Quovadis, Europa?

Un fenómeno externo a economía como é a pandemia provocada pola COVID-19 viu a poñer de novo en evidencia os custos dos dogmas ordoliberais dominantes na UEM. O seu enorme impacto recesivo sobre a produción, a actividade e o emprego tivo graves consecuencias fiscais en practicamente tódolos estados da unión, incluso entre os “cumpridores”. As autoridades europeas comprobaron como incluso a “exemplar Alamana” non ía seren quen de cumprir os obxectivos de déficit que tan ferreamente viña defendendo e impoñendo en toda a unión polo que era necesario flexibilizar os criterios. 

Se o primeiro ano da pandemia (2020) se pechou con elevados déficits na maioría dos estados da unión (Alamana: -4,2% do PIB, Finlandia: -4,8%, Francia: -3%, España: -11%, Italia: -9,5%.....) a grande recesión ameaza con que no exercicio actual (2021) continuará esa tendencia de déficits elevados. Segundo o FMI, sempre moi modesto nos seus cálculos, si no ano 2021 España manterá un déficit moi elevado (-8,2% do PIB), o mesmo sucederá, por caso, con Francia (-7,7%) e Italia (-7,5%) sen que Alamana escape desa tendencia xa que si o FMI lle calcula un déficit do -3,4% as autoridades alamanas o elevan, nada mais e nada menos, ao -9%. Déficits que superan con creces os límites fixados no PEG. Velaí a explicación política da viraxe das autoridades europeas en relación a ortodoxia: a imposibilidade por parte de Alamana de cumprir os obxectivos fiscais do PEG. 

Dado que a política monetaria dos últimos anos non da mais de si (tipos de xuro moi baixos, expansión cuantitativa) as autoridades europeas, baixo o liderado alemán, tiveron que recoñecer moi ao seu pesar que era necesario acudir a política fiscal. A unha política fiscal expansiva, de estímulos, que como tal racha co camiño da austeridade marcado nos anos anteriores e que tan desastrosos resultados provocara. Unha das primeiras medidas que tomaron as autoridades europeas foi a de mudar as normas fiscais (PEG), un déficit non superior ao 3% e unha débeda pública inferior ao 60% do PIB, que quedaron suspendidas hasta o 2023, data na que se espera teren superado o impacto da pandemia, cando se deberá volver ao Pacto de Estabilidade. 

Como medidas de estimulo fiscal seguramente que a mais relevante foi a aprobación polo Consello Europeo dun programa -Next Generation EU- cun Orzamento de 750.000 millóns de euros -a España correspóndenlle 140.000 millón de euros- que supón o maior esforzo fiscal feito pola Unión Europea en toda a súa historia. Un estímulo que as autoridades europeas agardan axude ao estados da unión a facer fronte aos efectos económicos e sociais da pandemia da COVID.10 garantindo asemade que as súas economías emprendan as transicións ecolóxica e dixital para seren mais sostibles e resilentes. Os estados membros tiñan hasta o 30 de abril para presentar os plans nacionais que deben contemplar seis ámbitos de actuación: a transformación ecolóxica, a transformación dixital, o emprego e o crecemento intelixente, sostible e integrado, a cohesión social e territorial, a saúde e a resiliencia e as políticas para a próxima xeración incluídas o ensino e o desenrolo de capacidades. 

Sen negar a importancia dos estímulos fiscais aprobados, o maior esforzo fiscal da historia da Unión Europea, son evidentes e manifestos os seus límites ademais de que chegan un pouco tarde. En primeiro lugar a contía dos fondos é claramente insuficiente tendo en conta o impacto provocado pola pandemia da COVID.19 e para confirmalo non hai mais que comparalos cos aprobados pola administración Biden (USA). Non estamos diante dun programa europeo senón dunha suma de proxectos estatais sen coordinación nin relación entre si o que restará moita eficacia ao programa por falta de sinerxías e complementariedades. Medra a sospeita de que serán as grandes empresas quen mais se beneficien destas axudas en prexuízo, por caso, das pequenas e medianas empresas que son as que crean mais emprego. Finalmente dada o modelo de financiamento aprobado as débedas, publicas e privadas, seguirán medrando hasta converterse nun moi grave problema cara o futuro inmediato.

