Reforma laboral e emprego

Un traballador da hostalaría nun establecemento en Galicia CC-BY-SA Xunta

A hora de, por caso, valorar na súa xusta medida a relevancia do acordo recentemente asinado polo goberno español de torno (PSOE/UP), as centrais sindicais maioritarias a nivel de estado (CCOO, UGT) e as organizacións empresariais (CEOE, CEPYME) sobre a reforma laboral deberíanse ter en conta varias circunstancias. En primeiro lugar a natureza dos problemas sistémicos que agocha o mercado laboral español e que tanto frean a creación de emprego canto favorecen a súa precariedade. En segundo lugar a evidencia empírica de que unha reforma laboral, por si soa, non crea nin destrúe emprego senón que hai outros factores tamén decisivos como, por caso, as políticas fiscais e monetarias. Finalmente, e volvendo a acordo citado, que os resultados do mesmo tamén dependerán da eficacia da súa aplicación.

En relación ao primeiro punto sinalar como as evidencias empíricas mostran que España, e con ela Galicia, é un dos estados da Unión Europea que mantén ao longo das últimas décadas as mais altas taxas de desemprego, de precariedade laboral e de desigualdade salarial. España e Galicia teñen, xa que logo, problemas laborais sistémicos. Uns problemas que atopan unha explicación política: o predominio das ideas neoliberais que, en contra de tódalas evidencias, xustifican esta realidade en base a unha suposta rixidez do mercado laboral. Rixidez que achacan a existencia de sindicatos e de normativas laborais demasiado proteccionistas como por caso a negociación colectiva, o SMI, os subsidios de desemprego, as cotizacións sociais elevadas. En consecuencia para crear emprego e rematar co desemprego, e seguimos con esas hipóteses, había que poñer en marcha reformas que eliminaran esas rixideces e fixeran mais flexibles os mercados laborais.

Estas foron as ideas, e as políticas, que nas derradeiras décadas viñeron predominando. Ideas que, como poñen de manifesto as evidencias, non teñen consistencia empírica nin producen os resultados que se predican xa que, por caso, como sinalaba anteriormente situaron a España e con ela a Galicia, a pesar da grande desregulación laboral e a facilidade para o despido, na cabeza da Unión Europea en desemprego e precariedade laboral. En dirección contraria os estados europeos cos mercados mais regulados e maior poder sindical son tamén os que manteñen sempre maiores niveis de ocupación e menores de desemprego.

Neste marco é no que debemos situar a análise e avaliación do recente acordo laboral asinado a nivel de Estado pero empecemos dicindo, para que non haxa equívocos, que non estamos diante dunha derogación da Reforma laboral neoliberal do 2012, unha parte moi relevante do goberno español (PSOE)l non a aceptaba, senón da eliminación dalgúns dos seus aspectos mais lesivos.

A lectura do texto legal (Real Decreto-lei 32/2021 do 28 de decembro, BOE nº 313) confirma que un dos obxectivos centrais do acordo foi colocar ao movemento sindical nunha posición de maior forza que na actualidade en base a considerar que, por caso, recuperar a negociación colectiva (moi importantes tanto a volta a ultraactividade dos convenios como a súa ordenación por ámbitos tendo en conta o crecente fraccionamento da produción e o paralelo dumping social) resulta fundamental para tanto contrarrestar as estratexias neoliberais canto protexer os dereitos dos/as traballadores/as. Outros obxectivos foron tanto o poñer límites e cotos a escandalosa temporalidade -os últimos datos oficiais son demoledores neste aspecto- que, como sinalaba anteriormente, colocou a España a cabeza da precariedade laboral na Unión Europea, canto establecer algúns avances na seguridade laboral, mediante o impulso aos contratos indefinidos. A lectura do texto tamén permite comprobar que a pesares de incluír certas melloras nun tema central como o despido (ao incorporar os acordos e prácticas dos ERTE ao Estatuto dos traballadores) os avances introducidos son moi modestos e quedan bastante lonxe do que sería desexable: unha evidencia que lastra a potencialidade do acordo xa que, como sinalaba ao principio, o despido é un asunto clave no mercado laboral (en España seguirá sendo moi fácil e barato o despedir traballadores/as).

O sector servizos presenta unha elevada temporalidade e precariedade CC-BY-NC-SA CIG

En base a estas consideracións se pode afirmar con rotundidade que este acordo supón un importante avance a un maior equilibrio e unha menor inestabilidade nas relacións laborais (algo que beneficiará especialmente a poboación moza e feminina moi castigados/as pola elevada precariedade dos contratos) que por mor das reformas laborais anteriores estaban descaradamente inclinadas a prol das rendas de capital. Un avance que, a pesar diso, tamén se pode avaliar como manifestamente insuficiente ao non modificar maiormente aspectos tan relevantes como, por caso, as posibilidades de despido que afectan a seguridade no emprego e que, practicamente quedan como estaban. Un acordo que si quere gañar en efectividade, dadas as características do espacio sindical español, non debería deixar ao marxe da negociación as forzas sindicais periféricas: o goberno español (PSOE/UP) debería aceptar, no debate das emendas, algunhas das reivindicacións dos sindicatos periféricos. Resulta tamén oportuno subliñar que dados os relevantes cambios que se están a dar na economía e que afectan decisivamente as relacións laborais como, por caso, sucede con a dixitalización é urxente avanzar paralelamente en temas non contemplados suficientemente neste acordo e que resultan moi necesarios (formación, cualificación, contratación...).

Finalmente compre poñer en valor o difícil contexto económico e social no que se produce este acordo. Un escenario que ben marcado polo brutal impacto conxunto que a pandemia e a recesión están tendo sobre a oferta e a demanda globais cos efectos conseguintes sobre o emprego, a produción e o comercio. Un impacto que tanto coloca a millóns de familias traballadoras nunha situación límite como sitúa a moitas empresas de tamaño pequeno e medio (que son maioría en Galicia) ao borde da desaparición. Un escenario de excepcional gravidade que esixe un esforzo colectivo, con renuncias e concesións que noutras circunstancias estarían menos xustificadas. 

Como nos ensina a historia a virtualidade e operatividade de este tipo de acordos vanse vendo consonte transcorre o tempo pero están moi condicionadas tanto pola marcha da economía como polas políticas públicas (fiscais, monetarias, laborais....) que se vaian implementando. A pesar diso non se debera esquecer que en toda negociación a correlación de forzas é fundamental e aquela é, hoxe por hoxe, claramente favorable as rendas do capital tanto en Europa como en España e Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.