Quimeras e gozofellos

E vai o Rei de Hespaña e di que non é tempo de perseguir quimeras. Eu de caza sei o xusto ou nin iso tan sequera: andei ós gozofellos e matei unha vez unha merla cunha escopeta de balíns; pero para a miña deshonra non foi co paxaro voando, nin pousado nas polas altas dunha cerdeira, senón espetándolle o cano da escopeta no niño que fixera nun buxo. Mais ca incidente de caza entre animais, a cousa tivo trazas de vil asasinato ou puro axuste de contas. Porén, o Rei de Hespaña ten sona de experimentado cazador de pelo e pluma. Por iso, o primeiro que pensei foi que a quimera era outro animal mais da fraga, do bosque ou mesmo da inmensa selva. Como son xémini os pensamentos son mais ben de pouca dura, así que xa me vedes case de seguido atribuíndolle á palabra quimera outro significado: muller rechamante coma luz cegadora. E polo que contan e non contan do Borbón, tamén me pareceu esta unha idea moi aquelada.

Ía xa botar man do Ir Indo para confirmar as miñas sospeitas sobre o significado da palabra quimera, cando chamaron a miña atención unhas palabras do Rei Alberte da Galiza, escritas no xornal El País. “Nas vindeiras eleccións do 21 de Outubro elíxese entre o coñecido, con tódalas súas carencias, e a aventura”, declaraba o Rei Alberte. E tamén dicía que entre as súas virtudes estaba a de non ser un mentirán. Ah, carallo! Ou sexa, que as quimeras non eran feras salvaxes nin mulleres turbadoras nin farrapos de gaita. Se o dixera outro calquera podía se cadra poñelo en dúbida, pero saíndo da boquiña retranqueada do noso Rei, que non é un falabarato, ca! Ou sexa, que cando o Rei de Hespaña advertía ós seus súbditos que non era tempo de perseguir quimeras viña a querer dicir que non eran tempos de aventurarse no descoñecido. A xente vulgar diriamos que non está o forno para bolos nin a ferraia para gaitas; pero xa se sabe, a realeza non sabe o que ha facer con tal de distinguirse.

Con franqueza, maxestade, cre que vostede sería hoxe Rei de Hespaña se Francisco Franco lle fixera caso ós que lle dicían que non perseguira quimeras?

En toda corte que se prece ten que haber bufóns e poetas co gallo de facer chanzas e botar unhas risadas. Na madrileña corte dos Aguirre teñen ata un premio Nobel, aquel que nos relatara con beleza e precisión a guerra da fin do mundo. A cubana corte dos Castro tamén ten o seu Nobel de chambra branca impoluta e vizoso mostacho. Pero a galega tampouco anda escasa de metáfora agradecida e servil. Certo que aínda non temos un Nobel para fachandear, pero a pouco que persevere o bardo de Monterrei eu non descartaría que estea a caer o prezado galardón. O Equilibrista, Bufón Maior do Reino da Galiza, cantou hoxe que era certo que non viviamos no edén (o seu Rei falara de carencias) e que se a fragmentación se instalaba na Xunta gobernaría o desconcerto (o seu Rei falara de perigosas aventuras).

Claro que, falando de quimeras de hoxe, viñéronme á lembranza quimeras doutros tempos. Porque cando o militar ditador Francisco Franco levantou a espada contra a legalidade vixente houbo quen lle dixo: Mon petit général, non é tempo de perseguir quimeras, por moitas que sexan as carencias que padezamos. Pero a Franco a recomendación entroulle por un oído e saíulle polo outro, e perseguiu a quimera con fe, determinación e tiros durante tres longos anos, ata que a converteu en realidade un 18 de Xullo de 1939. E nesa nova realidade, filla de quimera, viviu e fixo vivir a tododeus durante os anos que lle quedaban de vida, que disque foron abondo como para aburrir. E non só iso fixo o moi cuco, senón que nomeou sucesor seu a un tal Juan Carlos de Borbón, que ven sendo vostede, graciosa e cazadora maxestade. Con franqueza, maxestade, cre que vostede sería hoxe Rei de Hespaña se Francisco Franco lle fixera caso ós que lle dicían que non perseguira quimeras?

Non vaia ser o demo que a desesperación  do pobo súbdito remate nunha subversión da legalidade vixente. Non vaia ser que os que están abaixo se poñan por riba, que xa ten pasado algunha vez

As coincidencias, tanto temporais coma no fondo, nas mensaxes dos reis de Hespaña e Galiza fanme pensar en conclusións dun cumio real, convocado de urxencia e ás caladas, para tratar das carencias da situación actual e súas posibles ou probables consecuencias. Non vaia ser o demo que a desesperación  do pobo súbdito remate nunha subversión da legalidade vixente. Non vaia ser que os que están abaixo se poñan por riba, que xa ten pasado algunha vez. “Caro Alberto, eu non che nacín rei”, confioulle o Borbón. “Tampouco eu lle nacín presidente, maxestade”, retrucoulle o dos Peares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.