Quo vadis, Europa?

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

Din que algo novo percorre o vello continente, de este a leste e de norte a sur. Nas institucións comunitarias -tremenda palabra, a de comunitaria- hai burócratas que miran alén do seu despacho por primeira vez. Se cadra non o facían porque non lles deixaban, se cadra non quixeron, se cadra non se lles ocorreu. Mais tres anos e dúas guerras -unha, da xente contra un virus; outra, dunha xente contra outra xente- foron suficientes para que saltaran as alarmas e que alguén, naquela lomba en Bruxelas, decidira parar en seco e dicirse “e nós, aquí, que estamos facendo?”.

Din que algo novo percorre o vello continente, de este a leste e de norte a sur. Nas institucións comunitarias -tremenda palabra, a de comunitaria- hai burócratas que miran alén do seu despacho por primeira vez

É innegable que a pandemia da COVID-19 é e foi causa dunha reconcepción profunda da forma de cabilar e desenvolver políticas públicas dentro, xunto e a través da Unión Europea. Aínda que tarde e en convocatoria extraordinaria, coma os alumnos imposibles que aproban en setembro e para sorpresa do seu mestre, esta última parece ter renunciado ao seu clásico foco na eficiencia e na reducción do gasto como parámetros pretendidamente universais da avaliación da xestión pública. A mal chamada austeridade volve, polo de agora, aos confíns da colección de libros de receitas económicas fallidas, que por desgraza ocupa máis estantería que o seu oposto. Tróuxoa unha democristiá alemana de nome Angela e, curiosamente, estase a desfacer dela outra de nome Úrsula.

 

 

 

Xuntanza de xefes de Estado celebrada en Praga © EC

Por outra banda, os foguetes do Kremlin direción Kíiv -que non a invasión rusa da Ucraína, que por doado que sexa de esquecer, leva tendo lugar dende 2014- sacudiron os piares de Occidente e desmontaron a ilusión de paz perpetua. Ou mellor, da seguridade perpetua. Ningúen creu nunca que había paz, pero as trincheiras sentíanse moito máis aló do limiar do “mundo civilizado” e polo tanto non importaba.

O salón maior do Castelo de Praga servía de foro a corenta e catro Xefes de Estado e de Goberno que afirmaban estar en proceso de fundar a Comunidade Política Europea (ou EPC), coas evidentes ausencias da Rusia e da Belarús

Oito meses despois e a dúas paradas de tranvía de onde vivo, o salón maior do Castelo de Praga servía de foro a corenta e catro Xefes de Estado e de Goberno que afirmaban estar en proceso de fundar a Comunidade Política Europea (ou EPC), coas evidentes ausencias da Rusia e da Belarús. Os vinte e sete Estados Membros, os países da EFTA, o Reino Unido, os estados dos Balcáns, e Ucraína, Moldavia, os país do Cáucaso e Turquía. Todos sentados nunha longa mesa discutindo o futuro do continente. Eu e os compañeiros do meu programa de posgrao en Política e Sociedade Europea (ou EPS) facíamos exactamente o mesmo nunha mesa, moito menos larga pero máis ateigada, nunha taberna de Malá Strana, a apenas un kilómetro de alí.

Era 6 de outubro, e Pedro Sánchez acababa de voar dende A Coruña de verse con Olaf Scholz. O Presidente declarou que era un día histórico, e que o mundo presenciaba o inicio dun proxecto baseado nunha “comunidade de valores, que respeta a pluralidade, a democracia, os dereitos humanos e unha orde internacional baseada en regras”. Con todo e ao tempo, a maioría dos analistas do este de Europa sinalaban como esta nova capa no xa complexo solo político europeo non eran máis que palabras baleiras e un intento de eludir responsabilidades. Así, darlle protagonismo a esta comunidade ad hoc na cuestión da guerra supoñería unha sorte de bypass á Comisión co obxectivo de evitar debates máis profundos no seu seo. Un deles, o do necesario desenvolvemento dunha política seria de defensa común que abra de novo a posibilidade de crear un exército europeo. Outro, o da posible apertura da membresía da UE a novos estados. 

Darlle protagonismo a esta comunidade ad hoc na cuestión da guerra supoñería unha sorte de bypass á Comisión co obxectivo de evitar debates máis profundos no seu seo. Un deles, o do necesario desenvolvemento dunha política seria de defensa común que abra de novo a posibilidade de crear un exército europeo

Entón, que debemos agardar destas novas tendencias na política europea? Hai, de verdade, razóns para o optimismo? A resposta é certamente complexa. Depende, ademais, de cuestións para as que agora mesmo non temos capacidade de resposta sen caer na futuroloxía. Dirano o tempo e as perspectivas. O que si está claro e que, de existir, as supostas vagas de solidariedade que subxacen ao proxecto político do continente son, unha vez máis, consecuencia da ponderación de factores externos. A proximidade, o poder e a inconsciencia dos "outros" que se nos achegan dende o lado oposto do valado. Ao estado ruso e o ao seu monarca Vladimir debémoslle, en xustiza, gran parte da reactivación dunha comunidade até hai pouco osificada e prostrada. 

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen © European Union

A Unión Europea ten a obriga de se consolidar como unha potencia en materia social, ecolóxica, política e económica. Pero tamén ten a obriga de se democratizar ao compás, de ofrecer cercanía, de facer pedagoxía e de crear novos horizontes maís aló desa Europa pequena e confinada por Rusia e Estados Unidos

O historiador francés Roger Chartier escribiu unha vez nalgures -nun xogo consciente entre a realidade e máis a hipérbole- que foi na Revolución francesa onde naceu a Ilustración, e non ao revés. E ben se podería dicir o mesmo da propia Europa. É a visión que hoxe temos dos momentos políticos chave do último século a que acaba forxando o mito -ou entelequia, en función dos ollos que miren- da unión política que agora herdamos. E así seguirá sendo. A cuestión reside en non preguntar so que queremos facer, senon tamén que somos, que queremos ser, e que cousas boas levamos feitas. E iso implica, as máis das veces, unha cuestión tanto de retrospectiva e significación, como de teleoloxía. Botar a mirada atrás, comprender que viñemos facer aquí e, despois, deixar claro a onde imos.

Mais iso non se consegue nin agardando de forma pasiva, nin tampouco enconmendándonos a medidas reactivas que, en tanto que respostas a eventos concretos, ocorren tan de súpeto como despois desaparecen. A Unión Europea ten a obriga de se consolidar como unha potencia en materia social, ecolóxica, política e económica. Pero tamén ten a obriga de se democratizar ao compás, de ofrecer cercanía, de facer pedagoxía e de crear novos horizontes maís aló desa Europa pequena e confinada por Rusia e Estados Unidos. Así, máis que nunca, e de forma insistente, debemos interpelarnos uns aos outros -como fixemos eu e os meus compañeiros naquela taberna de Malá Strana- e dicir: Quo vadis, Europa?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.