Renda básica universal até que a dignidade se faga costume

Unha necesidade

A crise económica e social provocada pola pandemia está a actuar sobre un terreo xa moi estragado pola anterior de 2008, abranguendo dimensións planetarias dunha enorme intensidade. De feito están a medrar as desigualdades, o empobrecemento, a precariedade, a incertidume e a inseguridade a uns niveis que anuncian o enterramento dos refugallos do estado de benestar. Non só abanean as condicións de vida da xente, senón os fundamentos do respecto, da democracia ou as esperanzas de acadar un mundo de máis igualdade, xustiza e liberdade. Situación e perspectivas que fan máis necesario ca nunca rachar con apaños caritativos desfasados que xa amosaron as súas limitacións tanto para para avanzar nunha imprescindíbel mudanza social e económica como para dar cobertura as tremendas eivas e carencias do modelo actual. Eis onde a loita polo estabelecemento dunha renda básica universal e incondicionada pode estabelecer un chan de protección e garantía sobre o que asentar a construción dunha sociedade mellor.

 

En que consiste?

A RBU (renda básica universal) é unha asignación monetaria de contía suficiente pagada polos poderes públicos, de carácter universal, incondicional e individual e onde non se renuncia ao mantemento, prestación e mellora dos servizos públicos, tal e como pretenden algúns neoliberais para dar o visto e prace. Esta asignación debe ser igual ou superior ao umbral da pobreza e correspondería a todas as persoas, non aos fogares, independentemente das circunstancias económicas ou laborais. Evidentemente, e con respecto a isto último, quen gañe máis ou posúa máis riqueza terá que devolver á sociedade unha parte do exceso mediante impostos. Ademais, as conclusións relativas ás experiencias realizadas, actualmente parciais e limitadas, amosaron que nin se desincentiva o traballo nin se fomenta o parasitismo social senón que, pola contra, pode implicar un maior compromiso de responsabilidade comunitaria.

 

Son moitas as vantaxes

Fronte aos subsidios condicionados actuais (rendas para pobres), a RBU evitaría a complexidade e os gastos derivados de manter unha custosa estrutura burocrática de avaliación, concesión, supervision e control dos mesmos. Por outra banda, estes subsidios dependen moitas veces de prácticas administrativas asentadas en valoracións morais ou en abertas discrecionalidades ás que hai que sumar o feito de que os propios e complexos procedementos obrigan aos perceptores a demostrar e exhibir as súas carencias e miserias, favorecendo a estigmatización e a humillación social. Hai que salientar que entre os desestimentos e os falsos negativos, estes nos que a xente que ten dereito ás prestacións non as recibe por fallos sistémicos, pode superar o 50%.

Porén, unha renda básica universal incrementaría a capacidade para actuar e desenvolver diferentes proxectos de vida e tamén, ao eliminar a pobreza e reducir a desigualdade, melloraría as condicións de saúde, habitabilidade e seguridade. Tamén, ao ser individual, promove a independencia dos membros da familia constituíndo un incentivo para a redistribución das tarefas domésticas e de coidados. Axudaría, por outra banda, a cuestionar os roles de xénero e a non depender de chantaxes e ataduras económicas e emocionais nas relacións Facilitaría, así mesmo, unha maior inclusión e participación na vida política, social e cultural.
 

O financiamento

Os estudos e traballos de expertos como Daniel Raventós, Julen Bollain, Jordi Arcarons, Lluís Torrens ou David Casassas amosan a posibilidade real, tendo vontade política, de poder implantar o mecanismo dunha renda básica para toda a cidadanía. Para isto compriría unha modificación do modelo fiscal para que se produza unha transferencia desde os sectores privilexiados e desde as grandes fortunas. Habería, xa que logo, reformular os impostos sobre o patrimonio, sobre os beneficios empresariais, sobre o capital financeiro especulativo e, principalmente, sobre a renda das persoas físicas. Neste caso, a RBU estaría exenta de tributación, comezando a gravarse progresivamente a partires da contía da mesma. Outra medida consistiría en suprimir a morea de subsidios existente, mediante a absorción e compensación dos mesmos na renda básica, logrando suprimir os importantes custos da súa xestión e administración. Tamén, como non, axudaría rebaixar o gasto militar, as axudas á igrexa e librarse de institucións como a monarquía e outros gastos suntuarios. Consonte os modelos propostos, arredor do 20% da poboación máis rica sairía prexudicada fronte a un 80% que ficaría igual ou mellor, acadándose un importante avance na loita contra a desigualdade e na eliminación da pobreza.
 

É anticapitalista

Por suposto que a implementación dunha RBU non supón o socialismo, mais pode abrir camiños para combater a dominación e a explotación, posibilitando o empoderamento dunha cidadanía máis libre, comprometida e conscente. É, precisamente, a ruptura cos vínculos da submisión o que aterroriza aos poderes que manexan os fíos do control económicos e simbólico, o que axuda a entender as viscerais reaccións contrarias de institucións como a propia igrexa. Porque semella claro que contar cuns ingresos incondicionados proporciona unha caixa de resistencia desde a que poder negociar condicións de traballo e de realizacións persoais, sen caridades e sen favores.

Outro aspecto fundamental consiste en que este tipo de renda permitiría abordar a cuestión do recoñecemento monetario de moitas actividades situadas fóra do mercado, como a autoformación, os coidados, o voluntariado, actividades cívicas, etc, así como a necesaria reconsideración do estatuto do traballo e a mitoloxía que o envolve. Citando a Van Parijs, esta renda sería a proxección dunha exixencia de xusticia social entendida como a distribución equitativa dunha liberdade real.
 

Por unha outra ética

Estamos no tempo de mudar enfoques e perspectivas que só benefician á minoría que vive sobre o sufrimento e a subordinación da maioría. Precisamos rachar con eses esquemas interiorizados que levan a fiscalizar as axudas ás persoas sen recursos mentres se transixe cos privelexios dos ricos, sen cuestionar a procedencia das súas fortunas; que levan a sospeitar dos probes e a confiar cegamente nos posuidores da riqueza; que conducen a escatimar medios aos desposuídos e a agasallar indecentemente a quen xa ten máis que de abondo. Precisamos unha ética da distribución que ampare a idea de que todos e todas somos merecedores de igual consideración e respecto. Unha ética como a que se desprende de iniciativas como as da Rede Renta Básica (http://www.redrentabasica.org/rb/) ou da Iniciativa Cidadá Europea para implantar unha renda básica incondicional na Europa (https://rentabasicaincondicional.eu/), e cuxa campaña para a recollida dun millón de sinaturas remata o 25 de setembro de 2021.

Cando o Estado Mexicano tivo que desculparse pola inxustiza cometida contra Estela Hernández e a súa familia, pertencentes á comunidade indíxena otomí, esta contestou no seu discurso de resposta: "En pie de lucha por nuestra patria, por la vida y por la humanidad. Hasta que la dignidad se haga costumbre". Alegato que foi consigna no recente movemento chileno por un proceso constituínte, e que xa debería facer parte dun lema global!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.