Reclamando na atención primaria

Consulta de Atención Primaria CC-BY-SA Sergas Ourense

Quizais se comezo cunhas palabras xerais sobre o desmantelamento da atención primaria, perda lectores antes de que cheguen ao seguinte parágrafo. Máis do mesmo, pensarán, nada que non saibamos xa, un artigo máis para esa montaña de queixas que acumulamos neste mundo virtual, pero que non parecen levarnos a ningures. 

Teño un problema de saúde e nun mes atendéronme tres veces, tres persoas diferentes, só por teléfono. Ningunha das chamadas durou máis dun minuto

Sen embargo, sinto a necesidade de compartir o meu caso particular, sexa por unha lixeira esperanza de que alguén o lea e se sinta inspirado ou apelado, sexa por puro enfado visceral. 

En agosto mudeime a Vigo e tiven que solicitar centro médico. Asignáronme unha médica de atención primaria que, sen eu sabelo nese momento, leva meses de baixa e non se lle espera pronto. Non ten persoa substituta, polo que na práctica, non teño médica asignada, nin eu nin o resto de pacientes seus. Non podo pedir citas con antelación nin pola aplicación móbil, só podo chamar por teléfono e que me inclúan neses días nalgún oco que teña outra persoa de atención primaria. Teño un problema de saúde e nun mes atendéronme tres veces, tres persoas diferentes, só por teléfono. Ningunha das chamadas durou máis dun minuto.

Loitar individualmente contra A Administración, ese ente descoñecido que parece agochado tras muros de aceiro, é desesperanzador. Así é que cada vez máis xente acaba optando por pagar unha consulta privada

Hoxe unha persoa de administración díxome por fin: "O mellor que podes facer é poñer unha reclamación por escrito, é a única forma de que envíen máis persoal. Se os pacientes non reclamades non van facer nada, é o único que funciona. E cantas máis reclamacións haxa, mellor". 

Loitar individualmente contra A Administración, ese ente descoñecido que parece agochado tras muros de aceiro, é desesperanzador. Así é que cada vez máis xente acaba optando por pagar unha consulta privada e atopar unha solución rápida, non ter que loitar. Asumimos, porque esixir o que nos corresponde é esgotador e semella non ir a ningures. 

Mais esixir é o que temos que facer. Necesitamos encher os centros de saúde desa burocracia pensada como un filtro, posta para que desaparezamos silenciosamente. 

Esixir é o que temos que facer. Necesitamos encher os centros de saúde desa burocracia pensada como un filtro, posta para que desaparezamos silenciosamente

Reclamar porque non temos médicas e médicos suficientes, reclamar porque non abondan as citas telefónicas de tres minutos por paciente, reclamar porque non hai médicas especialistas que poidan atender con seguridade e profesionalidade unhas listas de espera quilométricas. Reclamar, ao fin e ao cabo, porque os nosos servizos básicos desaparecen diante das nosas faces. 

Isto escríboo, por suposto, despois de ir en persoa e poñer a miña reclamación por escrito. E gustaríame pensar que non son a única que o vai facer. Aínda sendo un acto individual, cando sumamos varios convértense nun berro colectivo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.