Aproveitando o paso da Semana Santa aprópiome do título dunha coñecedísima película a prol do cristianismo pra proclamar unha pregunta que hai tempo que se debería estar a formular o galeguismo lingüístico, aínda que todos saibamos a resposta: cara á converxencia e disolución no español.
Aproveitando o paso da Semana Santa aprópiome do título dunha coñecedísima película a prol do cristianismo pra proclamar unha pregunta que hai tempo que se debería estar a formular o galeguismo lingüístico, aínda que todos saibamos a resposta: cara á converxencia e disolución no español
O galeguismo oficial ten un serio problema de contraposición entre o seu discurso lingüístico e a praxe: por unha parte defende e difunde a irmandade do noso idioma coa lusofonía (Ex.: “O galego é un valor cultural… que nos conecta cunha comunidade maior de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que a intercomprensión entre ambas as linguas é posible sen necesidade de mediación” [Xunta de Galicia- Observatorio da Lingua Galega]) e por outra crea unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que nos achegan ao castelán e nos afastan do portugués e priorizan opcións morfolóxicas e léxicas co mesmo resultado. Na introdución das NOMIG declárase: “a norma debe acoller un galego […] limpo de canto de alleo innecesario hai incrustado na fala viva pola presión do castelán”, “As escollas normativas deben ser harmónicas […] especialmente […] coa portuguesa en particular”, “Para o arrequecemento do léxico culto […] o portugués será considerado recurso fundamental”.
Eis a teoría, mais vexamos algúns exemplos da praxe fornecidos polo dicionario da RAG, onde as formas similares ás castelás son recomendadas fronte ás semellantes ás portuguesas: aire contra ar, avespa contra vespa, cangrexo contra caranguexo, delfín contra golfiño, espellismo contra miraxe, ganar contra gañar, malo/mala contra mao/má, oír contra ouvir, risa contra riso, sufrir contra sofrer etc. E logo están todas aquelas palabras modernas ou foráneas que se aceptan coa forma española no canto da portuguesa: apio e non aipo, barrio e non bairro, cacahuete e non amendoín, cartel e non cartaz, crema (f.) e non creme (m.), ducha (f.) e non duche (m.), escaparate e non montra, espinaca e non espinafre, mono e non macaco, órgano e non órgao, parlamentario e non parlamentar, percorrido e non percurso, pila e non pilla, remolacha e non beterraba, rumbo e non rumo, sandía e non melancia, teléfono e non telefone etc. Na morfoloxía acontece o mesmo, adoptando ou primando solucións coincidentes co castelán en detrimento das coincidentes co portugués: sufixo –ble no canto de –bel, sufixo culto –ión no canto de –ón (concordando co castelán: armazón, ligazón, razón… ; agás nuns poucos casos: comuñón, doazón, paixón, traizón…), plurais de palabras monosílabas acabadas en –l sempre en –les e non en –eis ou –les segundo étimo (ex.: sales e non sais, viles e non vis etc.) e de palabras graves acabadas en –l sempre en –les e non en –eis (ex.: fáciles e non fáceis, túneles e non túneis etc.).
Parece evidente que hai unha disociación entre un discurso que pon en valor, acertadamente, a semellanza do galego co portugués e unha práctica que non se conforma nun sistema de escollas morfolóxicas e léxicas que avalen este discurso
Non se pode omitir que tamén haxa exemplos de adopción de termos en coincidencia co portugués e non co español, mais innegabelmente son moitísimo menos abundantes có contrario. Ex.: ananás –aínda que tamén se admite “piña” pra denominar o froito–, autoestrada, mísil, orzamento, palafita, palmípede, réptil, tucano, tule etc.
Parece evidente que hai unha disociación entre un discurso que pon en valor, acertadamente, a semellanza do galego co portugués e unha práctica que non se conforma nun sistema de escollas morfolóxicas e léxicas que avalen este discurso. Mais a cuestión non é tanto o que se fixo mal como que non haxa ningún propósito de emendar o erro á vista dos resultados: unha lingua cada vez máis degradada, diferenciándose da súa orixe galego-portuguesa pra converxer co castelán. Ás veces é moi útil ter una visión allea pra entender mellor o que somos, e como exemplo poden valer os comentarios que máis prevalecen na Internet de portugueses e brasileiros pra definir o noso idioma cando o ven escrito: “É unha mestura de portugués e español” ou cando o ouven: “É un portugués pronunciado ao español”. En fin, quen queira entender que entenda.