Prezado amigo Antón:
Áchote de menos. Desde que puxeches mar por medio e te instalaches en Edimburgo como lector de galego ocorreron moitas cousas no país. Daquela, lembra, andaba moi preocupado co tema da desfeita urbanística sufrida na nosa terra. Cantas esperanzas non tiñamos postas nos aires de cambio que percorrían o país! Pero o noso exceso de confianza, a deslealdade dalgúns compañeiros e compañeiras de viaxe, e a inxenuidade por considerarmos que os que sempre gobernaran o país xa estaban acabados, levounos á derrota. Ás veces, asáltanme as dúbidas acerca das intencións de todos naquela aventura polo cambio. Remabamos uns e outros na mesma dirección?
Cantas esperanzas non tiñamos postas nos aires de cambio que percorrían o país! Pero o noso exceso de confianza, a deslealdade dalgúns compañeiros e compañeiras de viaxe, e a inxenuidade por considerarmos que os que sempre gobernaran o país xa estaban acabados, levounos á derrota
Despois desta semana tan convulsa no mundo das finanzas, na que un feixe de ladrillos a xeito de aguillóns envelenados enfastiou as conciencias e furou a esgalla o honor e a honra dunhas elites económicas de cartón pedra, non podo máis que lembrar que, se non coidamos a paisaxe a través dun desenvolvemento sustentábel, e se non dignificamos a lingua facendo dela un valor en si mesmo que imprima valor á nosa vida colectiva tanto no eido social e cultural como no económico, non temos futuro.
Estamos a recoller a semente botada ao longo dos anos por toda a sociedade galega. Si: tamén por nós mesmos cando nos deixamos levar con razoamentos a curto prazo ao usarmos a lingua como ariete político. Ninguén ten o privilexio dun uso apropiado deste ou doutros temas; outra cousa é que a súa actividade diaria referende o seu tratamento apropiado. Por que razón cando nun concello se atenúan as proclamas a prol do galego non se di nada e, porén, noutros casos achácase pouca ousadía por non levar ata as últimas consecuencias a reivindicación da lingua?
Estamos a recoller a semente botada ao longo dos anos por toda a sociedade galega. Si: tamén por nós mesmos cando nos deixamos levar con razoamentos a curto prazo ao usarmos a lingua como ariete político
Que é máis importante: venerar e idolatrar a reivindicación do galego ou lograr os apoios necesarios para levar a cabo políticas de dignificación e potenciación (a fin de contas, de normalización) do uso da lingua galega? Pola súa banda, que algúns compañeiros de viaxe se dedicaran a dar creto a toda unha campaña de difamación contra a nosa lingua para empregala nas súas leas internas contra terceiros foi covarde e mesquiño e deixa agora en evidencia aos seus líderes querendo mudar de política. Benvido sexa o cambio, pero recoñezamos antes o erro cometido. Igual que co vento.
Mais non esquezamos quen foi o principal promotor das políticas contra o galego
Mais non esquezamos quen foi o principal promotor das políticas contra o galego. O PP (autodenominado “de Galicia”) puxo en marcha con claros intereses electorais e partidarios unha campaña de desprestixio contra a nosa lingua como nunca ousara facer ninguén desde os anos da transición. Que se o galego limita, que se pecha portas, que se é de aldea, que se pode afectar ao desenvolvemento das capacidades intelectuais… Unha ollada ás 55 mentiras sobre a lingua galega sería bastante ilustrativa a respecto das barbaridades proferidas sobre a nosa lingua, sobre nós mesmos como colectividade.
E co consentimento dunhas autoridades políticas e económicas que coidaban que, mentres atacaban ao galego (para eles ao nacionalismo galego) garantían mellor as posibilidades de recuperar o poder político coa fin de desenvolver as políticas económicas máis acaídas aos seus intereses. Meus probes currichiños! A ver que demo fan agora, tras esta semana tráxica na que máis unha vez lle apertaron as caravillas (nada, unha parvada de case 1200 millóns máis, unhas faragullas).
Velaí o infortunio dunha clase dirixente (política e económica) que asiste impotente á traxedia de quen renegou de si mesmo como colectividade en aras de ser mellor considerado e agora atópase con que fan del un pandeiro que, por moi de cacique que sexa, vai rachar en mil e un anacos. Ver agora ao conselleiro de industria facendo de antieuropeísta polo tax-lease, ou ao presidente da Xunta querendo aparentar defender a lingua galega por unha actuación concreta no Parlamento español, ou querendo dar a impresión de ameazar con romper a baralla se Galiza non recibe o mesmo trato que outros, da mágoa.
Onde vai o brillo escintilante daquela burguesía coruñesa que ía comer o mundo para amolar aos vigueses? Onde o dos espelidos do financeiro de Vigo na súa guerra santa, localista, por suposto, contra o diaño encriptado no coruño?
Onde vai o brillo escintilante daquela burguesía coruñesa que ía comer o mundo para amolar aos vigueses? Onde o dos espelidos do financeiro de Vigo na súa guerra santa, localista, por suposto, contra o diaño encriptado no coruño? Tras tanto negárense como galegos que son renegando do propio, nomeadamente daquilo que os diferenza, a lingua, agora son iso, uns “ninguén” devorados polo vórtice especulativo dun desenvolvemento cego. Que rapazas como Marta se atrevan a saír por aí diante dicindo que “el gallego es de paletos” non estraña nadiña. Sorte que os produtores do pemento de Herbón ben nos mostraron que a singularidade é a que nos pon no mundo, non a xeneralidade.
A súa xestión cada vez máis populista e provinciana móstranos ás claras a súa mirada a curto prazo: a que vén iso de non poñer as declaracións en galego porque a edición dixital chega a todo o mundo e non as van entender?
E se pretenden consolárense estes burguesóns de cartón pedra con dous ou tres medios de comunicación que lles fagan as beiras cando casen o mellorado ou vaian de cea-homenaxe polas comarcas do país, van de cu! Tanto eles como os devanditos medios. A súa xestión cada vez máis populista e provinciana móstranos ás claras a súa mirada a curto prazo: a que vén iso de non poñer as declaracións en galego porque a edición dixital chega a todo o mundo e non as van entender? Paspáns do nabo! Como se non houbera capacidade técnica suficiente para suplir as dificultades que se presentaran. Cando non queren, non queren e ó demo, oes! A guinda a este cúmulo de despropósitos púxoa a TVG esixíndolle a unha xornalista que evitara o uso da gheada porque non era propio dunha televisión seria. Iso si: a incompetencia do presentador do Telexornal do mediodía que cada xornada fusila o uso correcto do pronome enclítico, iso… iso é arte, amigos meus! Xornalismo en estado puro!