Relixión e outras receitas impracticables

O BOE saíu recendendo a auga bendita. José Ignacio Wert quere que volvamos a rezar. Tamén na escola. O ministro de Educación volve ás andadas, se primeiro foi coa historia agora tenta adoutrinar os alumnos coa relixión nun currículum redactado pola Conferencia Episcopal. O curriculum de relixión católica do primeiro curso de Primaria (até seis anos) publicado na terza-feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) insire contidos como: "A creación como agasallo de Deus", "Deus acompaña ao home na historia", "Xesús, fillo de Deus, faise home, vive e medra nunha familia" ou "Xesús morreu para a nosa salvación". Como criterios de avaliación os nenos e nenas terán de identificar e valorar " a creación como acto de amor de Deus ao home" e recoñecer, entre outros aspectos " que os cristiáns forman unha familia". No resto de cursos de Primaria, o adoutrinamento enféitase con contidos coma este: "Deus, pai da humanidade, quere a nosa felicidade"ou "Deus crea ao home para ser o seu amigo, o paraíso como signo de amizade".

O curriculum achega varios exercicios para alumnos, entre os que sobrancea o volver a rezar. Especificando que terán de "memorizar e reproducir fórmula sinxelas de petición e agradecemento". Alén diso, tamén se lle pide que "expresen oral e xestualmente, de xeito sinxelo, a beizón a Deus pola súa amizade"; "le, identifica e explica coas túas palabras as consecuencias á recusa de Adán e Eva no do de Deus descritas no relato bíblico" ou " descubre e enumera as situacións nas que precisas de Deus para vivir".

Ninguén negará que a relixión católica goza de boa saúde na democracia, entre acatamentos ministeriais baixo crucifixo, ofrendas de monarcas e futbolistas, escolas confesionais concertadas e un máis que afortalado concordato coa Santa Sede

Ninguén negará que a relixión católica goza de boa saúde na democracia, entre acatamentos ministeriais baixo crucifixo, ofrendas de monarcas e futbolistas, escolas confesionais concertadas e un máis que afortalado concordato coa Santa Sede. Alén de que sexa un motivo máis para que os pais e nais non recorran ao ensino concertado, non sei se hai moito que dicir. E non por ateolóxicos argumentos mas polo alzado de organización social que proxecta,  desmanteladas as conquistas sociais e deturpados os conceptos que as informaban. Por iso, non é da enxurrada de retruques que teñen aparecido en poucas horas o que destaco, mas unha sentenza do personaxe en cuestión cando matinaba na FAES": "A comunidade educativa non pode ser unha comunidade democrática, xa que o proceso educativo non é democrático". Por que esta e non calquera outra do seu ben fornecido repertorio? Nela recóllese o testemuño apoloxético do que é portador. A da barbarie refinada que tira proveito das conquistas da laicidade e dos dereitos humanos para inocular exactamente o contrario. Sería ben necesario debullar cales son as contrapartidas políticas que tiraron as partes implicadas, a igrexa católica e o goberno, e que rendemento económico e electoral satisfai esa componenda. Por outras palabras, os fundamentos normativos dunha inxerencia no sistema educativo e a mudanza desta materia en voluntaria mas avaliábel.

O que fica nidio e claro é que non se trata  de formación en “cultura relixiosa” mais de adoutrinación católica

Por outra banda, o que fica nidio e claro é que non se trata  de formación en “cultura relixiosa” mais de adoutrinación católica. Do que coñecemos por catecismo. Eis a chave das noces desta asignatura: escolarizarmos o adoutrinamento. E o conflito que se deriva: deberase garantir calquera outra doutrina que pidan as familias? teñen máis dereitos os que teñen bispos e cardeais todopoderosos e concordato?  E se apelan aos “dereitos humanos” quen decidirá o que é ou non é “igrexa tradicional” de outros confesionalismos e cónclaves máis ou menos esotéricos? 

De feito, de visarmos con perspectiva, mais do que unha mutación do réxime é a derivación lóxica - aínda sendo agónica- dunha democracia fundada sobre o ditado bipartidista de quen acada a maioría goberna a vontade. Un encadramento na que todos os gatos acabaran sendo pardos e que evidencia nesta xeira perfumada de auga bendita a súa agónica perda de eficiencia ideolóxica nun intre en que a cidadanía reflíctese máis nos valores dunha clase media secularizada que mesmo estando en crise entendeu hai tempo que os designios dependen máis de Berlín e Bruxelas  que de Roma.

As igrexas e outros grupos relixiosos teñen dereito a ostentaren e xestionaren do seu peto escolas confesionais, coa condición de que cumpran os estándares educativos razoables

Ao cabo, o desatino de aprender relixión en contra de favorecer a evanxelización a través da escola-como teñen entendido os cristiáns de base- deriva dunha negativa ideolóxica a aceptar os principios de laicidade, universalidade e gratuidade, a educarmos primeiro a todo o mundo nuns principios básicos e universais que axuden a superar toda caste de fundamentalismos e absolutismos. As igrexas e outros grupos relixiosos teñen dereito a ostentaren e xestionaren do seu peto escolas confesionais, coa condición de que cumpran os estándares educativos razoables. Alén diso, se debruzamos na escola pública, independentemente do que di o Estatuto e a Constitución, aparentemente a maioría dos pais e nais queren enviar os seus fillos a escolas católicas porque de facto a escola pública galega leva operando o que vai de período democrático como unha escola confesional. Callou a idea de que o Estado, nas súas leis, debe reforzar a teoloxía moral dunha igrexa particular. Polo tanto, a discriminación opera no cerne organizativo do sistema de ensino. 

