Reformas pendentes

Unha de tantas reformas pendentes no estado español é a reforma fiscal. España conta actualmente con un sistema tributario que amais de non seren o que correspondera a realidade económica e territorial española, de coadxuvar a desigualdade e os desequilibrios territoriais crecentes, de intensificar a crise económica na que seguemos inmersos non compre o mandato constitucional. “Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade que, de ningures, terá carácter confiscador” (Constitución Española, art. 31.1).

O sistema fiscal español é, de sempre, un sistema deficitario dende o punto de vista da recadación. Un déficit que se reflicte en que a presión fiscal en España (32,5% do PIB) está situada 7 puntos por baixo da media na Unión Europea (39,5%) (GESTHA: www.gestha.es. Tódolos datos aquí utilizados son recollidos dos informes desta organización). Un déficit que, sen desbotar o impacto da crise sobre a recadación, deriva fundamentalmente de dúas circunstancias: 1. O elevadísimo nivel de fraude fiscal, 2. O trato extremadamente favorable as rendas de capital.

En relación ao primeiro punto –fraude fiscal- os datos mais fiables sitúan o valor en España da economía somerxida nun 24,6%, en Galiza o 25,6% -equivalentes a 14.200 millóns de euros-, unha porcentaxe que está mais de 10 puntos por riba da media na Unión Europea (13/14%) -40.00 millóns de euros-, que en Galiza son 11 puntos –mais de 6.000 millóns de euros- (GESTHA). Como podemos veren a incidencia da fraude fiscal na recadación tributaria e, xa que logo, na baixa presión fiscal resulta indiscutible en España e, incluso mais, en Galiza. Unha fraude fiscal que, debe sinalarse, nun 72% procede das grandes fortunas.

Pero sendo importante o peso da fraude fiscal na baixa recadación, así como os efectos propios da crise e a conseguinte caída dos ingresos, hai outro factor que coadxuva fortemente a este baixa presión fiscal e que non é o outro que a propia estrutura do sistema tributario español que como dixen antes non se corresponde nin coa realidade económica española nin tampouco coa equidade no tratamento fiscal.

En España, en Galiza sucede algo practicamente similar, a recadación tributaria descansa maiormente sobre o IRPF -42% da recadación total-, o IVE -30%- e o Imposto de Sociedades -13%-. Como podemos ver so o IRPF supón case a metade da recadación tributaria total: un IRPF que nun 84% procede das rendas do traballo. Si a elo lle engadimos que o IVE grava mais as rendas medias e baixas (GESTHA) entón vemos que a recadación tributaria en España, e Galiza, descansa maiormente sobre as clases populares –clases de rendas medias e baixas-: case as súas tres cuartas partes.

Poderase entón dicir que a caída na recadación tributaria influíu de xeito decisivo a crise económica coa conseguinte caída do emprego e do consumo. Pero si ben iso é certo esta caída non xustifica por se mesma a baixa presión fiscal: os datos que se manexan din que nestes anos de crise a caída na recadación por IRPF foi do 11% e no IVE do 40% pero no Imposto de sociedades foi do 60% -unha porcentaxe moi superior-. As caídas no IRPF non xustifican por si soas a baixa presión fiscal nin moito menos. Outros son os factores que, como dicía, están mais relacionados coa fraude fiscal e a estrutura do sistema tributario español.

Un sistema tributario que veu desaparecer practicamente os Impostos sobre patrimonio e sobre sucesións, a aparición de múltiples formulas que permiten incrementar as deducións no Imposto sobre sociedades especialmente as grandes empresas, un tratamento moi favorable ao  grande aforro, a aparición de novas figuras fiscais (SICAV, ETVE) que, de novo, permiten as grandes rendas do capital pagar menos: elisión fiscal (GESTHA).

Incluso a propia estrutura do IRPF –que supón case a metade da recadación total- deixa en evidencia a falta de equidade do sistema tributario español. Ao analizar aquela obsérvase como a partir de determinados niveis –os mais altos- o tipo impositivo diminúe –pola dualidade do gravame e menor imposición as rendas de capital- converténdose así nun imposto regresivo (GESTHA). O mesmo sucede co Imposto de sociedades no que as grandes sociedades –aquelas que facturan por riba dos 1.000 millóns de euros- teñen uns tipos nominais claramente inferiores as propias pemes grazas a proliferación de deducións e réximes especiais de que as grandes sociedades poden beneficiarse (GESTHA).

Logo do sinalado deberan quedar poucas dúbidas da urxente necesidade de emprender en España, e Galicia, una ampla, profunda e rigorosa reforma fiscal en aras tanto dunha maior democracia e equidade fiscal como dunha grande mellora na recadación. Unha reforma que reduza a carga fiscal das rendas baixas e garante un tipo efectivo para as rendas do capital –entre un 20 e un 30% en vez dun 5 ou un 6% como agora-. Unha reforma que fai imprescindible, para que sexa eficaz, unha nova estrutura da Axencia Tributaria Española con un maior protagonismo das Axencias e os Parlamentos Autonómicos e unha maior e mellor coordinación entre ambas axencias –central e autonómicas-.

Velaí, agora que estamos en vésperas electorais, un elemento a considerar pola cidadanía galega encol das candidaturas: as súas propostas en materia de reforma fiscal. Unhas propostas que segundo sexan –en relación o fraude fiscal e ao tratamento das rendas de capital- marcaran non so a súa posición fronte a crise económica e os desequilibrios sociais e territoriais senón tamén os intereses que realmente defende cada candidatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.