"É preciso reinventar o amor, toda a xente o sabe", son palabras de Arthur Rimbaud en 1873. A min hoxe paréceme que debemos reinventar a esperanza, conseguir que o sol e a lúa se volvan alinear coa terra para termos mareas vivas, conseguir que rebrote a esperanza dunha democracia que inunde o político, o económico, o social, o nacional. Non estou dicindo que haxa que recuperar a esperanza para volver a un lugar pasado, digo reinventala para que emerxa como algo novo cos materiais que temos, froito dos soños e o traballo en común.
As eleccións do 20D mudaron o mapa político español e galego, aínda ignoramos ata onde mais sabemos que os resultados de En Marea foron os maiores de calquera forza alternativa ao bipartidismo. Esa noite caeu algún mito, algunha lenda urbana, e incluso rural. Era posible a representación nas provincias do interior, acadar máis do 15%, ou sobrepasar ao PSOE nos comicios máis favorables a esta forza. No ambiente das mareas a xente estaba exultante, víase como posible o cambio a nivel español e a derrota do PP en Galiza tocábase coa punta das mans, desta vez cun liderado máis alá da alternancia. Un cambio que cambie.
Suicidarse de éxito
Critícase En Marea a un tempo de ser un apéndice de Podemos e demasiado nacionalista
De forma un tanto incomprensible, o maior éxito electoral produciu movementos de desafección coa confluencia. Cabería esperar que as forzas da coalición rifasen por demostrar quen apostou máis pola unidade, quen se entregou máis, quen o propuxo antes e, en todo caso, xurar o seu amor eterno, poñer a Deus por testemuña que nunca máis... volverían dubidar das súas bondades. Pois non. Forzas centrífugas pouco identificadas lanzaron a sectores dos partidos coaligados fóra da gravidade confluente. Critícase En Marea a un tempo de ser un apéndice de Podemos e demasiado nacionalista. Como poden apoiar unha forza estatal?, como ousan falar de nación e autogoberno?. Ademais está a indignación xeneralizada entre opinadores variados por non actuar como gran valedora de Galicia no Congreso. En todo caso, algo terá que ver como fixemos e como estamos a facer a confluencia.
Está claro que algúns clans veñen a por nós, o que era moi esperable. É malo de levar pero é un bon síntoma, quere dicir que somos ameaza real. Non nos despistemos, o pressing é sinal de que vamos gañando, o conxunto da sociedade deposita en nós a representación da cidadanía galega. En Marea é a única forza da que se espera algo, incluso demasiado. Ser quen de situar na axenda pública os problemas reais da nosa xente, as alternativas, a visión de país, a esperanza. Agora son eles quen están enmarcados, e son as nosas propostas as que conectan cun novo sentido común. Vamos por diante, non defraudemos.
Que algúns reproches fosen incoherentes e interesados tampouco lles quita algunha razón
O caso é que se pode morrer de éxito, por incapacidade para satisfacer as expectativas ou porque se nos nubre o sentido. O risco está aí, torpeza, illamento, soberbia... tamén o conflito autodestrutivo, as pulsións que conducen ao suicidio ou homicidio propio involuntario. É ben avisar que a xanela de oportunidade era para entrar, mesmo poida que se estea pechando, e hai xente que semella querer tirarse ao abismo. Neste tempo de éxito emerxeron voces que repudian a marea, críticas benintencionadas, francotiradores, e outros que van coa motoserra prendida e os ollos vendados a ver que pasa.
Está claro que todo o mundo ten parte de razón, aínda que algunhas críticas parecen máis preocupadas pola parte da ración. Dá un pouco de aprensión reclamar máis cacho e dicir que se fai en nome dos principios e da democracia, pero vaia, xa nos explicaba Nietzsche o nexo íntimo entre moral e poder. Que algúns reproches fosen incoherentes e interesados tampouco lles quita algunha razón. Os delatores na mafia tendían a ser personaxes de escasa honorabilidade pero moitas cousas que contaban eran certas, nesgadas e exculpatorias iso si. Se cadra algúns esperpentos están máis pensados en termos estéticos que éticos, desde logo ao público entretémolo, dicíalle A. Camus a J-P. Sartre: 'Para os nosos inimigos comúns que forman lexión, seremos motivo de risa'.
