Reconstruír Europa, instituír o Sur

Europa é a cuestión. Pero a dicotomía que nos dá a elixir entre estar dentro ou fóra dela, enfróntanos a dúas opcións perniciosas. Queremos reformular aquí a pregunta, ofrecendo xa a resposta: o Sur, instituír o Sur. E o xeito de facelo: servíndose do protagonismo político que asume a política de movemento.
Empecemos por isto último.

 

I. Movementos

Dende o levantamento da primeira acampada quedou claro que a impugnación da distribución vixente do político, cos seus partidos e sindicatos oxidados, non quedaría na razón destituinte do "que se vaian todos"

A diferenza doutros movementos, dende os seus propios inicios os indignados expresáronse en termos de poder constituínte. Dende o levantamento da primeira acampada quedou claro que a impugnación da distribución vixente do político, cos seus partidos e sindicatos oxidados, non quedaría na razón destituinte do "que se vaian todos", berro que significara moitas das revoltas habidas dende a Arxentina piquetera ata, tan só uns meses antes do 15M, a mobilización portuguesa de Geração à Rasca. O que comezou o 15 de maio de 2011 invocando a praza Tahrir e o non pagamento islandés, foi outra cousa, ou mellor dito, é doutro xeito. Certo que non ía formar un partido, pois a súa política crece noutra dimensión, pero tampouco contentaríase coa simple negación, deixando pasar o urxente desafío de axudar a transformar, dende a política de movemento, a política parlamentaria.

O que comezou o 15 de maio de 2011 invocando a praza Tahrir e o non pagamento islandés, foi outra cousa, ou mellor dito, é doutro xeito. Certo que non ía formar un partido, pois a súa política crece noutra dimensión, pero tampouco contentaríase coa simple negación

Quizais sexa oportuno contrastar, con fins heurísticos, o seu xeito de ser e a doutros experimentos recentes latinoamericanos. Se o seu non era o "que se vaian todos", condenado a prescindir dunha elaboración no seo do movemento, unha elaboración no transcurso do movemento da forma e os contidos desexados para o partido que debe opoñerse ao espolio e levar aos órganos de goberno a rexeneración democrática esixida, tampouco sería, como en Venezuela, Bolivia e mesmo Ecuador, a potencia inmanente ao partido que o erguera e/ou mantivese na presidencia. No caso arxentino, a súa limitación ao destituínte signou os desenvolvementos ulteriores: o partido que ousaba enfrontarse ao FMI e ao Banco Mundial declarando ilexítima boa parte da débeda, só puido apoiarse no movemento dividíndoo de xeito fatal para este, sen avanzar todo o que se podía na cuestión democrática. No caso do movemento inmanente ao partido, a inmanencia pagouse ao prezo dunha dependencia á figura carismática do líder. Por outra banda, o exercicio constituínte do movemento foi o que determinou, especialmente en Venezuela, que a rexeneración democrática se dese nos termos do que, dende a nova esquerda dos anos sesenta e setenta, foi definido como unha democracia participativa; o movemento converteuse na carne mesma desta democracia, descentralizada pola pluralización cara abaixo das instancias decisorias, incrustada no entanto na estrutura do partido, cos seus coñecidos vicios clientelais.

Hiper-identificándose cunha democracia cuxo sentido volvían perigoso para os gobernantes, sen asimilarse ao partido e establecendo os mecanismos necesarios para non ser engulidos por este, non se contentaron, sen máis, con deixar facer a política de partidos

