Rearmar as elites para empobrecer á maioría

Soldados, nunha operación CC-BY-SA IDF Spokesperson's Unit

Fabricando o medo

Estamos metidos de cheo nunha estratexia delirante encamiñada á fabricación dun clima belicista e militarista na Europa, onde se está a xerar unha sensación de medo e ameaza que consiga convencer á opinión pública da necesidade incuestionábel de incrementar as partidas orzamentarias estatais para mercar armas con prioridade sobre calquera outra necesidade social

Estamos metidos de cheo nunha estratexia delirante encamiñada á fabricación dun clima belicista e militarista na Europa onde, coma advertiu Jordi Calvo, coordenador do Centro Delàs de Estudos pola Paz, estase a xerar unha sensación de medo e ameaza que consiga convencer á opinión pública da necesidade incuestionábel de incrementar as partidas orzamentarias estatais para mercar armas con prioridade sobre calquera outra necesidade social.

O secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, percorren Europa profetizando a inevitabilidade e a inminencia da guerra e predicando o rearme. Así, a reimplantación do servizo militar obrigatorio cobra cada vez máis forza en varios países da UE e, na Alemaña, parte do espectro político xa pide a súa restauración con extensión á poboación feminina ao tempo que se reforma a Constitución para elevar o gasto de defensa por cima dos límites que fixaba a súa propia disciplina fiscal. Os países bálticos e Polonia acordan abandonar a Convención de Ottawa coa idea de poder a despregar minas antipersoa na súa fronteira con Rusia. Polonia pide a Washington o despregamento de armas nucleares e non convencionais no seu territorio á vez que activa un plan de instrucción militar para arredor de 100.000 varóns cada ano.

Para aportar un toque dramático e cinematográfico, Bruxelas pide que todos os fogares europeos teñan reservas de auga, medicamentos, baterías e alimentos para subsistir 72 horas sen axuda externa en caso de crisis e na Francia vaise enviar un manual de supervivencia para saber como actuar en caso dunha emerxencia nacional o dunha “ameaza inminente”. A traxicomedia se proxecta con formato de realidade aumentada!

 

Crise de hexemonía

A crise de hexemonía dun Norte Global liderado por EE.UU. e que se manifesta no devalo progresivo do seu control sobre a política e a economía mundiais. está a provocar un acelerado proceso de recomposición da orde mundial que explica a recuperación dun discurso de confrontación e ameaza característico da época da guerra fría. Pensemos que, desde 1945, EE.UU. comezou a consolidar a súa hexemonía mundial mediante a dirección dun occidente capitalista que construiu unha “orde internacional baseada en regras” orientada a promover os intereses políticos, militares e económicos das súas clases dominantes e dirixida contra os movementos e gobernos que pretendesen protexer os seus recursos e a súa soberanía nacional ou estabelecer modelos económicos alternativos aos ditados polas corporacións multinacionais e as institucións financeiras. Deste xeito, riquezas por valor de billóns de dólares son saqueadas e transferidas desde o Sur Global aos núcleos de poder do capitalismo xunto cunha permanente destrución dos territorios e dos medios de vida de inxentes masas de poboación.

Donald Trump propón aos países da OTAN incrementar o gasto en defensa até o 5% do PIB e, deseguido, o secretario xeraral de la OTAN di que o umbral de gasto en defensa do 2% do PIB, que os aliados se marcaran, xa non dá para situación actual. Rapidamente, Emmanuel Macron declarou que os estados europeos deberían estar preparados para subir o gasto en defensa ao 3% ou ao 3,5% do PIB

Porén, a instrumentalización e chantaxes das institucións finaceiras internacionais, a serie continuada de crises do proceso de globalización neoliberal e a indefensión fronte ás políticas monetarias e imperialistas do centro, crebou definitivamente a confianza na axenda neoliberal do consenso de Washington. Foi así que países emerxentes e en desenvolvemento comezaron a reconsiderar a súa dependencia dos EE.UU. e a tomar conciencia da necesidade de rachar co unilateralismo, coa dependencia e cunha orde tutelada pola OTAN. China logrou incrementar o mercado interno (mediante a erradicación da pobreza absoluta), expandir o seu mercado externo e enormes avances en teconloxía, logrando convertirse na maior potencia manufactureira. Igualmente, artellouse o grupo dos BRICS que, xunto con outros países, contemplan a reactivación do desenvolvemento do Sur Gobal coa creación de novos organismos e sistemas monetarios, comerciais e financeiros. Porén, incapaces e sen vontade de construir un proxecto social e político que ofreza solucións aos grandes problemas da humanidade, as elites dirixentes dos EE.UU. e do seu bloque apostan pola estratexia de manter o seu dominio global a calquera custo, mesmo ao dunha confrontación militar.

 

Subordinación das elites europeas

Neste segundo mandato, Donald Trump marcou coma primeiro obxectivo unha reordenación do rexime global que equilibre o enorme déficit comercial dos EE.UU. co resto do mundo. Por isto adopta políticas arancelarias proteccionistas; defende a supresión de calquera norma, obstáculo ou barreira que dificulte a carreira desesperada pola apropiación e uso de recursos enerxéticos e prescinde daquelas normas e institucións que non se acomoden a esta finalidade. O segundo obxectivo, mantendo a liña dos seus antecesores, é o de conter e someter a China, freando o seu ascenso como potencia económica e xeopolítica e acadar, como xa recomendara Brzeziński, unha posición de claro dominio na rexión Asia-Pacífico.