Lembremos que vai ser a partires do fin do século XVII cando os Estados comezan interiorizar que deben permanecer neutrais entre as reivindicacións competidoras das diferentes igrexas ou ideoloxías que procuraban apoio financeiro, legal ou administrativo. Polo tanto, aínda que a maioría dos cidadáns acrediten que as súas crenzas relixiosas ou ideolóxicas deberan ser integradas ao currículo das escolas financiadas polo Estado, de tal forma que ningún neno poida evitar ser adoutrinado, o Estado debera rexeitar cumprir con esas demandas. Por que? Para defender o principio de liberdade de conciencia, que é tan importante como a maioría de toma de decisións, nomeadamente aquela que permite a creación dunha comunidade política porque desta depende o equilibro de moitos principios antagónicos que compiten entre si. Se alguén teima en afirmar que as escolas públicas sempre reflicten as crenzas da maioría, entón os resultados serían evidentes nun estado onde a maioría vote este ou aqueloutro -ismo.

Se isto é inaceptábel para os católicos, non pode ser obviado xa que os estados son incompetentes para decidir esta cuestión. Na práctica, o estado debera fornecer un sistema educativo no que todos os cidadáns poidan participar sen seren obrigados a compartir as crenzas relixiosas ou ideolóxicas da maioría. E pode facelo doadamente, sen interferir en que calquera familia poida escoller a educación relixiosa dos seus propios fillos. Un elemento clave é saber se o ensino é acrítico. A educación non pode estar libre de valores. A cuestión non é se os pais e as escolas, non só comunican aos nenos as súas conviccións morais ou ideolóxicas  que soerguen  estas conviccións, mas tamén  proporcionan razóns adecuadas ao seu nivel de madurez. Tratalos doutro xeito é deixar de respectar neles, precisamente, os valores que pretendemos comunicar. Ao cabo, o que transforma a educación en doutrinación non é só o contido, mas o seu modo de comunicación. A crianzas teñen dereito a non seren adoutrinadas e as escolas que discriminan por motivos relixiosos non deberan reciber financiamento público. Os católicos teñen o dereito a educar os seus fillos en escolas católicas, mas o suposto dereito baséase en nada máis que a teoloxía desa igrexa en particular. Para o expresar dun outro modo, os nenos e nenas teñen dereito a non ser ensinados de forma acrítica sobre valores e conviccións. Reparemos que iso se esixe no  Protocolo nº 1, do artigo 2 da Convención Europea dos Dereitos Humanos. 

Non confundamos a quen formatea a súa fe para manter visibilidade e influencia de quen logo lle tira proveito electoral

Reparemos tamén na vulgata de xeral aceptación: o fenómeno relixioso, a transcendencia, a felicidade, a amizade e o amor. Ao cabo, os bispos afirman que a asignatura “axudará a estender espazos de racionalidade”, e non da fe. Eis o problema, a brétema que non deixa ver a fraga, porque de demorarmos a lectura abrollará un lema muito pouco ateo: “imponse a existencia de Deus como evidente”, ou aqueloutro de que cómpre aprendermos a “identificar a necesidade dun Salvador para sermos felices”. Con semellante receita curricular, traballo han ter despois nas clases de física, filosofía ou bioloxía. Para as familias que quixeran unha educación católica para os seus fillos eu recomendaría que non optaran por esta asignatura. Non confundamos a quen formatea a súa fe para manter visibilidade e influencia de quen logo lle tira proveito electoral, xa que moito me temo que foron os bispos os seus redactores e non o Wert, home inxenuo e excesivamente fiador, que até el se marabilla do que ten declarado dende que é ministro.

Cómpre non ser desleixados co estudo dun pasado nacionalcatolicista de abondo fedorento e no que en nome do amor de Deus se perseguiu e asasinou celebrando a cruzada imperial española

Eis queda unha nova fonte de conflito, o que se perfila como un aparente intento de fabricación dun intelectual colectivo ao servizo dunha determinada organización confesional da realidade; a rentrée dos discursos que teñen resposta para todo fronte o dereito ao criticismo e ás políticas da hospitalidade e da amizade, ao estudo dos mecanismos de reprodución social e de dominación de xénero. Antes de rematar fagamos un pouco de historia, pois cómpre non ser desleixados co estudo dun pasado nacionalcatolicista de abondo fedorento e no que en nome do amor de Deus se perseguiu e asasinou celebrando a cruzada imperial española (ao ditado do peytoniano lema de  “la familia que reza unida, permanece unida” e na “lengua del imperio”); que ningún franquista foi excomungado por alentar unha ideoloxía criminal- ao contrario do católico Alexandre Bóveda que foi fusilado por ser galeguista.  E poderíamos seguir. Hai aspectos que son tan importantes que deberan ser protexidos mesmo contra o goberno da maioría (aínda que tamén aquí podamos discordar): a posibilidade de ter opción para todos e non só para os católicos. Unha desas cuestións son as conviccións relixiosas e ideolóxicas dos cidadáns. Porén, adoutrinar non é educar. Por que se algunha cousa debera ser a educación é non ser relixión, quer dicir, ser un celeiro de ideas impuras, practicables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.