Rajoy, os Sanfermíns e o pecado

Esta semana estanse celebrando os coñecidos Sanfermíns en Pamplona, onde unha masa de xente corre por diante de touros bravos nun percorrido deseñado pola organización e que remata sempre no mesmo sitio: a praza de touros. Trátase dunha festa onde as masas enfervorizadas rezuman alcol e se deixan levar pola paixón colectiva.

Pois algo semellante está a pasar na actualidade económico-social. Os touros bravos que perseguen á masa serían as Administracións públicas e, sobre todo, Rajoy e o seu goberno tralos temidos axustes anunciados o mércores día 11 de xullo. A masa somos todos nós, que percibimos  o alento dos touros na nosa caluga e corremos cara onde podemos tentando escapar deles, pero sendo conscientes do seu enorme poderío. Finalmente, a organización da festa serían os  famosos “mercados”, Alemaña, a UE, o BCE, o FMI, etc, que son os que montaron o “tinglado”, contrataron ós touros, puxeron os límites ó percorrido e saben a onde nos queren levar: a ese matadoiro representado pola Praza de Touros. Ademais, o alcol cumpriría o papel do crédito, indispensable para que a festa dure máis.

Con este símil quero manifestar a miña indignación coas medidas que se están tomando para loitar contra a crise, particularmente as anunciadas o pasado día 11. Resumindo, dispárase a discreción contra case todo o que se move:

Resumindo, dispárase a discreción contra case todo o que se move

  • Funcionarios, eliminándolles as pagas extras e reducíndolles días libres. É dicir, que estes empregados, polo mero feito de traballar no sector público, van cobrar a partires de agora menos do que cobraban antes por facer o mesmo traballo. Por tanto, a desmotivación que se crea con esta medida é enorme, ademais de reducila súa capacidade de consumir.
  • Parados, a quen se lles reducen as prestacións, dando a entender que se teñen menos dereitos van buscar máis activamente traballo.
  • Consumidores, ós que nos dan unha nova navallada subindo o IVE, tanto o tipo reducido (do 8% ó 10%) coma o normal (do 18% ó 21%), equiparándonos cos estados do noso entorno (a ver cando nos equiparamos en salario) e facendo que a nosa capacidade adquisitiva (e por tanto de consumo) se reduza a niveis cada vez menores que contribúen a que o PIB diminúa no canto de aumentar, agudizando á súa vez a crise (o peixe que se morde a cola).
  • Empresas, que van ver mermadas as súas vendas polo motivo anterior, é dicir, con produtos máis caros pola suba do IVE van ingresar menos e gañar menos, do que se deduce que haberá máis despedimentos e menos investimento privado.
  • Departamento de informática da miña empresa, pois terá que adaptar o noso sistema contable ós novos tipos, que van ter que convivir cos actuais e ás veces cos de antes da suba de Zapatero.

Todo isto aparece enmascarado cunha redución do 30% no número de concelleiros, como se ese fora o gran problema

Todo isto aparece enmascarado cunha redución do 30% no número de concelleiros, como se ese fora o gran problema, dado que moitos deles non cobran un salario senón dietas por asistencia a plenos que na maior parte dos casos non son moi altas. Os alcaldes, asesores, etc das corporacións locais seguro que atoparán a maneira de quedars cos cartos que se aforran botando a ese 30% dos seus compañeiros de pleno.

E en contra desta medida está a de darlles máis competencias ás deputacións, que son organismos decimonónicos  de inspiración centralista francesa cunha esencia moi pouco democrática, pois non son elixidas directamente polo pobo senón a través de concelleiros. Ademais, na traxectoria democrática española téñense convertido en redutos da opacidade, o caciquismo e o clientelismo, dos que temos sobrados exemplos neste país cos Baltares, Cacharro Pardo ou Louzán, así como o seu correlixionario Fabra en Castellón e moitos outros.

E todo isto pasa, lembrémolo, en medio dos escándalos de Bankia, Novagalicia Banco e todas as entidades de crédito que van necesitar 66.000 millóns de euros. É dicir, que os pobres se teñen que sacrificar ou incluso vendelo pelexo para solucionárllelos problemas a aqueles que supostamente nolos deberían resolver a nós.

E todo isto pasa, lembrémolo, en medio dos escándalos de Bankia, Novagalicia Banco e todas as entidades de crédito que van necesitar 66.000 millóns de euros

Pero no fondo o que máis me preocupa é a salvación das almas (se as teñen) do presidente Rajoy e do seu partido, pois os mandamentos da lei de Deus, asumidos pola Igrexa Católica que tanto apoia ó PP, tipifican como pecado o de mentir, pois iso fai quen se presentou ás eleccións fai uns meses cun programa contrario ó que agora se está executando (nunca mellor dito). Creo que só o cardeal Rouco Varela os vai poder perdoar, iso si, sempre que non obriguen á Igrexa a tributar, por suposto.

Lembremos as críticas verquidas no seu momento (verán do 2010) contra Zapatero a conta da suba do IVE do 16% ó 18%, e a creación dunha páxina web en contra deste asunto, alegando que esta medida conduciría inevitablemente á recesión e ó paro. Eis o que nos espera, prognosticado por eles mesmos hai 2 anos.

Rajoy agora non ten a escusa alegada por Zapatero para ir en contra das súas conviccións, pois este aduciu na suba do IVE do 2010 que as cousas mudaran drasticamente dende as eleccións do 2008. A situación actual non só era ben coñecida por todos en novembro do 2011, senón que a súa gravidade foi o argumento básico (por non dicir único) para levar ó PP ó goberno de España.

Rajoy agora non ten a escusa alegada por Zapatero para ir en contra das súas conviccións, pois este aduciu na suba do IVE do 2010 que as cousas mudaran drasticamente dende as eleccións do 2008

Resulta paradoxal que esta batería de medidas anticrise chegue días despois do trunfo da selección española de fútbol na Eurocopa, que moitos medios centralistas relacionaron co gran poderío de España como país. Por certo, se iso fora así Cataluña podería ter un estado de seu, pois 10 dos campións son daquelas terras, e Galicia, coma sempre, non tería dereito a existir ó non ter enviado a ningún dos nosos á Eurocopa. Pero desgrazadamente o fútbol non deixa de ser o opio do pobo, como dixo algún teórico do balón, para que a xente esqueza que os verdadeiros heroes dun pobo non son os deportistas que acadan a gloria, senón os traballadores que se erguen cedo pola mañá e / ou se deitan tarde pola noite día a día sen aspirar a gañar ningunha copa.

Precisamente eses traballadores son os grandes maltratados pola crise e polo goberno, mentres os futbolistas non saben que facer coa prima recibida por darlle patadas a un balón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.