados, que é do que en realidade quería falar.

O papá de Ruiz Gallardón foi aquel señor, man dereita de Fraga en tempos xa idos, que exclamou ¡Esta noche me emborracho!, cando o Tribunal Constitucional, o primeiro, o serio, non o de agora, deu a razón ao recurso que AP -creo que daquela aínda era AP- presentara contra a primeira despenalización do aborto, cando gobernaba Felipe González, e os seus acólitos máis ilustres deixaban para a posteridade frases como estas: A España non a vai recoñecer nin a nai que a pariu (Alfonso Guerra) ou España é o país do mundo onde calquera poderá facerse millonario en menos tempo ou algo así (Carlos Solchaga). É lóxico que unha persoa coas notas idiosincrásicas de Alberto Ruiz Gallardón estea disposto a preservar, custe o que custe, o legado do seu papá. Quizais sexa por iso polo que afirma unha e outra vez que a súa drástica decisión respecto á Lei do aborto se axusta á doutrina do Tribunal Constitucional e non á Constitución. Pode parecer o mesmo unha cousa que a outra, pero eu penso que algunha diferenza debe haber.

Alberto Ruiz Gallardón, agora vémolo claro, ten un grave problema en canto home de estado: está preso na súa propia conciencia e a súa conciencia é súbdita da súa ideoloxía

Alberto Ruiz Gallardón, agora vémolo claro, ten un grave problema en canto home de estado: está preso na súa propia conciencia e a súa conciencia é súbdita da súa ideoloxía. Non se decata, non pode, de que a súa conciencia e a súa ideoloxía, cando se trata de gobernar, pesan, naturalmente, como non pode ser doutro modo, pero non poden pesar ata o punto de impoñérllelas a todos os demais.

Creo que Ruiz Gallardón está contaminado polo providencialismo, o mesmo providencialismo, que rexía a pluma sibilina de Quevedo na Execración

Creo que Ruiz Gallardón está contaminado polo providencialismo, o mesmo providencialismo, que rexía a pluma sibilina de Quevedo na Execración. Quevedo non podía soportar -ou non quería- que o pecado e non o castigo do pecado, fose o castigo. (De dos maneras castigó Dios Nuestro Señor siempre y de entrambas nos castiga: la una es castigar los pecados; la otra, castigar con los pecados. No sé si acierto en temer la postrera por mayor, pues cuanto es peor el pecado que el castigo, tanto es peor castigo el pecado.). El exprésao así, cando o que simplemente desexa é que non haxa xudeus nos reinos da súa católica maxestade. Ese é o castigo e ese o pecado: os xudeus confortablemente instalados en España. Ruiz Gallardón, e coma el moitos outros que non é preciso sinalar, non quere que entre nós se instalen o pecado e o castigo que supoñen aqueles que recorren ao aborto para evitar unha ampla parcela de dor, e polo tanto de Mal, no mundo. Pero a existencia do Mal forma parte da providencia divina. Deus quéreo así e El saberá por que aínda que nós non o comprendamos. Deus non quere a euxenesia, se a quixese non  consentiría nin a máis remota posibilidade de malformacións fetais.

Alberto Ruiz Gallardón seguramente que non leu a Torres Queiruga. Eu si. Creo que nin teolóxicamente se sostén a súa tese da inevitabilidade do Mal nun mundo finito. Os seres humanos expresámonos coas palabras das que dispoñemos. Non existe outro xeito de facelo. Pero afirmar que Deus non puido evitar o Mal porque o mundo é unha creación e como tal creación necesariamente finito, remata por deixarlle toda a súa vixencia ao dilema de Epicuro. Porque a inevitabilidade condiciona a Deus do mesmo xeito que calquera das outras obxeccións e entón teriamos un Deus mediatizado, o que non se compadece coa idea de Deus.

Aparte de preservar o legado do seu papá, Alberto Ruiz Gallardón cre firmemente que o Mal existe porque Deus quere que exista. No Mal ten que haber algún punto de bondade, posto que Deus permite a súa existencia. Forma parte dos seus plans providentes.

Aparte de preservar o legado do seu papá, Alberto Ruiz Gallardón cre firmemente que o Mal existe porque Deus quere que exista

Mentres, moitos outros que tamén temos conciencia e movémonos nun ámbito de ideas e, talvez, de ideoloxías, mantemos as nosas dúbidas e tamén os nosos escrúpulos dentro dos seus propios límites, confrontámolos, se vén ao caso, cos demais, cos outros, pero nunca intentamos impoñelos a ninguén. É posible que nunha discusión de sobremesa ou nun debate, se cadra si, pero nunha Lei punitiva, xamais. O ordenamento xurídico é cuestión de estado, aféctanos a todos. Non pode ser, nunca pode ser, resultado do prexuízo dunha conciencia ensimesmada ou entregada aos intereses espurios dos que teñen a Deus sometido aos límites estritos da súa intolerancia, nin do pretendido afán de preservar o legado dun pai. Nin sequera dun Pai providente que, seique, non pode evitar a inevitabilidade do Mal.

(A Execración de los judíos, pode conseguirse doadamente en internet. Tamén en internet pode consultarse unha ampla entrevista con Torres Queiruga –e outros documentos de interese- na que hai un resumo suficiente do seu libro Repensar o Mal, para quen non o lera)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.