Temo que quen non asistiu ao Banquete de Conxo o pasado 23 non comprenda o que ocorreu se informa a través dos medios, non saiba que alí ocorreu algo absolutamente novo. Todas esas informacións e comentarios sobre que se o BNG e Podemos ou Anova ou IU ou…, son ruido e fume que oculta unha muxica viva. E esa muxica vai arder e dar luz.
Nesa xornada longa houbo de todo, momentos de tensión e incomprensión, diálogo, controversia, voces, desgustos, alegrías, apupos, emoción…, e un grande encontro unánime entre absolutamente toda a xente que alí estivo.
Prácticamente unánimes foron as mans alzadas para aprobar os acordos, as consignas, os nomes. Unánime foi a alegría coa que rematamos un día único.
Un día no que compartimos un espazo simbólico, o brinde pola liberdade dos demócratas galegos dez anos despois da Revolución Galega. Nese día contrastáronse dúas culturas políticas e conseguiron un abrazo compartido final. Eran dúas culturas incompletas cada unha por separado.
Unha cultura política que fai fincapé case exclusivamente nas organizacións e que invoca as tradicións da esquerda histórica e do galeguismo aínda que, sendo máis realista, sufíncase no antifranquismo, co que ten de radical, de valente e tamén de desfasado. Outra cultura que é partillada por gran parte da sociedade actual e que desconfía das organizacións, virada de costas a unha esquerda tradicional e a un galeguismo que foron autoreferenciados e autocomplacentes e non souberon chegar a xente, e que está alimentada polos medios de comunicación españois que reproducen as relacións de poder existentes. Esa cultura política, ten claras insuficiencias, mais incorpora dun modo natural uns xeitos democráticos esixentes que non caixan coas maneiras tanto do franquismo como do antifranquismo. Dúas culturas nunha mesma sociedade galega, dúas correntes que se precisaban unha a outra.
Nese día contrastáronse dúas culturas políticas e conseguiron un abrazo compartido final. Eran dúas culturas incompletas cada unha por separado.
Por un exemplo, para unha delas, a cultura nacionalista galega, o drama que viven os gandeiros galegos é algo fulcral, mesmo de carácter ideolóxico ou mítico, mentras que para a outra, a cultura democrática dentro dos parámetros españois, é un problema sindical de campesiños que merece solidariedade en tanto que é xusto. O que naceu o pasado día 23 de Agosto é un lugar político e ideolóxico completamente novo onde os problemas persoais e sociais dos cidadáns e cidadás galegas poden ser vistos cunha ollada compartida: poden ser interpretados dun modo nin nacionalista español nin galego, dun modo “nacional” galego.
A nación como un espazo de convivencia voluntariamente compartido polas persoas que viven neste país chamado Galicia, ou Galiza. Iso é o que saiu de alí
A nación como un espazo de convivencia voluntariamente compartido polas persoas que viven neste país chamado Galicia, ou Galiza. Iso é o que saiu de alí dunha asemblea na que participamos xente que comezou dun lado e outra que comezou do outro. Nesa asemblea xa participaron moitas persoas que a véspera acordaran o diálogo para a confluencia, o que queda por diante só é falar, acordar e darse a man. E darse a palabra de galego, veñan máis cinco! Nin o 22 nin o 23 ficou dúbida ningunha de que hai que xuntarse porque todos e todas nos fomos achegando e porque todos e todas sabemos que queremos que haxa un lugar lóxico para que partidos e organizacións de todo tipo se incorporen a este movemento cívico. Por diante o acordado é a confluencia coas correntes que poden partillar este soño e o diálogo para a inclusión cos partidos que aínda non apoian ese proceso de construción.
Quen pense que todo isto é algún tipo de ecuación con siglas non comprende o que ocorreu, o que está a ocorrer e o que vai ocorrer
Quen pense que todo isto é algún tipo de ecuación con siglas non comprende o que ocorreu, o que está a ocorrer e o que vai ocorrer. Nace unha nova cultura política cívica, nacional galega que vai anovar e facer viábel este país que tanto o precisa. Iso é o que ocorreu entre o 22 e 23 e o que non contan informacións interesadas ou pitoñas.
E se naceu algo novo é porque era imprescindíbel, só o drama dos nosos gandeiros serviría para comprender o que levamos perdido, o que nos levan feito e o que tanto precisamos: cidadanía indignada, activa e mobilizada. Queremos todo o que nos pertence e queremos gañar, defender os intereses de cada un e colectivos e ordenar para diantes os nosos asuntos pensando solidariamente o mundo e a vida desde aquí. Os partidos estatais buscan os votos no mercado, nós xuntamos vontades desde abaixo persoa a persoa, cidadán a cidadá. Iso é o que aconteceu estes días que fan historia.