Relatos

Dende hai algún tempo, varios dirixentes do PP andan buscando desesperadamente a causa explicativa do progresivo illamento social que están padecendo. Despois de moito matinar semella que xa teñen a solución: seica lles falta relato. A pesar de que non concretan o alcance desta expresión sintetizada, non cabe dubidar do significado que lle atribúen: non son capaces de trasladar adecuadamente o que está facendo o goberno de Rajoy. En realidade confunden o amplo descontento social –mesmo entre unha parte dos seus votantes- coa suposta carencia de habilidades explicativas.

Se no PP lamentan a inexistencia de relato, no nacionalismo galego hai, nesta altura, mais relatos dos que existiron nos últimos anos

Se no PP lamentan a inexistencia de relato, no nacionalismo galego hai, nesta altura, mais relatos dos que existiron nos últimos anos. O motivo resulta bastante evidente:a ruptura da unidade organizativa construída dende 1982 orixinou unha multiplicidade interpretativa sobre tal circunstancia e colocou na axenda do universo nacionalista o problema da posíbel e/ou necesaria reconstrución dos vínculos perdidos.

A complicación de semellante tarefa radica na combinación de dous factores relevantes: a existencia de diagnósticos diferentes sobre as causas do sucedido na Asemblea do BNG celebrada en Amio e as decisións específicas posteriores tomadas pola meirande parte dos actores participantes naquela importante cita do ano 2012.

Hai quen adoptou a decisión de abandonar a vella casa común verbalizando unhas motivacións que logo modificou significativamente para artellar unha determinada modalidade de comparecencia electoral no 21 de outubro do pasado ano

Hai quen segue pensando que a división orgánica era inevitábel e que, ademais, resultaba desexábel por mor da entidade das diverxencias presentes na fronte. Hai, por outra banda, quen adoptou a decisión de abandonar a vella casa común verbalizando unhas motivacións que logo modificou significativamente para artellar unha determinada modalidade de comparecencia electoral no 21 de outubro do pasado ano.

Ambos relatos posúen notábeis debilidades argumentais. O primeiro deles non se compadece cunha constatación indiscutíbel:as resolucións aprobadas nas sucesivas Asembleas Nacionais do BNG e as propostas realizadas nas distintas convocatorias electorais –singularmente nos comicios ao Parlamento galego nos anos 1997 e 2001-certifican a existencia dunha forte densidade na definición consensuada requirida por unha organización política que pretenda representar a sectores cualitativamente relevantes da sociedade galega. Había suficientes denominadores comúns entre os diferentes segmentos para integrar –sen eliminar- as diferenzas xurdidas despois da experiencia do goberno de coalición na Xunta. Era viábel reconstruír a cultura de cooperación interna mediante novas fórmulas políticas e organizativas. Para iso era necesario un talante que permitira administrar con éxito a recoñecida e reiteradamente loubada pluralidade que se tiña acadado no seo do Bloque. Desgraciadamente, venceu a opción partidaria de forzar unha polarización que provocara unha presunta e benéfica clarificación da liña política resultante.

Había suficientes denominadores comúns entre os diferentes segmentos para integrar –sen eliminar- as diferenzas xurdidas despois da experiencia do goberno de coalición na Xunta

Por outra banda, o relato dunha parte dos sectores que abandonaron a fronte nacionalista pivotaba sobre a imposíbel reconstrución da convivencia seriamente danada. Concretamente, a folla de ruta do Encontro Irmandiño contemplaba a creación dun Novo Proxecto Común que cumpriría dous finalidades complementares: ser o novo acubillo organizativo de todos aqueles sectores descontentos coa traxectoria do Bloque e propiciar unha oferta electoral atractiva para os votantes nacionalistas. O que finalmente sucedeu non se correspondeu con semellantes obxectivos. AGE é unha coalición electoral xustificada pola necesaria converxencia –“nunha fronte ampla”- de todos os sectores que se opoñen ás políticas da troika. O grande suceso obtido nas urnas non debe agachar o feito indiscutíbel de que Xosé Manuel Beiras non presentou esa proposta política como razón básica do abandono da organización que el mesmo contribuíra a fundar en 1982.

Cando mude o vento e haxa un proceso solvente de construción de novos espazos de consenso será necesario non esquecer a historia da Penélope nacionalista

Se botamos unha ollada ao sucedido nos últimos corenta anos, constataremos que as diverxencias nos relatos existentes no seo do nacionalismo político galego ocuparon partes importantes nas traxectorias das distintas organizacións que naceron e morreron nestas décadas. Tamén é verdade que houbo ciclos temporais nos que primaron as converxencias mais ou menos estábeis. Agora estamos nunha fase onde predomina a vontade de afirmar o perfil diferencial de cada quen. Cando mude o vento e haxa un proceso solvente de construción de novos espazos de consenso será necesario non esquecer a historia da Penélope nacionalista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.