Fronte a estes dous modelos, Arxentina e Venezuela -a rexeneración política como consecuencia indirecta do poder destituínte, e o exercicio constituínte do movemento limitado non obstante pola relación inmanente que establece co partido- o movemento dos indignados ofrece unha alternativa. O movemento é externo ao partido que se espera. Procede sempre con desconfianza, e extremadamente celoso da súa propia autonomía, en especial porque, ao igual que os Occupy estadounidenses, apuntando ao 99% só acepta que esta porcentaxe simbólica se constitúa en forma de rede. Non hai inmanencia posible ao partido ou partidos cos que poida avanzar cara aos seus obxectivos. Pero, tampouco existe unha impugnación destituínte do calado e tenor que a finais do 2001 manifestaron os arxentinos. Os indignados naceron facendo seu o organigrama democrático: non dixeron "non votes", senón "rompe coas normas do xogo"; golpearon na balanza de elites alternantes schumpeteriana: o bipartidismo; imaxinaron e propuxeron reformas electorais, democracias 2.0 e logo 4.0, todo iso coa ironía do "se imposible, esixe realismo" ou o "non somos anti-sistema, o sistema é anti-nós". Hiper-identificándose cunha democracia cuxo sentido volvían perigoso para os gobernantes, sen asimilarse ao partido e establecendo os mecanismos necesarios para non ser engulidos por este, non se contentaron, sen máis, con deixar facer a política de partidos. Tampouco aos sindicatos. Nos seus desprazamentos golpeaban en todas as partes, activándoas; como unha bóla tola nun billar que leva demasiado tempo sen moverse.

 

II. Sindicatos

Discutiuse unha nova tipoloxía, a folga metropolitana, que supoñía todo un cambio estratéxico, pero tamén un xeito distinto de pensar o suxeito da acción.  Non limitar o paro ás oficinas, tendas e fábricas senón tomar a cidade. Non se repregar naqueles lugares pechados, senón irromper no espazo aberto

En efecto, o 15 de outubro de 2011, ao amosar terse constituído nun suxeito político capaz de perseverar a través dos acontecementos, foron os indignados os que impuxeron o inicio dunha dinámica folguista na que os dous sindicatos maioritarios se negaban entrar; ou á cal temían, desconfiados de non contar con apoio dabondo, dada a súa baixa popularidade. Cando as burocracias de CCOO e UGT, empurradas tamén polo feito de adiantárselles outros sindicatos minoritarios (CIG, LAB, CGT, CNT), víronse obrigadas a convocar o primeiro paro xeral o 29 de marzo do 2012, as redes arderon entón chamando a "tomar a folga" e a redefinir esta ferramenta histórica do obreirismo fabril. Discutiuse unha nova tipoloxía, a folga metropolitana, que supoñía todo un cambio estratéxico, pero tamén un xeito distinto de pensar o suxeito da acción. Unha serie de máximas defínena. Non limitar o paro ás oficinas, tendas e fábricas senón tomar a cidade. Non se repregar naqueles lugares pechados, senón irromper no espazo aberto, cortando os fluxos que ensamblan a economía; como, por exemplo, as vías que conectan as distintas partes externalizadas da empresa. Non quedar tampouco no ámbito da produción, máxime nun país con 25% de desemprego; incluír o consumidor, unha folga de consumo, tamén unha folga dos coidados, invisibles e feminizados, e os traballos non remunerados; non apuntar só ao emprego. Falábase mesmo da necesidade de ir máis alá da idea da folga como paralización dos corpos no espazo. Propuxeron tomar a cidade e aproveitar esa toma para activar o espazo urbano producindo as infraestruturas necesarias para o devir veciñal do movemento. A metrópole, dicían os operaistas italianos, é ao precariado, o que a fábrica foi aos proletarios de antano: topos do conflito, lóxica espacial a subverter, pero tamén, o laboratorio, agora a ceo descuberto, no que experimentar co por-vir.

Así pois, declinación constituínte da política de movemento. Protagonismo da creatividade, da súa potencia, que elabora as condicións de posibilidade -aínda que só sexa iso- dun reverdecemento sindical aínda por ocorrer. E, do mesmo xeito que as redes asumiron o protagonismo desatascando a inercia e ofrecendo alternativas coas que actualizar as formulacións e esqueletos entumecidos do sindicalismo, sen renunciar á súa autonomía e heteroxeneidade coa política de partidos, están a facer posible hoxe a aparición de novas formacións electorais.