Esta estratexia alarmou ás elites gobernantes europeas que colleron medo de ver minguar a posición de dominio global da que gozan ao amparo do poder militar norteamericano. Elites que, nunha resposta cosmética, pretenden dar a apariencia de autonomía estratéxica mais sen cuestionar o modelo expansionista e autoritario de Trump e pregándose ás súas esixencias de incremento do gasto militar. Europa recúa na defensa da paz, da diplomacia, do benestar social e da propia democracia a fin de non perder tallada no reparto imperialista. Abonda con ler o recente Libro Branco da Defensa Europea onde a OTAN, citada 25 veces, aparece coma o pilar fundamental da seguridade europea e Estados Unidos coma un aliado esencial.

Gasto militar e submisión

Donald Trump propón aos países da OTAN incrementar o gasto en defensa até o 5% do PIB e, deseguido, o secretario xeraral de la OTAN di que o umbral de gasto en defensa do 2% do PIB, que os aliados se marcaran, xa non dá para situación actual. Rapidamente, Emmanuel Macron declarou que os estados europeos deberían estar preparados para subir o gasto en defensa ao 3% ou ao 3,5% do PIB. O chanceler alemán promove unha lei para poder endebedarse no gasto militar. Tamén Pedro Sánchez se comprometeu a elevar ese gasto. Malia que o artigo 41.2 do Tratado Fundacional da Unión Europea prohibe os gastos relacionados coa defensa e o exército, a Comisión Europea vai mobilizar 800 mil millóns de euros para gastos en defensa, cun plan denominado Rearmar Europa, dos que 150 mil millóns serán en concepto de préstamos. E, a esta fin, vaise utilizar unha cláusula de escape para que o aumento do déficit e da débeda que se produza polo gasto militar non se compute nos límites dunhas regras fiscais que sempre se invocan contra o gasto social. Un plan con campaña de propaganda incluída nos medios de comunicación, acerca dos beneficios do Keynesianismo militar e vendendo a guerra como unha oportunidade de desenvolvemento económico. Un Keynesianismo militar que, como di o economista Michael Roberts, avoga por cavar tumbas e enchelas de cadáveres para crear empregos. 

Mais, a quen vai beneficiar este despropósito? Segundo o Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo, os países europeos xa duplicaron a importación de armamento desde a guerra de Ucrania en 2022. Arredor do 60% deste armamento procede de Estados Unidos, un país que fornece catro de cada dez armas que se venden no mundo. Ademais, semella que, coma mínimo nunha década, non hai capacidade industrial e tecnolóxica para garantir a autonomía militar respecto de EE.UU. Así que, vasalos da orde tecnofeudal, os e as europeas imos empobrecernos para incrementar as contas de resultados das grandes empresas de armamento USA como Lockheed, Boeing, Raytheon, Northrop, GeneralDynamics ou L3Harris Technologies, ou das europeas Bae Systems, Thales, Leonardo, Rheinmetall, Saab ou Indra, entre outras.

 

Disparar ao Estado de Benestar

A ameaza dunha invasión Rusa a Europa non é críbel nin serve para xustificar este rearme. O que de verdade precisamos é máis democracia, mási diplomacia e máis redistribución da riqueza

Non hai moitas opcións para finaciar o belicismo: ou se asume máis débeda, ou se incrementa a carga fiscal, ou se reduce o gasto público noutras partidas, e calquera delas xa sabemos quen a vai soportar. Como era de agardar, por onde queira choven as chamadas para recortar o gasto social. O primeiro, o secretario xeral da Alianza, Mark Rutte. que sen cortarse nada dixo abertamente que os cidadáns dos Estados membros da OTAN deben aceptar sacrificios, como recortes nas súas pensións, sanidade e sistemas de seguridade social, para aumentar o gasto en defensa. Coma voceiro do grande capital, o Finacial Times, fala cinicamente da substitución do welfare state polo warfare state, defendendo que Europa debe recortar o seu estado de benestar para construir un estado de guerra no que cómpre recortar en gasto social. O goberno laborista británico acaba de anunciar que para ir chegando ao 2,5% do PIB en defensa, este ano xa comenza a recortar en prestacións sociais e a reducir a contratación de empregados públicos. Isto, e moito máis, é o que nos agarda a toda a cidadanía europea en sanidade, educación, pensións, infraestruturas e protección social se non somos quen de contrarrestar a propaganda militar e convencernos de que a auténtica seguridade está naquel achado dun fémur roto e curado, dun antepasado do paleolítico, e que a antropóloga Margaret Mead nos puxo coma exemplo dun acto que significaba cuidar e protexer a un ser humano vulnerábel por un grupo social, marcando o nacemento da ética e do humanismo que nos axuda a sobrevivir.

Entre 2021 y 2024, o gasto total en defensa dos Estados membros da UE medrou máis dun 30%. En 2024 acadou uns 326 mil millóns de euros, arrededor do 1,9% del PIB da UE. Só Estados Unidos supera esta desmesura. A ameaza dunha invasión Rusa a Europa non é críbel nin serve para xustificar este rearme. O que de verdade precisamos é máis democracia, mási diplomacia e máis redistribución da riqueza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.