Rachar o encadeamento mortal da paz

Habitantes de Gaza inspeccionan os restos dunha vivenda destruída por Israel CC-BY-SA Palestinian News & Information Agency (Wafa)

Lémbrase alguén do altermundismo hoxe? Alguén vai contra o pensamento belicista dominante, que debera ser antiOTAN e contrario á desmesura actual de gasto e venda de armamento? Alguén lembra canto diñeiro lle demos a Marrocos para que teña armamento co que seguir esmagando ao pobo saharauí? Alguén se dá conta de que non podemos dicir que somos “propalestinos” sen dicir tamén que somos “prosaharauís”? Que non existe un antimilitarismo á carta?

A idea xa está contida neste tempo bélico. Antes, os poderes decisorios exhibían un certo disimulo e usaban as palabras do discurso da paz para simular o que non eran. Hoxe, xa se quitaron as máscaras todos. Ninguén quere quedar fóra da tarta xeoestratéxica. As posicións móvense a golpe de bombas e mortes en masa de civís. Para non quedar como proxenocidas erguen un certo malestar ante as cámaras do electorado, pero na trastenda asinan e apoian o envío de recursos e armamento...e fano ao mesmo tempo que alimentan nun caso a guerra enviando armas e no outro caso fan gala da súa caridade co envío de axuda humanitaria (sic) sempre escasa ao pobo palestino, atacado, asasinado, esmagado, expulsado, repudiado, odiado e discriminado...sobre todo por ser ese OUTRO árabe, sempre incómodo para os sistemas sociais occidentais. O racismo abrolla coma os choupíns despois dun día de choiva como caen as bombas do masacre -que non crise/conflito como din os eufemismos dos medios occidentais- de Israel sobre o pobo de Palestina.

Un ser especial e atento envioume hoxe un poema de Karlotti, Cielos encogidos por el llanto de las piedras, un poema antibelicista do que recollo estas certeiras palabras:

“ Malditas sean las carantoñas de los asesinos que enmascaran sus fauces y garras

insomnes

bajo las uñas astilladas de la paz”.

Unha denuncia directa da fonda maldade e hipocrisía que alimenta as decisións dos nosos gobernantes actuais. Entre todos lévannos a un mundo de merda, de “bosta” como diría un amigo. A paz é só un artificio retórico e só cremos nela, quizais, uns loucos que xa obxectamos coa conciencia a ter entre as mans un arma e un pequeno feixe de seres marabillosos que queren un mundo máis xusto: lémbrase alguén do altermundismo hoxe? Alguén vai contra o pensamento belicista dominante, que debera ser antiOTAN e contrario á desmesura actual de gasto e venda de armamento? Alguén lembra canto diñeiro lle demos a Marrocos para que teña armamento co que seguir esmagando ao pobo saharauí? Alguén se dá conta de que non podemos dicir que somos “propalestinos” sen dicir tamén que somos “prosaharauís”? Que non existe un antimilitarismo á carta?

Deixamos de lado entrar en toda a longa relación de agravios, de crebas do asinado, de como a acción sanguenta de Hamas lle veu de marabilla a un Netanyahu que se enfrontaba no interior a unha crise sen precedentes con abandono voluntario de reservistas e con manifestacións convocadas todos os sábados desde xaneiro de 2023 para impedir a reforma da xustiza á carta do goberno de coalición coa extrema dereita (algo do que informa Charles Enderlin, xornalista en Xerusalén, que coñece moi ben a realidade de Israel da que nos informa no libro, Israel, l'agonie d'une démocratie (Sueil, Paris, 2023). Algún día saberemos realmente as razóns da inacción do considerado ‘mellor servizo de espionaxe do mundo’.

Por iso, agora, na urxencia da devastación que só podemos albiscar desde as nosas pantallas de televisión ou ordenadores, cómpre deter esta(s) guerra(s) e poñer enriba da mesa verdadeiros Diálogos de Paz con negociacións que, no fondo, teñen moito que ver con regresar ao pasado e a respectar pactos e acordos anteriores (os límites da OTAN, a soberanía dos países, o respecto polos límites -artificiais, certo, e forzados- dos Estados de Palestina e de Israel, segundo a Resolución 181 (II) de 1947 e a Resolución 194 da ONU de 1948).

En efecto, Israel sempre tivo ‘venia’ para incumprir, do mesmo modo que a OTAN foi ampliando o seu raio de acción vulnerando acordos asinados. Non se pode esquecer que xa nas resolucións de 1947/1948 tocáralle ‘en sorte’ a Israel un 54% do territorio. Porcentaxe que Israel aumenta até o 77% durante a Guerra de 1948 e que será na Guerra dos Seis Días de 1967 cando Israel ocupe todo o territorio.