 

III. Partidos

O bipartidismo estatal contra o cal as prazas se ergueron hai un ano e medio, xa é historia

O bipartidismo estatal contra o cal as prazas se ergueron hai un ano e medio, xa é historia. Tan só permanece na distribución presente dos escanos, como anacrónica representación e ilusión dun electorado inexistente. O afundimento do PSOE, que non enxerga recuperación, nada máis que se ve eclipsado pola fulgurante caída do PP. Segundo o barómetro do CIS de xullo de 2012, un 17,1% declaraba que votaría ao PSOE, o 18,2% ao PP; en novembro do 2011 fixérano o 19,6% e o 30,4% do electorado (o 28,8% e o 44,6%, subtraída a abstención do cómputo). Por todas as partes brillan os sinais que anuncian a ruptura da unidade de voto da dereita. A case excepción ibérica pode chegar á súa fin. Tras os descomunais recortes xa aprobados para o próximo ano (para comezar, 40.000 millóns nos presupostos xerais; 1/6 do total), non sería de estrañar que, como en tantos outros países do seu ámbito, nin sequera o xiro do centro-dereita cara a posturas aínda máis conservadoras poida evitar a aparición de importantes tea parties radicalizados e novos fascismos.

En Austria a suma do FPÖ e o BZÖ chegou a alcanzar no 2008 case o 30%, o mesmo resultado que deteñen hoxe os ultra-conservadores suízos. Antes da matanza na illa Utøya, a dereita máis xenófoba obtiña en Noruega o 23% dos votos; en Francia, Finlandia, Holanda e Hungría, están entre o 15 e 20%; o 14% en Dinamarca; case o 13% en Lituania; o 10% en Bulgaria e Italia. Non resulta esaxerado dicir que, se a extrema dereita non encontrou aínda o xeito de facerse forte no estado español, isto débese en boa medida, e por engadido ao efecto disciplinador do PP como casa de todas as dereitas, á potencia do movemento dos indignados e ao xeito no que esta potencia foi gobernada polos propios activistas e redes. Non só ofreceu unha terapia colectiva coa que combater o nihilismo, un lugar para o apoio afectivo e a empatía, e se acaso fugaces pero recorrentes ocasións para albergar a esperanza, senón que no seu rexeitamento a proxectarse como unha dicotómica loita de posicións violentamente enfrontadas, evitou calquera posibilidade de colocarlle en fronte, trincheira contra trincheira, unha potencia reactiva que dividise a resposta á crise, como aconteceu en Grecia: dun lado, a esquerda democrática renovada (Syriza), do outro, e segundo as enquisas convertida na terceira forza política, duplicando cun 14% a intención de voto do PASOK, a expresión máis extrema da dereita anti-democrática (o neo-nazi Amencer Dourado).

Non se trata de crear bandos, nin de dar xaque mate ao inimigo, senón de subtraerlle capacidade de movemento ao deslexitimalo

Non se trata de crear bandos, nin de dar xaque mate ao inimigo, senón de subtraerlle capacidade de movemento ao deslexitimalo. Iso é o que estaba en xogo en outubro do 2012, cos rodeos do Congreso, que xamais pretenderon ocupalo, senón amosar que a democracia e a soberanía non residen nin alí nin en ningún outro edificio público; pois migraron cara á outros lugares. Nin toma do Pazo de Inverno, nin longo avance nunha guerra de posicións gramsciana, senón à la Deleuze e Guattari, o despregamento das liñas de fuga. Non permanecer demasiado tempo na posición que os volve doadamente manexables.

Facerse inasignables para estar en todas as partes, como os árabes de Lawrence. O atmosférico xogo chinés do go e non as brancas contra as negras no taboleiro de xadrez, tal é a estratexia destinada a propiciar unha revolución da democracia por medios democráticos. O discurso, como estratexia lingüística, tamén é importante. Os indignados non son de dereitas, tampouco de esquerdas: son "os de arriba contra os de abaixo". Non son antisistema, son os demócratas que unha e outra vez revelan o carácter antidemocrático dos que gobernan. Nas súas máximas, a inclusividade, a pluralidade, e na temperanza de "ir devagar para chegar lonxe", buscan sufocar o aire que respiran todos os antagonismos, reducindo así á súa mínima expresión a posibilidade de opoñer unhas poboacións contra outras. O 99% é a política que acantoa a definición belicista de Carl Schmitt, buscando baleirar o 99% do campo político de escusas coas que activar a polaridade amigo/inimigo. Neste sentido, se así se quere, pode considerarse como unha especie de katechon secularizado. Pero, xa o dixemos, moito máis que un freo, o seu exercicio é constituínte; tanto polo traballo que realizan en si mesmos, reinventando a política de movemento, coma ao rebotar en todas as outras partes.

