Redución permanente do gasto público

Os orzamentos presentados a semana pasada polo goberno de Rajoy parece que non lograron calmar os mercados. A prima de risco da débeda pública española aumentou e de novo volta estar por riba da italiana. Por que non se calman os mercados coa publicitada austeridade do goberno central? Pois, porque non é tal.

O problema é que estes recortes practicamente non compensan a suba do que pagamos polos xuros da débeda

Se un bota unha ollada aos orzamentos verá que hai moitas partidas de gasto que sofren severos recortes. Agora ben, o problema é que estes recortes practicamente non compensan a suba do que pagamos polos xuros da débeda. Como unha consecuencia, os gastos non financeiros permanecen mais ou menos constantes. En realidade, soben arredor dun 2% se comparamos co orzamento do ano pasado e baixan un 1% se comparamos co gasto executado do mesmo ano. Así que, austeridade pouca.

É indispensábel que a redución do gasto sexa permanente. E acho que os mercados non perceberon o axuste de Rajoy deste xeito, pois este está baseado fundamentalmente na contracción do investimento

Ademais, para que a redución do gasto logre que recuperemos credibilidade diante dos nosos acredores e estes teñan unha maior confianza en que lles imos  pagar é indispensábel que a redución do gasto sexa permanente. E acho que os mercados non perceberon o axuste de Rajoy deste xeito, pois este está baseado fundamentalmente na contracción do investimento. Pouco axuste hai nos gastos de persoal ou nas transferencias correntes. Así, anticipan que esta redución será meramente transitoria e que tan pronto a presión dos mercados diminúa ou a economía se recupere o investimento público español remontará de novo.  

Unha redución permanente do gasto público require unha profunda revisión da organización do Estado e o seu papel

Unha redución permanente do gasto público require unha profunda revisión da organización do Estado e o seu papel. Isto é o verdadeiramente importante. Que o déficit público sexa hoxe un punto porcentual mais ou menos é unha cuestión menor se o goberno lograse transmitir o seu firme compromiso de a medio prazo reducir o gasto público estrutural. Mais, para iso son necesarias profundas reformas que un partido no goberno con múltiples e variados intereses ten moi complicado levar a cabo.

Cómpre unha profunda reforma do sistema de financiamento autonómico. As autonomías teñen que ser fiscalmente responsábeis ( e tamén os concellos), tanto dos seus gastos como dos seus ingresos. De non ser así, os gobernos autonómicos teñen enormes incentivos a aumentar o gasto e logo chorar a esmola do goberno central. Ademais, en previsión de eventuais comportamentos irresponsábeis, débese fixar unha regra fiscal clara que garanta o axuste do gasto de cada autonomía aos seus ingresos.

Precisamos reformar a administración territorial do estado, finiquitando a estrutura provincial propia dun estado centralizado -hoxe completamente obsoleta debido ao desenvolvemento do estado das autonomías e que xera duplicidades e gastos superfluos- e actualizando o mapa municipal español de xeito que teña lugar un aumento significativo do tamaño medio dos concellos para que estes podan aproveitar as economías de escala, desempeñar un papel moito mais importante no fornecemento de servizos como  a educación e a sanidade e podan gozar da autonomía financeira que incentive a responsabilidade fiscal dos gobernantes locais.

Debemos reformar o estado do benestar. En especial o sistema de saúde e o sistema de pensións

Debemos reformar o estado do benestar. En especial o sistema de saúde e o sistema de pensións. O progresivo envellecemento da poboación fai prever un enorme incremento dos gastos sanitarios e de pensións que están hipotecando as finanzas públicas. No tema das pensións xa se fixo algo, mais presumibelmente insuficiente. É necesario que no fornecemento dos servizos sociais xogue un papel moito maior a iniciativa privada.

Por suposto, hai moito mais por facer se queremos saír desta, como rematar dunha vez por todas a reforma financeira, eliminar regulacións que traban a concorrencia, reducir o intervencionismo no sector enerxético, modificar a estrutura tributaria... Todas cuestións importantes e que poden axudarnos a recobrar a credibilidade internacional. Porén, os sinais que está transmitindo este goberno non son moi positivas. Xa veremos o que acontece.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.