En relación a política monetaria posta en marcha polo BCE cabe afirmar que vai traer escasos cambios en relación a situación anterior pero si novos problemas. A Unión Europea está metida no que se chama "a trampa de liquidez" -medra o aforro sen que o faga o investimento- polo que os estímulos monetarios teñen escasos efectos na dinamización da economía sendo mais urxentes medidas de políticas fiscal. Por outra parte as medidas aprobadas polo BCE teñen un carácter xeral cando deberan seren selectivas e condicionais para dirixirse basicamente as familias e as empresas non financeiras. Os tipos de xuro -pola citada trampa de liquidez- xa estaban moi baixos polo que baixalos aínda mais non terá efectos sobre a demanda monetaria. Finalmente a experiencia empírica pon en evidencia que quen realmente se están beneficiando desta "expansión cuantitativa" son os grandes bancos e as grandes empresas que aproveitan esta abundancia de liquidez tanto para sanear os seus balances como para mercar accións propias ou de outras sociedades -algo que se pode comprobar analizando os movementos da bolsa- provocando un dobre efecto: a creación de burbullas bolsísticas e a alimentación de sociedades zombis.

Como balance final subliñar que si coa crise financeira do 2008 a Unión Europea non estivo a altura que debería, coas consecuencias consabidas, agora de novo (2021) volverá a fracasar. Presa de dogmas sen fundamento empírico e servil cos poderes financeiros e económicos a Unión Europea vai camiño dunha moi posible descomposición do formato actual. Para mais escándalo dende Alamana xa se empezan a escoitar voces poderosas que avisan de que superada a pandemia da COVID.19 "tocará recuperala disciplina fiscal de xeito inmediato" (sic.)

Para mellor entender as limitacións sinaladas do plan europeo de recuperación demos un repaso as medidas tomadas pola administración Biden (USA). Medidas que polos seu volume e contidos deixa, unha vez mais en evidencia, a Unión Europea. A administración Biden comprometese a destinar 7 billóns de dólares a programas de estimulo fiscal. Cantidade que se reparte entre un paquete de 1,8 billóns de dólares en axudas directas as familias para gastos de alimentación, ensino, sanidade, desemprego...: se esperan que sexan 160 millóns as familias estadounidenses quen se beneficien de este programa. Un segundo paquete de 2,3 billóns de dólares para infraestruturas (viarias, eléctricas....). Estas dúas medidas xa están aprobadas e queda en reserva un terceiro paquete de 3 billóns de dólares para medidas varias. Paralelamente e co gallo de acadar recursos para financiar estes programas a Administración Biden se comprometeu a levar adiante unha reforma fiscal, coa que espera recadar 1 billón de dólares, que porá o acento nas familias de rendas altas e nas grandes empresas. Tamén se aprobaron unha serie de medidas sociais como a suba do SMI, unha lei de igualdade salarial, rebaixas nos prezos dos medicamentos, ampliación da cobertura do Medicare... Como elemento a destacar positivamente está tanto a axilidade que a administración estadounidense está poñendo de manifesto a hora de executar este programas como a rapidez na tramitación que fan que tales axudas cheguen directamente e con prontitude aos beneficiados -por caso, moitas familias xa recibiron as axudas prometidas-. 

Como complemento a Reserva Federal na súa responsabilidade como autoridade monetaria comprometeuse a poñer 6 billóns de dólares en riba da mesa para complementar as políticas expansivas da administración.

Non hai comparación posible entre a actuación da Administración estadounidense e a da Unión Europea. O volume dos incentivos fiscais, as características das medidas monetarias, a concepción estratéxica e a xestión administrativa..... apuntan a diferencias abismais. Velaí que volva a afirmar que non nos debera estrañar que, como sucedeu logo do 2008, Estados Unidos saia antes e en mellores condicións da actual crise que a Unión Europea. Un unión que fracasará unha vez mais facilitando así que segan medrando no seu seo as ideas disgregadoras e populistas ao tempo que as desigoaldades sociais e territoriais. Un unión presa de dogmas sen fundamento que nembargante a administración Biden parece querer deixar atrás por seren consciente de que é a única forma de salvalo capitalismo estadounidense de caer no abismo ao que se encamiñaba. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.