A autonomía do movemento e a capacidade recombinante entre heteroxéneos, está a chave. Dito con outras palabras: Syriza é necesaria

Agora ben, é necesario traducir a súa creatividade e circunstancial vitoria nas redes e nas rúas e levala ata as institucións estatais. Traducir non é copiar ou mimetizar, senón cambiar dun medio a outro certa expresión, pasar dunha linguaxe a outra, con outras palabras e gramáticas. A lóxica, as regras, as formas, a estratexia que o movemento resume na icona do 99%, non pode ser a mesma que a que fagan súa os partidos políticos que busquen actualizarse dando resposta ás súas ensinanzas. Ambas as dúas políticas son heteroxéneas, distintos os seus xogos e as racionalidades implicadas. Nos parlamentos, gañar, na súa acepción máis estreita, pero non por iso falsa, significa alcanzar unha minoría maioritaria. E no entanto, o modo estratéxico do 99% é, en efecto, o que resume aquilo que foi reinventado como democracia. Dito doutro xeito, se os partidos queren estar á altura do reto democrático formulado polo movemento, ao gañar deben proceder a reformar as estruturas do estado para dar cabida a esa nova democracia do 99%, que xa existe no ciberespazo e as rúas. Para iso, non é recomendable nin o modelo arxentino nin o venezolano. De nada serve a exterioridade absoluta, pois o movemento ha de ser performativo; de nada a inmanencia, pois confunde o partido co movemento, o movemento co estado, e este coa democracia. Na autonomía do movemento e a capacidade recombinante entre heteroxéneos, está a chave. Dito con outras palabras: Syriza é necesaria.

 

IV. Nacións

Así como o Bloco de Esquerdas pode aspirar a converterse na Syriza portuguesa, o que non haberá é unha Syriza española, xamais un único partido que cumpra a súa función no territorio actual do estado español

Fóra de Grecia Syriza non remite tanto á orde do real como do simbólico. Syriza é a imaxe dunha posible saída democrática á crise. É o nome do partido que somete a crise á vontade do demos; que aprende contabilidade, que impulsa as auditorías democráticas da débeda e di non ás oligarquías financeiras. Agora ben: así como o Bloco de Esquerdas pode aspirar a converterse na Syriza portuguesa, o que non haberá é unha Syriza española, xamais un único partido que cumpra a súa función no territorio actual do estado español. Fai falta unha articulación máis complexa entre a política de movemento e os novos partidos de esquerda -ou, no seu caso, os vellos que desexan renovarse- que proliferan de xeito moi distinto nos territorios peninsulares. Semella difícil que Syriza poida xurdir en Andalucía ou Asturies, por exemplo, moi lonxe da órbita de Esquerda Unida. É pouco probable que en Galiza, Catalunya e Euskadi poida facelo sen os nacionalistas de esquerdas. Por outra banda, estes últimos non poderán avanzar senón é abríndose á política de movemento e á pluralidade das formas de vida que expresan, e que nin de lonxe poden enmarcarse nos estreitos moldes cos que usualmente se imaxinaba, como unidade homoxénea, a nación. A nación da multitude, parafraseando a Raimundo Viejo, é unha multitude de nacións. As areas recentemente removidas da esquerda independentista catalá, Bildu en Euskadi, AGE na Galiza e quizais a partir de agora o BNG, supoñen aperturas na política de partidos, sen as cales, o digamos xa, non poderá haber nada como un fenómeno Syriza nas súas respectivas porcións do Sudoeste continental.

