Reinventarse

A esquerda asiste, perplexa e incrédula, á consolidación dunha néboa corrosiva e maleable a través da que aínda non é quen de albiscar nada. Coma se procedese dun territorio irreal. Coma se a ficción se apoderase de súpeto das nosas vidas. Pero o seu carácter onírico está a derivar en pesadelo. Os sindicatos observan, impotentes, o desmantelamento dalgunhas significativas conquistas sociais logradas na historia recente mentres tratan de lavar o rostro con auga fría.

A esquerda articulada, partidaria, permanece estupefacta no medio dun discurso demoledor que, abeirado na crise financeira, é capaz de poñer os intereses das oligarquías por enriba dos da cidadanía

A esquerda articulada, partidaria, organizada, permanece estupefacta no medio dun discurso demoledor que, abeirado na crise financeira, é capaz de poñer os intereses das oligarquías por enriba dos da cidadanía cunha furia descoñecida. O problema é que hai tempo que a propia práctica política chegou a un punto de non retorno. A autocompracencia das últimas décadas destruíu o seu nervio central, e o perverso mercado que idealizou a sociedade de consumo inxectoulle un soño de estramonio.

Hoxe a sociedade percibe que os representantes políticos, que teoricamente ostentan a palabra da cidadanía, son autómatas, ridículos papagaios sen voz propia. E os sindicatos (e eu aínda continúo afiliado a un) acomodáronse e réndense ante os seus propios intereses, vítimas dunha lenta osteoporose. Tanto é así que procurar o esforzo e o consenso dunha convocatoria unitaria, mesmo nun momento coma este, semella unha tarefa titánica. E, con todo, agora, un lixeiro sopro podería derrubalos.

En realidade, todo se derruba, incluídos nós mesmos.

Para o futuro da esquerda, dunha esquerda distinta, eficaz, renovadora e capaz, o discurso político dos últimos anos non vale, como tampouco vale agarrase deseperadamente aos dogmas do pasado.

A tecnoloxía empuxou definitivamente un cambio de época; un cambio de época brutal, gobernado por unha crise financeira de carácter especulativo e perfil feudal. Como di ironicamente Xurxo Souto, estamos a pasar da globalización á glebalización. E a glebalización non quere cidadanía, quere servos.

Se non somos quen de asumir que vivimos un cambio de época, un cambio de paradigmas, de relacións, tampouco comprenderemos o futuro e seremos vítimas dese enorme reaxuste que as oligarquías e os intereses financeiros de capacidade globalizadora tentan reverter sen piedade ao seu favor.

As novas tecnoloxías libérannos e escravízannos a un tempo. Fannos máis libres e tamén máis vulnerables. E esa é unha das contradicións da nova era que se abre. E, ante iso, á cidadanía só lle queda unha estratexia: reinventarse. Nin lamentarse, nin retirarse ás barricadas. Non son tempos para choros, para dogmas nin para ortodoxias.

Debemos reinventar a política, reiventar o marco laboral, reinventar a administración, reinventar a escola, reinventar a empresa, reinventar as organizacións política

O sistema enteiro derrúbase. Xa que logo, debemos reinventar a política, reinventar o marco laboral, reinventar a administración, reinventar a escola, reinventar a empresa, reinventar as organizacións políticas, reinventar a comunicación, reinventar os sindicatos... desde a cidadanía, desde a esquerda, desde o pensamento crítico.

Nun futuro de liberdade non cabe a burocracia, non cabe a autocompracencia, non cabe o inmobilismo na esquerda. O futuro só casa coa innovación, coa renovación, coa nosa capacidade de renacer, de rexenerarnos unha e outra vez para impedir un réxime de neofeudalismo. Hoxe, máis que nunca, hai que invocar o lema a imaxinación ao poder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.