Reflexións extemporáneas desde a esquerda do 'mal votar'

CC-BY-SA Praza Pública

Ríos de tinta teñen corrido durante os últimos tempos para abordar o auxe dos nacional-populismos, que moitos identifican coa ultradereita pero que, tal e como ocorre en España, agóchanse baixo múltiples fachadas e siglas, tanto de centro-dereita coma de centro. Sobre as causas de tal fenómeno téñense expresado un bo número de autores, que evocan as máis das veces a crise financeira de 2008 como elemento detonante e punto de inflexión, imputando ao económico o espertar da “besta inmunda”. Outros autores céntranse na socioloxía electoral destas correntes políticas, concluíndo algúns que o voto nacional-populista non é un voto popular stricto sensu, sendo a meirande dos seus electores son obreiros de dereita, radicalizados durante os derradeiros anos. Pola súa banda, o obreiro de esquerdas defínese pola súa non participación electoral, quedando patente a imposibilidade dos partidos socialdemócratas e socialistas para restablecer a identificación con esta franxa de poboación e mobilizar a un electorado particularmente volátil. 

Alertar sobre o rexurdimento fascista e vilipendiar até o extremo aquelo que representa non serve, non exerce efecto algún sobre case ninguén, de aí a urxencia de autocrítica desde a esquerda

Subliñaba xa nos anos trinta do pasado século George Orwell que “cando a extrema dereita medra entre as xentes correntes, é sobre ela mesma que a esquerda debera interrogarse”, chamando a atención sobre a necesidade de comprender por que traballadores das clases populares apoian ao fascismo, e non a ideoloxías epidemicamente afíns. Alertar sobre o rexurdimento fascista e vilipendiar até o extremo aquelo que representa non serve, non exerce efecto algún sobre case ninguén, de aí a urxencia de autocrítica desde a esquerda. Un argumento interesante sobre este particular escoiteino recentemente nun debate de TF1 en boca do sociólogo francés Jean-Claude Michéa, segundo o cal, “inscribir a loita actual na loita antifascista histórica será necesariamente percibido por abaixo coma unha sorte de manipulación das elites liberais e os seus medios de comunicación servís para lexitimar a dominación planetaria do capital e desviar a atención dos electores cara obxectivos de substitución”. Para reflexionar...

Quizais a principal responsabilidade da esquerda no auxe da dereita nacional-populista proveña da súa crecente desconexión das clases populares. A esquerda aburguesada, preferindo a unha “clase de coñecemento emerxente”, ou nun conglomerado de mulleres, minorías e xoves, investindo o groso dos seus esforzos nestas loitas de nova xeración, non cesa de afastarse do groso da clase traballadora, das categorías tradicionalmente populares, depauperadas a ritmo de crise económica e financeira, para quen as dereitas comulgan mellor coas súas coitas e representa mellor os seus intereses electorais. O admirado Pierre Bourdieu, xa a finais dos anos setenta e a década dos oitenta consideraba que a esquerda era a todas luces o reflexo dunha clase social educada, cada vez máis distante socioloxicamente das capas inferiores da pirámide poboacional, servindo o liberalismo cultural destas novas clases medias como mecanismo de distinción social, reforzando os prexuízos de arriba a abaixo e, de paso, afondando a brecha entre esta ideoloxía e aqueles aos que pretende representar e defender. 

Asistimos con frecuencia ao que o autor estadounidense Thomas Frank denomina o “desprezo do home da rúa” de parte da “esquerda progre”

Asistimos con frecuencia ao que o autor estadounidense Thomas Frank denomina o “desprezo do home da rúa” de parte da “esquerda progre”, que percibe nestas clases populares, viveiro de voto da dereita, un conservadorismo endémico tendente cara a intolerancia. Desde a esquerda, reprocháselle, de xeito altivo, “erros de percepción” ou mesmo “ter votado mal”. É lugar común evocar as “malas opcións” feitas por “electores ignorantes” ou “mal informados”. Para non ferir sensibilidades próximas, que as hai, evoquemos a pléiade de informacións que suxerían, de xeito máis ou menos inelegante, que as persoas que votaron a favor de Donald Trump ou do Brexit non tiñan un nivel de educación elevado, é dicir, que non comprendían as claves do voto. Certo que o valor do voto non é sempre ben comprendido e que este, amais dun dereito, é unha responsabilidade, e unha poderosa ferramenta! A xente ten dereito, e faltaría máis, a votar a quen lle pete, sempre que asuma o sentido do seu voto. Porque, aritmética democrática mediante, existindo relación causa-efecto, das eleccións individuais dos electores derivan as malas decisións impostas por un home político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.