Zapatero artellou un sistema de axudas á dependencia para dependentes severos (grao II) e grandes dependentes (grao III) e aprobou a Lei de promoción da autonomía persoal na fin do 2006. Unha lei e un sistema que presentaban a clara deficiencia da súa falla de dotación de recursos, que tiveron que ser suplidos, no caso de Galicia, pola política social que desenvolvía o Vicepresidente Anxo Quintana. Mais o certo é que cando Zapatero saíu do Goberno do Estado, na fin do 2011, as distintas Administracións autonómicas atendían máis de 700.000 dependentes de grao II e III.
Hai poucas semanas que CC.OO. denunciou que case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP
Mais Rajoy aprobou por Decreto-Lei unha brutal redución dos fondos ás autonomías para pagar estas axudas. O recorte suprimiu o pagamento da Seguridade Social aos coidadores e reduciu as pagas nun 15%, que moitas autonomías aínda reduciron máis, no marco desta reforma lexislativa, até o 85% coma é o caso de Galicia. Deste xeito, fronte á moi notábel atención á dependencia de Euskadi, Navarra, a Rioxa, Asturies ou Castela e León, Galicia é dos territorios que presentan peor cobertura destes servizos. A UGT dicía no 2014 que menos do 48% dos dependentes percibían prestación. Pola súa banda, hai poucas semanas que CC.OO. denunciou que case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP. Un auténtico escándalo que habería facer dimitir por vergoña á Conselleira Beatriz Mato.
Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia, mentres a supresión das deputacións podería aforrarlle á cidadanía galega case 300 millóns de euros
Unha miña amiga escríbeme contando o caso do seu pai. Hemipléxico, cunha incapacidade do 80%, non se vale por si para se vestir ou erguer da cama e precisa da asistencia continuada da súa dona, que perdeu a axuda da cotización á Seguridade Social e que ten que pagar a súa propia cota de autónomos, malia que a dedicación ao seu home impídelle traballar na súa actividade de toda a vida. A paga baixou o ano 2014 de 320 a 270 € e agora foi reducida a 68 €. Unha redución do 90% se contamos a da Seguridade Social.
E así milleiros de galegos e galegas. Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia, mentres a supresión das deputacións podería aforrarlle á cidadanía galega case 300 millóns de euros.