Reaxir
É evidente que En Marea ten un déficit de coherencia política, tanto na configuración da candidatura, como no desenvolvemento posterior
Quen queremos unha marea galega e aspiramos á hexemonía non podemos facer o mesmo. Non queiramos botar as culpas fóra, poucas cousas me parecen máis tristes que eludir as críticas, sobre todo cando veñen de dentro, ou comprender os males propios como resultado de confabulacións alleas. É evidente que En Marea ten un déficit de coherencia política, tanto na configuración da candidatura, como no desenvolvemento posterior. É democrático, por suposto, pero está por baixo das expectativas creadas por nós mesmos/as. As primarias foron daquela maneira e tampouco houbo un proceso amplo de implicación. A potencia democrática quedou como un impulso residual diante da lóxica interpartidaria, sempre proclive a equilibrios que por veces derivan en axustes de contas. Non cabe dicir que os outros tamén o fan, xa o sabemos, por iso a cidadanía clama por algo novo. Non cabe mirar para outro lado, temos que asumir que fixemos cousas mal. Moitas xentes que foron a alma e o corpo de En Marea cren que se desvirtuou a proposta e teñen claro que para adiante, cara as eleccións galegas, hai que facelo doutro xeito. Isto era a semente dunha marea, o Work In Progress debe progresar.
Tampouco cabe argüír que dá igual, como se ao final o electorado non reparase nestas cousas, e apoiará calquera artefacto que estime capaz de lograr o cambio. Non vai así. Precisamos credibilidade, potencia democrática e proxecto inclusivo. Non digo que nos falte, de feito fixemos o máis difícil, digo que debemos facelo doutro xeito cara adiante para reinventar a esperanza. O máis vello é pensar que nunca te equivocas ou que recoñecendo erros abres flancos de debilidade. Eu penso ao revés, a xente agradece moito admitir que o fas mal, sempre e cando actúes en consecuencia. A nova política é novidosa, é innovadora, e tamén pode ser novata. Non pasa nada. Camiñar preguntando que dicían os zapatistas. Non somos máis listos, deberiamos ter máis intelixencia colectiva, máis empatía e capacidade de adaptación. A cousa é reaccionar.
O tan deostado acordo En Marea foi do máis amplo e avanzado das confluencias, e a confluencia foi a mellor alternativa transformadora
En honor á verdade, debo dicir que o tan deostado acordo En Marea foi do máis amplo e avanzado das confluencias, e a confluencia foi a mellor alternativa transformadora. E máis importante, a sociedade depositou en nós a esperanza do cambio. Non está claro que avanzaramos ata aquí sen os acordos e as apostas dos partidos, partidos que tamén tiveron e teñen fortes resistencias internas, e nos que moita xente de dentro se xogou a pel pola confluencia. A cousa non é tan fácil... patriotismos partidarios, reproches mutuos, diferentes culturas. Se chegamos ata aquí é porque moita xente de todos os partidos coaligados apostou pola confluencia, e a grande maioría queren unha marea común. Arranquemos á xente dos partidos das lóxicas interpartidarias.
Confianza
Poucas cousas creo máis contrarias ao ben común que a desconfianza xeneralizada, o 'sonche todos iguales'. A confianza tarda moito en labrarse e a desconfianza estala nun momento. Despois xa o vemos todo coa medida do interese alleo, das motivacións escuras, e a cooperación acaba sendo agregación. Non deberiamos abandonar a marea galega a traxedia dos comúns, aquelo do que nos avisaba o ecólogo G. Hardin, cando nun grupo a 'racionalidade' de intereses particulares conduce a unha 'irracionalidade' colectiva: rematar co ben común, o que ninguén quería. E logo os lamentos: eu só o facía para defender a miña xente, ademais a culpa non é miña, eu non empecei. Pensa mal e acertarás. Se prevalecen os idiotas -aqueles que só miran polo seu interese particular, sen comprender o ben común- perdemos todos e todas.
En realidade non vai así, Elinor Ostrom foi a única muller premio nobel de economía e (de)mostrou empiricamente múltiples realidades de cooperación con éxito. Non está na natureza humana que os egoísmos nos aboquen a rematar co común, non lle chamemos realismo ao fatalismo. Ostrom ten claro que as traxedias acontecen, mais mostra millóns de persoas en miles de lugares nos que as comunidades xestionan bens comúns de xeito eficiente e sustentable. E sinala oito principios para o bo goberno dos bens comúns, que acaen bastante ben para o noso caso: precisamos regras, elaboradas polo conxunto das persoas participantes, que se cumpran e se establezan mecanismos de resolución de conflitos. Simple: autoxestión da comunidade. Ostrom recoñece que pode afectar a dimensión, a súa viabilidade é máis complicada onde a xente non fala cara a cara; aí é onde entra a artesanía e a innovación do goberno colectivo do ben común. Regulamentos, dinámicas de colaboración, creatividade, confianza, e, se cadra, deconstruír esquemas e prexuízos previos.
