O debate do Estado da Nación é, xunto co da Lei de orzamentos, un dos máis importantes que se poden dar na Cámara galega. A diferencia das sesións de control ordinarias ao goberno de todos os plenos no transcurso deste debate os grupos parlamentarios podían rexistrar as súas propostas de resolución para mellorar esta situación do país e mostrar as súas alternativas.
Establécese un contraste efectivo de propostas sobre economía, produción, servizos públicos, sistema financeiro e outros temas, xa que o PP ten que debater as propostas concretas dos grupos e votar ao respecto
O debate das propostas pode semellar aburrido, hai menos medios, non se retransmite pola televisión pública galega, case ninguén está pendente, non hai tantos convidados na tribuna. Sen embargo, a min é o que máis me gusta. En primeiro lugar, porque se establece un contraste efectivo de propostas sobre economía, produción, servizos públicos, sistema financeiro e outros temas, xa que o PP ten que debater as propostas concretas dos grupos e votar ao respecto, aínda que é certo que en moitas ocasións só utiliza por argumento a descualificación -o que non é máis que mostrar unha carencia-.
En segundo lugar, porque a pesar de ser un debate que non adoita ocupar portadas nin grandes titulares, as propostas de resolución falan das cousas concretas que afectan a vida das persoas. En política, unha parte moi importante do traballo que facemos non se ve reflectida en ningún sitio público, mais sen ese traballo todo o demais se volvería unha farsa. Pensar as propostas, traballalas cos colectivos ou persoas afectadas é unha parte fundamental do que debería ser o noso bo facer e que eu creo que lle da sentido aos discursos que logo pronunciamos desde a tribuna. A sociedade galega alternativa que queremos hai que tecela con varios fíos, un fundamental son os problemas concretos que vive a xente, outro o modelo económico e social que queremos para a nosa nación.
A pesar de ser un debate que non adoita ocupar portadas nin grandes titulares, as propostas de resolución falan das cousas concretas que afectan a vida das persoas
Aínda que semelle que o debate é só os tres días intensos no interior da Cámara implica moitos máis. Hai un esforzo de síntese para retratar no “debate do ano” os problemas da xente e as solucións que cada forza política propón, de aí o seu nome. Por todo isto, eu estou totalmente en desacordo en limitar o número de propostas de resolución no próximo debate do Estado da nación. En Galiza existen moitos máis de 50 problemas graves. Si moitos máis. Só nas areas das que eu son voceira no meu grupo teño dificultade para priorizar os problemas. Como ponderamos a pobreza, fronte aos recortes en dependencia, o esmorecemento industrial do país, ou a incapacidade do IGAPE para dotar de crédito as empresas. Compre presentar alternativas aos problemas do país.
En toda a Historia do Parlamento galego nunca se limitaron as Propostas de resolución, por que agora?
A un sector naval que pecha por incapacidade, desidia ou mala fe dos gobernantes, mais que pecha mentres os seus traballadores emigran a Holanda ou Alemaña onde leva varios anos repuntando a construción naval. Ao I+D+i galego en caída libre, chega con ler as declaracións dos investigadores para ver que levamos cinco anos perdidos. As enerxías renovábeis en parón indefinido. A produción agrogandeira abandonada á súa sorte. A flota cefalopodeira obrigada a desgaxe. A megaminaría contaminante como único Plan Feijóo ante a crise. Ao problema dos emigrantes retornados expoliados para a facenda pública... E se falamos dos servicios públicos? Necesitamos outro artigo só para enumerar o que esta ocorrendo na sanidade, a educación, a igualdade, a violencia de xénero, o sistema de benestar, a dependencia, as pensións... Moitos destes problemas reais e cotiás teñen alternativas con outra fiscalidade galega, outro sistema de financiamento autonómico, outro marco de competencias, ou incluso co desenvolvemento doutras políticas con razón e corazón en Galiza.
Eu non creo que se deba recortar nas ideas, nas propostas. Recortar en democracia sempre é perigoso, arguméntese como se argumente. En toda a Historia do Parlamento galego nunca se limitaron as Propostas de resolución, por que agora?