Reflexión de fin de curso

Leo nun libro "os valores que consolidan as sociedades civilizadas: o amor polo próximo, a educación, a fraternidade, a familia..." e resolvo que talvez na nosa sociedade interesa moito máis a educación que o coñecemento. Temos unha Escola herdada que se caracteriza por ser un espazo no que os alumnos fican recluídos por unhas cinco horas para pasaren a maior parte do tempo coloreando deseños propios e alleos ou memorizando cantidades inxentes de contidos que, ano tras ano, non deixan de repetirse, como se houbesen de carrexar unha mochila de pedras que hai que labrar para deitalas no lixo ao final dunha xornada que é mellor esquecer.

Importa máis o cálculo que hoxe se pode facer a máquina que a formulación dun problema; importan máis as faltas de ortografía que a capacidade para entender, argumentar e sintetizar unha idea allea

Ao mesmo tempo, importa máis o cálculo que hoxe se pode facer a máquina que a formulación dun problema; importan máis as faltas de ortografía que a capacidade para entender, argumentar e sintetizar unha idea allea; importa máis a memorización dunha listaxe de datos dispoñíbel na biblioteca ou na wikipedia que o fomento das ideas propias; importa máis a listaxe das figuras que a creación literaria; importa máis a competitividade tribal que a vontade de integración e harmonía que constitúen a esencia do deporte; importa máis o coñecemento teórico do medio estraño que o estudo e o respecto do propio; importan máis a palabra democracia e a estrutura dos órganos de goberno que a procura do consenso e o respecto polas minorías; importa máis a defensa da familia que o sentimento familiar para alén da fórmula dos seus compoñentes e os vínculos sanguíneos; importa máis a Cultura que o respecto pola diversidade cultural; importa máis o sexo que a liberdade sexual.

Non podo evitar pensar que a escola está demasiado empeñada en domarnos en lugar de axudarnos a descubrir o coñecemento que devén do contacto co diverso e da reflexión creativa sobre a tradición e as necesidades do presente

Ben é certo que rapaces e raparigas son en xeral moi boa xente, que os seus pais son por regra responsábeis e que as profesoras son polo común profesionais que traballan o mellor que poden cos recursos tan minguados que teñen. Mais non podo evitar pensar que a escola está demasiado empeñada en educarnos como se fai cos animais, ou por ser máis claro, en domarnos en lugar de axudarnos a descubrir o coñecemento que devén do contacto co diverso e da reflexión creativa sobre a tradición e as necesidades do presente. E que debería ser algo totalmente diferente á memorización de contidos xerados nunha época preaudiovisual e presididos por un crucifixo e unha Familia Real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.