Rebelión e extinción

En dous países veciños, Francia e Reino Unido, estanse a desenvolver nas rúas protestas con obxectivos completamente opostos e que, na miña opinión, son fundamentais para entender como se pode desenvolver o futuro inmediato da humanidade. Mentres o que ocorre en Francia está a ser amplamente difundido polos medios de comunicación españois, do caso británico practicamente nada sabemos.

En Francia os chamados chalecos marelos saen ás rúas para protestar por incremento do prezo dos combustibles. Aquí é onde está o núcleo do problema porque os combustibles fósiles non poden baixar de prezo, non poden ser baratos, simplemente porque se están a esgotar

En Francia os chamados chalecos marelos saen ás rúas para protestar polo deterioro xeral das condicións de vida e de traballo: un salario mínimo pequeno (case o dobre que o español, todo hai que dicilo) e, sobre todo, un incremento do prezo dos combustibles. Aquí é onde está o núcleo do problema porque os combustibles fósiles non poden baixar de prezo, non poden ser baratos, simplemente porque se están a esgotar. En definitiva os chalecos marelos non se decataron de que o pico ou teito do petróleo foi xa hai unha década. E non podemos culpalos por ese erro de cálculo porque, como suxería ao inicio, os medios de comunicación poñen luz en determinados feitos mentres que eclipsan outros e tamén porque os estados están a levar outras axendas que pouco teñen que ver con esta realidade. Compre peneirar algunhas cuestións básicas para non tropezar na primeira pedra como fan os chalecos marelos franceses que sinalan, en primeiro lugar, a unha suba de impostos sobre o gasoil. Vexamos. 

Coincide este movemento con, por exemplo, o anuncio en España de que o gasoil subirá moito nos próximos meses e que os coches de explosión serán prohibidos en 2040. Cóntasenos que non debemos xa mercar un só coche a gasoil máis e mesmo son os máis penalizados para entrar en moitas cidades. Por que falamos disto agora? O que se nos di é que contaminan máis; ben, isto xa o advertía o movemento ecoloxista hai 40 anos. É máis, os motores diésel teñen mellorado neste aspecto nos últimos tempos. O que non se está a dicir claramente é que xa sobrepasamos o pico do gasoil e comeza a escasear. Disto falábase en revistas de coches tamén hai xa anos, vamos, que non é dato oculto, simplemente miramos para outro lado. O gasoil extráese de petróleos de alta calidade e o problema e que xa non quedan. Non chega, tampouco, con engadirlle biodiésel procedente do aceite de palma que destrúe importantes ecosistemas no outro lado do planeta, contribuíndo máis ao cambio climático e ao deterioro da vida de millóns de persoas.

En realidade o gasoil para vehículos privados é un problema moi menor. Con motores diésel funcionan a agricultura, a pesca, o transporte de mercadorías, a maquinaria pesada… o que se trata de facer coa demonización do gasoil hoxe é gañar algo de tempo, alongar unhas décimas de segundo a conta atrás para un colapso civilizatorio. Polo tanto a loita dos chalecos marelos franceses é, en realidade, irrelevante (salvo como símbolo do inicio do colapso), pouco importa, por tanto, se o imposto ao gasoil é un pouco maior ou menor. En definitiva, ante esta situación de escaseza alguén tomou a decisión de gañar ese tempo e manter beneficios a costa das rendas menos favorecidas, as máis prexudicadas, mentres ás grandes compañías aínda se lles baixan os impostos. 

De momento, pensar en abandonar o carbón e simultaneamente alimentar con electricidade un parque automobilístico similar ao actual non parece moi real

O que se nos está a dicir coa prohibición dos vehículos con motor de combustión é que non vai haber transporte privado, simplemente non haberá vehículos particulares, máis ben, van a ser só para unha elite económica. Aquí xorde o asunto do vehículo eléctrico. Á espera de avances tecnolóxicos, non parece unha opción viable masiva como agora o é o vehículo con motor de explosión. Podemos agardar, claro está, melloras coas baterías, coa súa duración e reciclaxe, novos materiais, etc, pero é unha historia que aínda está por escribir. De momento, pensar en abandonar o carbón e simultaneamente alimentar con electricidade un parque automobilístico similar ao actual non parece moi real, tamén polo gran consumo enerxético que vai traer renovar ese parque, caso de que fora posible. Isto ten outra consecuencia, a industria do automóbil está xa probablemente no seu pico, comeza o devalo e, por exemplo, a demanda de aceiro e aluminio caerá estrepitosamente (ollo aquí con Alcoa, por exemplo, e outras industrias-zombi). 

