Relixión: catalán

Artur Mas, Presidente da Generalitat catalá vén de visitar Israel, asomándose ademais torpemente a Xerusalén leste. Non vou facer valoracións nin interpretacións sobre como mesturar o conflito palestino-israelí, o soberanismo catalán, ou aínda o papel de Mas en todo isto. Abonda con visitar calquera foro en internet para atopar as máis apaixonadas e improbábeis opinións que levantan cuestións tais. Só que me lembrou unha historia da que gustara. Cóntao o historiador israelí Shlomo Sand en “The invention of the Jewish People” (2009):

O seu pai abandonou de moi novo calquera preocupación pola alma e, como moitos outros traballadores do metal na Barcelona rebelde, fíxose anarquista

“Bernardo naceu en Barcelona, Catalunya, en 1924. Anos despois chamaríanlle Dov. A nai de Bernardo […] foi toda a súa vida unha muller relixiosa [...]. No entanto, seu pai abandonou de moi novo calquera preocupación pola alma e, como moitos outros traballadores do metal na Barcelona rebelde, fíxose anarquista. Cando comezou a Guerra Civil, as cooperativas anarcosindicalistas apoiaron a república esquerdista e durante un tempo de feito tiveron o poder en Barcelona. Pero a dereita, as forzas franquistas, axiña acadou a cidade e o mozo Bernardo loitou canda o seu pai nas rúas durante a retirada final.

O recrutamento de Bernardo no exército franquista algúns anos despois do fin da guerra civil non amoleceu os seus sentimentos cara o novo réxime. Como soldado desertou nos Pireneos no ano 1944, para axudar outros opositores ao réxime a cruzar a fronteira. Despois, agardou ansiosamente que chegasen as forzas norteamericanas e derrocaran o cruel aliado de Mussolini e Hitler. Para a súa consternación, os liberadores democráticos nin tan sequera o intentaron.

Bernardo non tivo outra que cruzar a fronteira e converterse nun apátrida

Bernardo non tivo outra que cruzar a fronteira e converterse nun apátrida. Traballou como mineiro na Francia, e despois agochouse nun barco coa esperanza de chegar a México, pero foi descuberto en Nova York e mandárono alxemado de volta.

En 1948 estaba en Marsella traballando nun estaleiro. Unha tarde de maio atopou un grupo de mozos entusiastas nun café dos peiraos. Este mozo traballador do metal que aínda soñaba coa beleza humana das cooperativas da Barcelona revolucionaria, ficou convencido de que os kibbutz no novo estado de Israel serían os seus sucesores naturais. Sen a máis mínima conexión co xudaísmo ou co sionismo, embarcouse nun barco de inmigrantes, arribou a Haifa e foi axiña enviado á fronte no val de Latrum. Moitos dos seus compañeiros caeron na loita, pero el sobreviviu e inmediatamente ingresou nun kibbutz tal e como soñara naquel día de primavera en Marsella. Alí coñeceu a muller da súa vida. Casounos un rabino nunha cerimonia de urxencia partillada con varias outras parellas. Daquela, os rabinos aínda estaban felices de ofrecer estes servizos sen preguntas superfluas.

Este mozo traballador do metal que aínda soñaba coa beleza humana das cooperativas da Barcelona revolucionaria, ficou convencido de que os kibbutz no novo estado de Israel serían os seus sucesores naturais

O Ministerio do Interior descubriu axiña que se tiña cometido un erro grave: Bernardo, agora coñecido como Dov, non era xudeu. Aínda que non se anulou o matrimonio, Dov foi convocado a unha reunión formal para aclarar a súa verdadeira identidade. Na oficina gobernamental sentaba un oficial que tiña unha grande kipá negra. Nesa época o partido relixioso sionista Mizrahi, que daquela dirixía o Ministerio do Interior, era cauteloso e dubitativo. Aínda non teimaba cos territorios “nacionais” ou coas políticas de exclusión identitaria.

A conversa entre os dous homes foi máis ou menos esta:

“Vostede non é xudeu”, dixo o oficial.

“Nunca dixen que o fose”, respondeu Dov.

“Teremos que mudar o seu rexistro”, dixo informalmente o oficial.

“Muden”, acordou Dov. “Non hai caso”.

“Cal é a súa nacionalidade?”

“Israelí?” Suxeriu Dov.

“Non hai tal cousa”, declarou o oficial.

“Por que non?”

“Porque non existe israelí como identidade nacional”, dixo o funcionario cun suspiro. “Onde naceu?”

“En Barcelona.”

“Daquela poremos ‘nacionalidade: española’.”

“Pero eu non son español. Eu son catalán e rexeito ser anotado como español. Iso é polo que meu pai e mais eu loitamos nos anos 30”.

O oficial rañou a cabeza. Non sabía historia, pero tiña respecto pola xente. “Daquela poremos ‘nacionalidade: catalán’.”

“Estupendo!”, dixo Dov.

É así como Israel se converteu no primeiro país do mundo en recoñecer oficialmente a nacionalidade catalá.

“Non vou levar un documento de identidade que diga que son cristián. Non só vai contra os meus principios; tamén ofende a memoria do meu pai, que foi anarquista e queimou igrexas na Guerra Civil.”

“E agora, señor, cal é a súa relixión?”

“Son ateo e secular”.

“Pero non podo poñer ‘ateo’. O Estado de Israel non recoñece esa categoría. Cal era a relixión da súa nai?”.

“A derradeira vez que a vin, aínda era católica”.

“Pois escribirei ‘relixión: cristián”, dixo aliviado o oficial.

Dov deixou a oficina ministerial cunha tarxeta de identidade azul que dicía que era Catalán, tanto de nacionalidade como de relixión

Pero Dov, normalmente un home tranquilo, comezou a se impacientar. “Non vou levar un documento de identidade que diga que son cristián. Non só vai contra os meus principios; tamén ofende a memoria do meu pai, que foi anarquista e queimou igrexas na Guerra Civil.”

O oficial rañou outra volta a cabeza, avaliou as opcións, e atopou unha solución. Dov deixou a oficina ministerial cunha tarxeta de identidade azul que dicía que era Catalán, tanto de nacionalidade como de relixión.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.