Razóns para mobilizarnos este 21 de abril

Manifestación de SOS Sanidade Pública © CIG

O día 18 de abril do 2009, o señor Feijóo toma posesión como presidente da Xunta. Levamos 11 anos de desmantelamento do Sistema Sanitario Público, que ten na pandemia da COVID-19 o seu capítulo máis amargo, ata o de agora...

O número de contaxiad@s é de 119.000, o de mort@s é 2.370 (en residencias de maiores son o 45%), o de persoas con secuelas evidentes por pasar a COVID-19 e o número de persoas afectadas a nivel económico, social, laboral, etc. é inxente; todo isto é o reflexo de como está agora o Sistema Sanitario na Galiza... Explicarei por que.

As razóns para a mobilización son múltiples e todas importantes. A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia exixe normalizar a asistencia sanitaria nos Centros de Saúde e Hospitais. Que se poida ter unha asistencia de calidade e presencial é algo que debemos recuperar e poder seguir, tamén, ca atención aos pacientes doutras enfermidades non Covid. A morbilidade e a mortalidade por outras doenzas tamén aumentou de forma exponencial dende marzo do 2020 cando se decretou o Estado de Alarma no Estado español. A Consellaría de Sanidade debe normalizar as citas presenciais; e cando estas se solicitan por Internet debe permitilo (a día de hoxe, está prohibido).

O Sergas ten que deseñar un Plan Integral para afrontar de forma eficiente as listas de agarda. Coa desculpa da pandemia, as consultas, as probas diagnósticas e as intervencións cirúrxicas viron atrasada de forma dramática as súas citas, causa tamén do aumento doutras patoloxías.

Temos que ter unha información transparente e un acceso universal ás vacinas: non por dar moita información se informa mellor. As persoas teñen moitas dúbidas e iso reflíctese na cantidade de chamadas aos centros de saúde para preguntar pola vacinación: onde, como, cando ... O que quere dicir, que información si pero correcta, non.

A masificación das consultas segue producíndose e agora agravada co tema da pandemia. O Sergas, ca táctica de Feijoo de “imos facer” e non de “fixemos” ten parada as oposicións, atrasándoas dun ano para outro, e os postos de traballo sen cubrir. A Mesa Sectorial, lugar de encontro cos sindicatos para resolver os problemas dxs traballadores e a falta de persoal, segue en suspenso e a necesidade de cubrir as prazas non se fai. O ter que acumular o traballo dos compañeiros que non están, provoca máis masificación das consultas.

A precariedade laboral é algo xá endémico do Sergas: traballar por días e cobrar por horas, por semans e non pagar a fin de semana, por meses e ter que ir mes a mes a firmar un contrato dunha vacante, son prácticas diarias na “empresa máis irregular que existe”, que é o Sergas. O tema da inestabilidade e a non conciliación da vida laboral e familiar é o pan de cada día!

A segunda reforma que fixo o señor Feijoo da Lei Galega de Saúde do ano 2008 é para sancionar a poboación, a quen fai responsable día a día dos contaxios producidos. O PP nunca  ten a culpa de nada: ou é do Goberno central ou é da oposición en Galiza ou ds propis cidadáns... 78 veces ten a palabra “sanción” esta reforma da lei. Como xa dixemos, é inconstitucional en moitos aspectos e así o ten recorrido o Executivo central. Xa a primeira reforma eliminou a participación cidadá na toma de decisións e retirou 4 Áreas Sanitarias vitais para as súas comarcas.

Cando falamos de “Recuperar o Sistema Sanitario Público na Galiza” dicímolo para informar á xente, non a través dos voceirxs da Xunta de Galicia, que son moitos e moi poderosos, senón para que se coñeza a Sanidade Real e non a que nos contan xs acólitos de Feijoo.

Este 21 de abril faremos mobilizacións en todas as localidades da Galiza; en Compostela, verémonos na Praza do Obradoiro, as 20 horas, cada quen co cartaz que considere e gardando as distanzas de seguridade que exixe o protocolo Anti-Covid-19. Cantas máis sexamos, máis forte lle diremos ao PP e ao señor Feijoo o que pensamos da situación actual da Sanidade. Si somos moitos, terán que escoitarnos e ao facelo terán que actuar e así melloraremos a calidade asistencial da xente. 

Anímate e participa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.