Realmente algunhas das centrais térmicas máis contaminantes do planeta son móbiles: os grandes buques mercantes que cruzan os océanos levando cousas dun lado para outro

En calquera caso o problema real, apuntaba, vai ser o transporte de mercadorías, a pesca, pero sobre todo, a agricultura. Van ter que cambiar radicalmente. Forzosamente o transporte de bens vai decrecer. E aquí chegamos a outro punto interesante. Realmente algunhas das centrais térmicas máis contaminantes do planeta son móbiles: os grandes buques mercantes que cruzan os océanos levando cousas dun lado para outro. Son uns 90.000 barcos que funcionan con fuel, responsables de entre o 18% e o 30% de todas as emisións mundiais de óxido de nitróxeno (NOx) e o 9% das de óxido de xofre (SOx). Os dezaseis (16!) barcos mercantes máis grandes do planeta contaminan igual que 760 millóns de coches (en Europa hai 299 millones segundo a European Automobile Asociation Manufactures Association). E tamén haberá que revisar se podemos (non se queremos ou debemos) seguir voando, especialmente ao ritmo que se fai nestes días. Non é unha mala nova, a medida que vaiamos freando as emisións irán diminuíndo, menos enerxía dispoñible é un mundo moito máis simple con relacións económicas moito máis curtas. 

O capitalismo terminal, porén, está disposto a aproveitar ata a última gota de combustible. En vez de adiantarnos, limitar os impactos e adicar recursos, paradoxalmente, a decrecer, vanse adicar a chucharlle o zume a todo o mundo. Non nos adiantamos a unha mobilidade sen vehículo privado senón que somos invitados a gastar noutra tecnoloxía (gasolina, híbrida) e mesmo promóvense irresponsablemente e sen debate público opacos tratados de comercio internacionais. Por exemplo, cantas persoas teñen ouvido falar do tratado de libre comercio entre a UE e Xapón (JEFTA) asinado en xullo e que se ratificará nuns días no Parlamento Europeo?. Isto non é transición ecolóxica, é simple neoliberalismo que prepara o ecofascismo xa para a próxima década.

Grupos de cidadáns autoorganizados que se citan para rebelarse contra as autoridades para tratar de evitar a extinción. A extinción de que? A resposta máis inmediata é a extinción de especies, esa perda brutal de biodiversidade

Mentres, o que ocorre no Reino Unido non sae na televisión e tan só aparecen minimamente nalgún xornal dixital. Cortan estradas e rúas, tamén bloquean pontes e mesmo o parlamento británico e son detidos. Trátase de aproveitar a última ventá de oportunidade que quizais teñamos de limitar os danos ao planeta e a nosa propia civilización. É o movemento XR ou Extiction Rebelion e que poderíamos traducir por Rebelión contra a Extinción. Grupos de cidadáns autoorganizados que se citan para rebelarse contra as autoridades para tratar de evitar a extinción. A extinción de que? A resposta máis inmediata é a extinción de especies, esa perda brutal de biodiversidade, un problema á mesma altura que o cambio climático por exemplo, sen esquecer en ningún momento que un dos factores máis determinantes da perda de biodiversidade é precisamente ese cambio climático que a súa vez o alimenta. Agora o movemento XR estase xa internacionalizando e agardo que teña o eco que merece.

Chama a atención que o movemento dos chalecos marelos franceses estea apoiado por un abano moi amplo, dende persoeiros de extrema dereita a organizacións de esquerda. De feito, case poderíamos dicir que hai unha especie de competición para ver quen o capitaliza. Parece como se no pensamento da esquerda non entrara a variable enerxía por ningún lado nin entran cálculos simples que mesmo a Comisión Europea xa anunciou hai uns días co anuncio de poñer fin á era dos combustibles fósiles.

Centrarse en continuar igual ata a última gota de gasoil en vez de decrecer de xeito planificado significa situarse nunha postura fondamente reaccionaria e mesmo irreal

Centrarse en continuar igual ata a última gota de gasoil en vez de decrecer de xeito planificado significa situarse nunha postura fondamente reaccionaria e mesmo irreal. O capitalismo fosilista terminal xa tomou as súas decisións, non debemos ser cómplices.  Temos, en realidade, rebelarnos para limitar os danos e hai que facelo xa. Rebelarnos contra as autoridades a todos os niveis administrativos porque todas elas poden emprender accións dentro das súas competencias para evitar a extinción. En realidade, a extinción da civilización humana.

Ti con quen te quedas? eu teño claro que debo rebelarme contra a extinción. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.