As areas recentemente removidas da esquerda independentista catalá, Bildu en Euskadi, AGE na Galiza e quizais a partir de agora o BNG, supoñen aperturas na política de partidos

Claro que a apertura do nacionalismo ao poder constituínte dun movemento plural e pluralizador, aínda ha de ser máis ampla. Non pode ensamblarse a nación do século XXI coas ferramentas conceptuais herdadas do XIX. Urxe deixar atrás a lóxica estado-céntrica e os proxectos de normalización social fundados sobre concepcións étnicas. Non hai nada que normalizar na cultura, no sentido de devolver á norma, como unha prótese corrixe a desviación ortopédica. O propio da cultura é a súa monstruosidade, a continua traizón á súa esencia. Ao achegarnos ao criterio de normalidade dun vivente ou dunha formación cultural, fariamos ben en proceder como Canguilhem: sen equiparar o normal coa corrección, coa restauración dun estado ou principio primixenio, como o retour à a normale á volta do 1968. Moi pola contra, por normal cabe definir a propia capacidade de crear normas novas para situacións cambiantes. O normal como capacidade normativa e non como ortopedia normalizadora. O cal, se ben descarta as políticas de normalización nacional conforme a unha esencia, en modo algún quere dicir que o dereito de autodeterminación careza de sentido. De feito, o debate acerca do que a independencia significa, pode brindar a oportunidade para imaxinar novas normas estatais, novas formas de soberanía en resposta aos fenómenos de globalización que están a volver obsoletas as vellas formas.

Ata agora a independencia foi formulada sempre nos termos de chegar a ser un estado en Europa. Paradoxalmente, é desa mesma Europa na que se quere seguir ou entrar, parte daquilo do que hai que se independendizar

A condición sine qua non para que tal exercicio creativo teña lugar, é que o problema non se peche arredor da cuestión da soberanía nacional, sen ver nada máis alá dela. Ata agora a independencia foi formulada sempre nos termos de chegar a ser un estado en Europa. Paradoxalmente, é desa mesma Europa na que se quere seguir ou entrar, parte daquilo do que hai que se independendizar. Non hai lugar para as Syrizas nunha Europa que, como se puido constatar nas últimas eleccións gregas, as ten vetadas de iure e de facto.

 

V. Europa

A formulación que restrinxe as opcións a ou ben irse do euro e recuperar así a política monetaria nacional, ou ben ficar en Europa tentando cambiala dende dentro, reduce os posibles a unha falsa alternativa. Ata que non nos libremos dela pouco poderemos facer. Chegou ao seu esgotamento o discurso da Europa dos pobos, entoado por tantos e con tan diferentes acentos. Pero tamén chega ao fin a imprecisa alegación que contrapoñía a Europa dos movementos á Europa do capital. Á luz da crise actual e o que revela acerca do concerto europeo, ambos os dous discursos fracasan á hora de propoñer o tipo actores necesarios para dar un arranxo institucional á poeirenta balanza hoxe en ruínas.

Europa é iso: unha balanza. Dende mediados do século XVII, coa Paz de Westfalia e o ius publicum europearum, constituíuse como o mecanismo de equilibrio polo cal as potencias compensábanse mutuamente. A balanza era o testemuño da renuncia ao vello sono imperial, en persecución do cal acumulronse séculos de guerras entre as coroas cristiás, en pugna por conseguir o trono dun Imperio Romano reunificado baixo a cruz e o escudo de armas. Dende entón, unha e outra vez desequilibrouse a balanza, rematando por rebentar e habendo de recompoñela con enxeño, nunca igual a como era antes. As quebras son coñecidas. Vestido de César, Napoleón arremeteu reactivando a ambición imperial en nome dos universais ilustrados; máis adiante, o Reich hitleriano ofreceu a súa macabra versión racista. Pero non todas as rupturas da balanza proxectaron sobre Europa a sombra militar do imperio. Co auxe da industria, Inglaterra puido facelo sen recorrer ás armas, limitándose a utilizalas —non menos sanguentamente— nas colonias, impoñéndose sobre o continente mediante o control comercial das relacións mundiais. Hoxe, o desequilibrio que arruína a balanza volve ser económico, neste caso, de tipo financeiro.