Mareas de esperanza
A marea galega precisa recuperar a ilusión, a potencia das mareas, e avanzar sobre o construído
A marea galega precisa recuperar a ilusión, a potencia das mareas, e avanzar sobre o construído. As premisas son moi básicas: 1) proxecto político común, máis alá dunha coalición ou unha candidatura, compartimos movemento, relato, ilusión; 2) alternativa de goberno solvente, máis alá da representación parlamentaria precisamos equipos, programa, capacidade; 3) organización democrática complexa, máis alá da alianza de forzas ou dunha estrutura clásica, precisamos articular en común a nosa complexidade: mareas, partidos, persoas; as bases constrúen e deciden; 4) movemento cidadán aberto, máis alá dunha alternativa institucional a marea debe empoderar, ser movemento e canalizar a participación plural da xente que define o proxecto: cidadán, aberto, común. A nova política non promete, demostra outra forma de facer.
Eu estou super-a-prol de todo, eu son de Podemos, de Anova, de Esquerda Unida; son de Compostela Aberta, da Marea Atlántica, da Marea de Vigo, de Rianxo en Común, de Ames Novo; son do Encontro Cidadán Marea.gal, de Mareas en Común e son de En Marea. Que pasa? Agora a cousa non vai de repetir o guai que somos e o moito que nos queremos, senón de procedementos e culturas que nos permitan convivir e actuar politicamente en común, e que a xente se apropie do proxecto.
Non serve como fixemos antes de xeito apresurado, tampouco facer como se todo o esforzo das Xerais non existise. Nin repetir erros, nin partir do cero absoluto
Semella estarse producindo un movemento acompasado cara a marea galega: comprender En Marea como a proposta común das persoas que a compoñen cun regulamento no que as bases deciden e os/as representantes renden contas; as Mareas en Común camiño de viabilizar as formas de decisión, avanzar no traballado e aumentar a implicación das iniciativas municipalistas na marea galega; o compromiso do Encontro Cidadán para favorecer a construción dun único espazo no que a xente poida participar e decidir directamente. Certamente algo marea, pérdese un na política magmática, pero non o vexamos como unha maldición, non teñen porque ser camiños diverxentes nin paralelos. Fagamos confluír as confluencias, mareas, partidos, xente, coa soberanía cidadá e a dinámica da marea.
Cando digo reinventar quero dicir reinventar, ou sexa, non serve como fixemos antes de xeito apresurado, tampouco facer como se todo o esforzo das Xerais non existise. Nin repetir erros, nin partir do cero absoluto. Temos que ir máis alá da suma de tres partidos, máis alá da suma das mareas municipais, máis alá dunha simple organización de adscrición individual. Benvidos/as á complexidade, precisamos un proxecto común, no que deliberamos e traballamos en colectivo, primando o consenso e salvagardando o acordo estratéxico, procurando que ninguén quede fóra, ninguén bloquee, ninguén capture a vontade común. Mais a última palabra da decisión téñena todas as persoas que fan a marea: 1 persoa, 1 voto.
Amor
Temos que querernos máis, non é voluntarismo, son procedementos que busquen o encontro e non abandonarse ás miserias e os trolls
O de 'reinventar o amor' dicíao Rimbaud referido a unha relación algo tortuosa nun libro publicado para si e para os seus amigos: Unha temporada no inferno. Todo o mundo cae de cando en vez, o caso é non quedar por sempre condenados/as. Eu xa dixen que o inferno se derrota por asalto, pero que o ceo se constrúe en común. Temos que querernos máis, non é voluntarismo, nin buenismo naif, son procedementos que busquen o encontro, institucionalizar a democracia máis alá de contar brazos, actitudes integradoras e non abandonarse ás miserias e os trolls. Que flúa o amor!, xa o explica Sr. Chinarro en Una llamada a la acción: 'habrá que hacer el amor, porque nunca está hecho... por un mundo mejor'.
A feminista Kate Millet advertiunos que 'O amor é o opio das mulleres', un xeito de embaucar ás mulleres, mentres estas amaban, os homes gobernaban; aínda que tamén nos dixo que entre seres libres é outra cousa. Ven moito ao caso, porque pode haber ilusións ilusorias, esperanzas baleiras que nos emboban ou lealdades dun só sentido, ideoloxías de simple adhesión. Cando K. Marx contaba o da relixión como opio do pobo dicía que esta era 'o espírito dunha situación carente de espírito', por suposto que precisamos espírito, ánimo, ilusión, non 'señuelos' Marx reclamaba que 'a superación da relixión como felicidade ilusoria do pobo, é a reivindicación da súa felicidade real'. Non hai emancipación sen horizonte. Precisamos recuperar o desexo común, reinventar a esperanza, mais agora con toda a súa materialidade. Próxima estación: Esperanza.