Reencontro?

Despois de moitos meses de desencontros e vivindo case que de costas, o PNV e o PSE pactaron un texto no Parlamento vasco en defensa do autogoberno, que consideran en risco polos recortes do executivo central. A moción chama ao Lehendakari a que recorra nos tribunais, no Tribunal Constitucional, aquelas talladas normativas que afecten a competencias exclusivas vascas, pois algunhas delas deixan en situación de precariedade ao Estatuto de Gernika, ademais de supoñer un ataque antisocial claro.

En clave interna vasca, poderíamos interpretar esta achega PNV-PSE como o primeiro paso dun posible reencontro

O texto pode entenderse politicamente de dúas maneiras: nunha primeira ollada semella que os socialistas tentarán opoñerse ás políticas de recortes brutais que Rajoy está aplicando ás ordes de Bruxelas, o FMI e as axencias de cualificación de riscos. Ese contraataque vaise dar desde aquelas institucións que aínda gobernan, que non son demasiadas tras a onda azul que varreu España entre 2011 e 2012. Nomeadamente, Andalucía, Euskadi e Asturias se esta última cae cara a esquerda finalmente. Esa estratexia é lexítima e, por outra banda, é a mesma que seguiu o PP cando gobernaba Zapatero: poñer aos baróns autonómicos a facerlle os recados a Rajoy, cousa que sabe ben Feijoo con todas as xiras madrileñas que se deu para criticar ao Goberno central.

En clave interna vasca, poderíamos interpretar esta achega PNV-PSE como o primeiro paso dun posible reencontro. O PNV considerou como unha navallada polas costas o asalto ao poder por parte de Patxi López no 2009, co apoio do PP, e as pontes entre ambos partidos voaran polos aires. O PSE, pola súa banda, interpretou a oposición do PNV coma algo desmedido, desleal e chafalleiro, centrada só en desacreditar o Lehendakari. E así pasaron tres anos.

Este é un país moi complexo, sen maiorías absolutas e cunhas posibilidades novas tras a desaparición de ETA. Só hai unha posibilidade descartada: que o PSE e o PP volvan a sumar para reeditar un acordo excepcional como que se asinou no 2009

Pero este é un país moi complexo, sen maiorías absolutas e cunhas posibilidades novas tras a desaparición de ETA. Só hai unha posibilidade descartada: que o PSE e o PP volvan a sumar para reeditar un acordo excepcional como que se asinou no 2009. Aquel tempo de ameazas de ETA levou consigo un pacto facilitado pola ilegalización da esquerda abertzale, e que visto en perspectiva puido cumprir os seus obxectivos, pero que nesta situación é inimaxinable, ademais de pouco conveniente para a convivencia entre diferentes. É tan pouco probable un pacto PSE-PP como o é un entre o PNV e Amaiur.

Quen sabe se dentro de 10 meses non se necesitarán de novo para evitar un goberno da esquerda abertzale?

Non sería raro que os estrategas dos dous partidos teñan en mente abrir o abano de posibilidades de pacto. Quen sabe se dentro de 10 meses non se necesitarán de novo para evitar un goberno da esquerda abertzale? As expectativas de voto do PSE son malas, e o PNV non está seguro de poder vencer con claridade á coalición de soberanistas de esquerda, polo que só a unión de dous partidos podería conformar un goberno forte e estable que xestione o período posterior a ETA coas súas delicadas cuestións (presos, reinserción, desarme, etc) e un tempo de atrancos económicos que obrigará a repensar o sector público, entre outras cousas.

O dirixentes do PNV saben que a esquerda abertzale está a traballar para instalarse en Ajuria Enea, como xa goberna en Donosti e en Gipuzkoa, e tamén que un posible pacto co PP sería incomprendido polas súas bases

Os dirixentes do PNV saben que a esquerda abertzale está a traballar para instalarse en Ajuria Enea, como xa goberna en Donosti e en Gipuzkoa, e tamén que un posible pacto co PP sería incomprendido polas súas bases. Os acordos entre o PSE e o PNV foron historicamente ben valorados pola cidadanía, que os identifica como a canle central do país, pero as feridas que deixaron estes últimos anos son aínda ben fondas. Se son capaces de superar as diferenzas, esa fórmula podería ser o contrapeso ao pulo que vive Amaiur, pero para iso o PSE precisa estar forte. Quizais por ese cálculo o PNV semella estar afrouxando un pouco as torcas da oposición, no Parlamento, nas roldas de prensa e ata no seu grupo mediático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.