Como contrapartida do seu dominio, o eixe franco-alemán prometía contribuír a financiar o crecemento do Sur e do Leste ata igualar uns países con outros

Que é a Unión Europea senón a balanza que xorde dun pacto entre o Norte, dunha banda, e o Sur e logo o Leste, da outra? Como contrapartida do seu dominio, o eixe franco-alemán prometía contribuír a financiar o crecemento do Sur e do Leste ata igualar uns países con outros. Unha vez extrapolada vía Wall Street a crise estadounidense ao Sur europeo, rota por conseguinte a relación de simbiose entre as partes europeas, o pacto constitutivo da nova balanza foi rescindido, implicitamente. Dito efecto foi o principal do que numerosos analistas europeos non dubidaron en identificar coma un ataque, unha forma non declarada de "guerra económica" dos Estados Unidos ao seu principal competidor e aliado. O Sur foi obrigado a pagar masivamente e sen moratoria, podendo postergar outros os seus pagamentos. Os grandes acredores europeos esixiron a devolución dos seus capitais; os gobernos do Norte quixeron blindarse para evitar que a crise emigrase ata os seus estados; o Sur precipitouse na coñecida espiral de recortes que incrementan a débeda que esixe novos recortes. Deste xeito, as finanzas convertíanse no exacto oposto ao pretendido e pactado: xa non eran o mecanismo que garantía o equilibrio igualando solidariamente os territorios, senón o que rompía a balanza ao enfrontar aos uns contra os outros, terminando por reducir ao Sur europeo a pouco máis que un status de servidume, saqueado co beneplácito das súas oligarquías políticas autóctonas. O Sur pasou a ser, ademais, o lugar onde as formalidades presuntamente democráticas da representación, podían ser negadas. Polo seu ben, converteuse no espazo onde era lexítimo negarlle ao demos toda capacidade de decidir sobre o que estaba en xogo. O aborto de referendum de Papandreu é tan só un exemplo.

O Sur pasou a ser, ademais, o lugar onde as formalidades presuntamente democráticas da representación, podían ser negadas. Polo seu ben, converteuse no espazo onde era lexítimo negarlle ao demos toda capacidade de decidir sobre o que estaba en xogo

Enfrontados ao espectáculo do espolio, contemplamos como as promesas se converten en ameazas. Os violíns de Beethoven resoan renxeantes neste teatro de pesadelo orwelliano; nel, os que se afogan temen máis que nada, moito máis que o seu propio afundimento, ser rescatados. Aínda que a orquestra siga tocando o Himno á Alegría, Europa está virtualmente rota. Xa non hai balanza, só traizón ao pacto. Soster que non hai lugar para as Syrizas nesta Europa, é o mesmo que afirmar que non hai lugar para un Sur democrático. Para el, os insultos de regusto colonial. En efecto, como soubo captar Roberto Dainotto, a diferenza colonial coa que os europeos se proxectaban no mundo dende 1492, pasou a definir, a mediados do XVIII, dúas latitudes no vello continente. A idea dunha Europa do Sur aparece por primeira vez en escritores como Montesquieu, para quen os factores climáticos determinan o modo de ser dos pobos e as súas institucións políticas. Vagos, ineficientes, corruptos, de paixóns incontroladas, os mesmos estereotipos empregados para designar aos non-europeos e explicar as súas crises políticas e económicas, foron empregados de novo para referirse aos P.I.G.S.

Hai que facer coa idea setentrional dunha Europa do Sur o que o movemento LGTB fixo coa palabra queer (rarito), ou o movemento negro coa cor imputada aos seus corpos

Hai que facer coa idea setentrional dunha Europa do Sur o que o movemento LGTB fixo coa palabra queer (rarito), ou o movemento negro coa cor imputada aos seus corpos. Non se trata de enfrontar as latitudes entre si, senón de desmontar o propio mecanismo no que ten de racista e straigth, conservando no entanto un Sur sen esencia pero con realidade política. Se Europa está rota, se a balanza está quebrada, e europeísta é quen anhela que Europa volva ser posible, non pode máis que esforzarse por construír unha balanza nova. Esa balanza ha de resolver os problemas do pasado. Por certo, ao tempo que a recesión viaxa ao Norte, un Plan Marshall á europea parece cada vez máis improbable. Se o Sur quere reconstruír os seus territorios políticos e económicos cada vez máis devastados, terá que coordinarse. E ao facelo debe cobrar corpo como actor político. Ese actor, como coordinación transnacional e non mera colección de estados, é o que debe de ser incorporado como peza da nova balanza.

