Reforma laboral, aínda peor

A tramitación parlamentaria da reforma laboral está a servir de exemplo moi ilustrativo das maneiras e actitudes que caracterizan o Goberno do PP e a maioría do Congreso e o Senado que o sustenta. As imaxes en que se ve a Joan Coscubiela, deputado de ICV-Esquerda Plural, reclamándolle á presidencia da Comisión de Emprego do Congreso polo menos o tempo mínimo para poder estudar as emendas transaccionais que o PP pactou con outros grupos da dereita, son unha mostra máis do que para o Partido Popular supón este trámite parlamentario: outra oportunidade de comportarse como unha apisoadora en asuntos que non levaban no seu programa electoral. Sen rubor sequera. Para que?

O propio Goberno e o propio PP recoñecen abertamente que estas medidas non crean emprego e, de creáreno, será sen dereitos e con salarios recortados, cuestión que dificulta ás claras a demanda interna e a reactivación económica necesaria

Se a reforma laboral xa era extremadamente agresiva —como dixo o ministro de Economía en Bruxelas—, o seu debate na Comisión de Emprego do Congreso empeorouna significativamente: insiste en contidos que en nada van paliar a situación de crise e que porfían en demostrarnos, cada vez con menos pudor, que o obxectivo desta reforma laboral —como ocorre cos recortes na sanidade, na educación e outros dereitos sociais— é acabar co modo no que conseguiramosempezar a construír un estado social en democracia. O propio Goberno e o propio PP recoñecen abertamente que estas medidas non crean emprego e, de creáreno, será sen dereitos e con salarios recortados, cuestión que dificulta ás claras a demanda interna e a reactivación económica necesaria.

O PP quere outra cousa. Moléstanlles as mínimas garantías sociais, e rinse na cara das persoas desempregadas e das que traballan en empregos descualificados malia á súa formación, coa insultante ocorrencia de "só" aplicar o contrato que inventaron dun ano de período de proba—durante o cal se pode despedir sen indemnización ningunha— ata que a taxa de desemprego baixe do 15%. Nesa liña, podíaselles ocorrer facer pagar a esas persoas contratadas se son despedidas durante o seu ano de período de proba, como penalización por non ser corresponsables coa situación e por danar a imaxe da nosa economía ao non colmar as expectativas precarizadoras dos mercados e as súas confianzas salvadoras. Se non fose porque é real, parecería un chiste.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.