Reboredo indultado pola sociedade

Levamos un par de semanas cun tema que está a ter transcendencia mediática polo que supón de menoscabo da función xudicial e da separación de poderes. A discrecionalidade coa que os diferentes gobernos democráticos usan a gracia da concesión de indultos choca frontalmente coa independencia xudicial. Que un goberno, cuxas únicas funcións son a executiva e a lexislativa se meta de cheo en decidir fora do marco que compete á xudicatura que uns pódense librar das penas decretadas por un xuíz, choca coa idea fundamental que emana da constitución española, tomada polos estados democráticos dende a revolución francesa, da división de poderes.

A discrecionalidade coa que os diferentes gobernos democráticos usan a gracia da concesión de indultos choca frontalmente coa independencia xudicial

O goberno de Rajoy, despois de conceder máis de 400 indultos, moitos deles por prevaricación, tráfico de influencias, alteración do prezo das cousas; na mayoría dos casos cargos públicos electos que teñen que velar polo interese xeral, decide denegar o indulto dun vigués de 43 anos veciño do barrio do Calvario. Nace o caso David Reboredo.

Coñezo a David Reboredo dende que no curso escolar de 1983/84 comezamos os estudos de bacharelato no IES Castelao do Calvario, en Vigo. Daquela era directora do centro Marilar Aleixandre, e estudaba terceiro de bacharelato Carlos Aymerich. Era un centro ubicado nun populoso barrio obreiro de Vigo; digamos que aínda non se pode dicir que fora, como é hoxe en día, un barrio de clase media. Nese Instituto mesturábanse diferentes estratos sociais, coincidían os integrantes de famosos grupos musicais como Aerolíneas Federales e incluso permanecía no espírito do centro o paso dos xenuínos Siniestro Total. Tratábase dunha época na que o compañeiro Manuel Soto creou o famoso grupo policial do 092, os pitufos ou cerotes.

David Reboredo era un rapaz menudo, tímido e educado. Era pequeno e fibroso e xogaba ao balonmán no clube que tiña a súa sede na rúa do Cristo, o Santa Cristina de Lavadores. Lembro a David coma un rapaz tímido pero intelixente, que tiña previamente unas notas elevadas. Pero, como dicía, o IES Castelao había de todo e, xa no primeiro curso deu co mellor de cada casa. Non direi nomes, porque en moitos casos, moitos deles xa non están connosco, pero calquera que estudara neses anos no IES Castelao, sabe ao que me refiro.

Coñezo a David Reboredo dende que no curso escolar de 1983/84 comezamos os estudos de bacharelato no IES Castelao do Calvario, en Vigo

O consumo de cannabis, maría… e vaite ti a saber que máis, era norma xeral en determinados grupos da nosa idade. Pequenos palos a compañeiros, pequenas transaccións de substancias. Como se dicía daquela, era o normal. Pero o normal convertíase en hábito e en forma de vida. Pasaron os anos e non volvín saber nada del, como de moitos compañeiros do bacharelato. Hai trinta anos o Facebook e as redes sociais non existían, por non existir nin había telefonía móbil.

Trinta anos despois abro un diario e vexo a David, ao que o paso do tempo e a vida dentro do mundo das drogas lle pasaron factura. Disque despois de moitos anos e intentos, despois de consumir, traficar e ter detencións por roubos con violencia e tráfico de estupefacientes está rehabilitado e é una persoa integrada e útil para a sociedade; é una persoa comprometida socialmente, que axuda aos que están intentando deixar as drogas como fixo el mesmo. Hoxe, moitos daqueles compañeiros cos que comezou a coquetear coas drogas están mortos, pero el sobreviviu.

O que non é xusto é que unha xustiza excesivamente lenta corte a nova vida de David e deixe nunha situación precaria o seu pai, un home cego octoxenario

Posiblemente sexa xusto que teña que pagar a súa débeda coa sociedade, pero o que non é xusto é que unha xustiza excesivamente lenta corte a nova vida de David e deixe nunha situación precaria o seu pai, un home cego octoxenario.

A reintegración social dos delincuentes é o que se persegue na política penitenciaria en España e David tivo que reintegrarse, como tantos outros, polos seus propios medios. Non é xusto que una vez reintegrado na sociedade teña que pasar pola cadea para facer o que presuntamente fixo pola súa conta. E resulta noxento que o goberno denegue o indulto cando está a indultar a xente que nos fai a todos cada día máis pobres.

A reintegración social dos delincuentes é o que se persegue na política penitenciaria en España e David tivo que reintegrarse, como tantos outros, polos seus propios medios

O goberno tiña que preguntarse se os afectados polos pequenos roubos e incluso agresións que cometeu David na súa enfermidade, porque lembremos que a drogadicción é una enfermidade, perdoarían a día de hoxe a David. Eu coido que si.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.