Os Acordos de Oslo de 1993 regresan á idea necesaria dos dous estados, pero non se leva a cabo. Si se divide o territorio en tres zonas (A: control civil e militar da Autoridad Nacional Palestina / B: control civil palestino pero baixo control militar palestino-israelí / C: control civil e militar israelí; cando se fala da Cisxordania ocupada é desta zona á que se refiren, aínda que hai áreas da segunda zona tamén; nesta zona figuran incluídas todas as reservas de terras e todas as estradas principais, pero é inaccesible na súa maior parte para a poboación palestina. Os recursos chave para a vida, como a auga o saneamento, están nesta terceira zona; e xa non tratamos o problema de Xerusalén Este, a capital dese posiible Estado para Palestina, pero ocupada desde 1980 por Israel). E desde o ano 2007 é cando Israel determina o bloqueo da franxa de Gaza, que se converte así nun enorme cárcere para as súas xentes.

A Paz debe ser o único camiño. Non o da Guerra. O ruído duns misís non se pode tapar co ruído das bombas. As mortes non se esquecen cun xenocidio. E non podemos calar as persoas que somos pacifistas

A Paz debe ser o único camiño. Non o da Guerra. O ruído duns misís non se pode tapar co ruído das bombas. As mortes non se esquecen cun xenocidio.

E non podemos calar as persoas que somos pacifistas. Por iso, rematarei dando unha volta pola denuncia dunha persoa que soubo -e moito- o que supuxo a barbarie militar e asasina dos nazis: Primo Levi. En 1955, cando se conmemoraba o décimo ano da derrota de Hitler, escribiu un pequeno artigo na revista Torino, XXXI, nº 4 (abril de 1955) [manexo a tradución de Albert Fuentes en Vivir para contar; o artigo incorporouse en La masacre como fin en si misma] para chamar a atención sobre os perigos do silencio da sociedade ante o que foi o maior masacre de seres humanos.

"Pode xustificarse este silencio? Debemos toleralo nós, os supervivintes? Deben toleralo aqueles que, fulminados polo espanto e o rexeitamento, asistiron, entre golpes, insultos e berros inhumanos, á marcha dos vagóns precintados, e, anos máis tarde, ao regreso dos pouquísimos supervivintes, crebados en corpo e espírito?”

Milleiros e milleiros de palestinos desde 1948 e nesta guerra xenocida tiveron que deixar as súas casas. Se algun día regresan, só atoparán cascallos e devastación. Todo esmorecerá baixo a cinza fría da destrución. Nas Resolucións figura a obriga de permitir o seu regreso, pero nada se cumpre. Hoxe, coa guerra en marcha son máis de 6 millóns de persoas palestinas as refuxiadas e que malviven en campamentos.

“Só pode darse unha resposta. Non é lícito esquecer, non é lícito calar. Se nós calamos, quen falará? Falar, polo tanto é preciso”

E non obstante, algúns queren silenciar as voces críticas. Tanto na guerra de Ucraína como na de Palestina. E hai persecución e ataques desmesurados ao que é simple ndignación ante a morte (despidos do traballo; denuncias infundadas de ministros; etc). Por iso, quixeron impedir manifestacións en defensa da liberdade e da vida en Palestina. Todo con tal de perpetrar o crime con liberdade.

O silencio non é tan só calar, senón non falar cando hai que falar e argumentar. Ousar ir contra o pensamento dominante que todo o asulaga. Que nos quere submisos. Que nos quere manipulables. Nada xustifica a morte de inocentes. NADA. E cando se produce xa falamos de CRIMES DE LESA HUMANIDADE

E, non obstante, prevalece o silencio. É un silencio que é froito dunha conciencia insegura, ou incluso dunha mala conciencia; é o silencio de quen, véndose interpelados ou forzados a expresar un xuízo, tratan por todos os medios de desviar a atención e sacan a colación as armas nucleares, os bombardeos indiscriminados, os xuízos de Núremberg e os problemáticos campos de traballo soviéticos: argumentos en sí mesmos non faltos de peso, pero irrelevantes se se pretende dar con eles unha xustificación moral aos delitos fascistas”.

O silencio non é tan só calar, senón non falar cando hai que falar e argumentar. Ousar ir contra o pensamento dominante que todo o asulaga. Que nos quere submisos. Que nos quere manipulables. Nada xustifica a morte de inocentes. NADA. E cando se produce xa falamos de CRIMES DE LESA HUMANIDADE.

Rematamos cunha improvisada imaxe da morte que cuspe o ceo:


No escuro

fríos que louvan as carnes aínda quentes da morte que chove ruidosa

almas entregadas ante a indiferenza tamén asasina dos que miran para o embigo

No escuro

os voitres cuspen veleno sobre inocencias aínda por descubrir

 

Que a Paz sexa o único camiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.