 

VI. O Sur

Non se trata, con todo, de crear un Sur estatal. Non fai falta. O mundo no cal a soberanía era só nacional e homoxénea en todo o seu territorio, hai tempo que pasou á historia

Para obter un equilibrio máis ou menos democrático a nivel continental, é necesario sumar o actor francés, o actor alemán e o limial actor británico, outros de novo cuño, países máis pequenos organizados en clusters. O típico slogan da Europa dos Pobos que imaxina a súa nación -sexa esta España, Galiza, Euskadi, etcétera- libre no seo da Europa hoxe convalecente, ten tan pouco sentido como o tería unha Syriza que quixese xogar a súa baza de goberno de igual a igual fronte aos seus acredores. A cuestión hoxe comeza a ser o Sur, e quizais mañá chegue a selo o Leste; constituír a Europa do Sur como comunidade económico-democrática que sexa parte da balanza, do mesmo xeito que dende o 1989/1990, o que antes eran dous estados, se conduce agora como un só: a Alemaña reunificada.

Non se trata, con todo, de crear un Sur estatal. Non fai falta. O mundo no cal a soberanía era só nacional e homoxénea en todo o seu territorio, hai tempo que pasou á historia. O suxeito da soberanía constitúese na intersección de dereitos heteroxéneos, os dereitos civís e os dereitos humanos, con distintas coberturas, organizados segundo principios disímiles e garantidos por institucións de natureza tan dispar como os estados-nación e as axencias transnacionais. A propia soberanía fracciónase, ou como diría Aihwa Ong, gradúase, dando lugar no seo dunha mesma unidade política a unha variedade de formas de goberno, distintos réximes legais, zonificacións económicas especiais, con prácticas gobernamentais diferentes, outros dereitos, mesmo permitindo a convivencia de varios textos constitucionais baixo un mesmo estado. Polo demais, a globalización é inseparable dun proceso de "rexionalización" supraestatal concretado en alianzas que unha e outra vez desbordan os contornos estatais e as súas capacitacións de antano. Esta é a lóxica coa que funciona un mundo no que, sen dúbida, perviven os dinosauros. Artur Mas é un deles. Pouco antes das eleccións que determinaron o que posiblemente sexa o comezo do seu fin, o President da dereita independentista catalá facía seu o discurso colonial: “Com a Europa, el nord s'ha cansat del Sud". Catalunya sería libre na Europa de dominio setentrional. Pero por moito que un desexe branquexarse a pel, non pode evitar os problemas ata aquí sinalados.

A folga transnacional do 14 de novembro de 2012 foi a primeira celebración da posibilidade da Europa do Sur que aquí propoñemos instituír para reconstruir a balanza

A folga transnacional do 14 de novembro de 2012 foi a primeira celebración da posibilidade da Europa do Sur que aquí propoñemos instituír para reconstruir a balanza. As multitudes abarrotaron as rúas das cidades das penínsulas ibérica, itálica e grega. Tamén houbo manifestacións en Irlanda, que como é ben sabido, non queda ao Norte. E é que non pode ser este, como en Monstesquieu, un concepto esencial de raíz xeográfica. O Sur existe no seu descentramento. Hai sures corporais, un Sur do xénero, sures do desexo sexual, Sur segundo o nivel de ingresos ou a cor da pel, e por suposto, un Sur do pensamento, se é que este pode residir nalgún outro hemisferio. En verdade, o 14N fixo xermolar manifestacións en todos os países europeos. O Sur está en todas as partes, tamén en Alemaña. Exprésase e fala no mundo, pero non como universalidade senón, para dicilo con Ramón Grosfoguel, como pluriversalidad. A democracia do 99% é a potencia que capacita todos os sures na súa emerxencia, creando institucións para albergalos. A democracia vén do Sur. Nada ten que ver co que ata agora se nos dixo que era, e é xa unha cuestión global, planetaria.

A democracia do 99% é a potencia que capacita todos os sures na súa emerxencia, creando institucións para albergalos. A democracia vén do Sur. Nada ten que ver co que ata agora se nos dixo que era, e é xa unha cuestión global, planetaria

Non vos esquecemos.

Seguimos tomando leccións do que dende Chiapas nos ensinastes.


Santiago de Chile, 26 de novembro de 2012.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.