Renda Básica Xa!

Saímos da crise!!!!?:  Caghoendiola!! Por fin!!! Porque quen, minimamente serio e rigoroso, pode negalo a estas alturas?? Estamos saíndo da crise!! Os datos obxectivos son amplos e evidentes. Arredemo que si!!

O PIB, por exemplo, O do 2014 xa foi positivo, ou non? Pero o do 2015 e mais o do 2016...  superaron o máxico 3%!!. E este ano xa se está situando tamén por riba dese 3%. Queredes máis datos? A inflación?... pois, Vivedeus! a inflación tamén vai coma un foguete. Volvemos a ter inflación positiva, pouco por agora, din, pero as cousas son cada día máis caras o que, evidentemente, é moi positivo!!. Que si, que é positivo. Que non? Preguntádelle a calquera economista serio, veña!!. E se non vos chega con estes datos, aí vai a proba do algodón: O mesmo Draghi, o director do Banco Central Europeo, veo xa tan claro que vai baixar a creación artificial de diñeiro (iso que chaman QE) de 60.0000 millóns de euros a apenas 30.000 millóns cada mes. Si, os bancos xa non necesitan que lles deamos tantos cartos!

E iso ímolo notar todas eh!.. Por exemplo, no paro. O paro está baixando!!, abofé que si!, dino todas as estatísticas. Vale, é certo que se contamos o número de horas traballadas, as cousas do emprego non saen tan ben paradas... pero iso é que hai moitos contratos a tempo parcial, ou por días... Vale, tamén por horas... Pero é mellor que non ter nada!! ou non estades de acordo?

Vale, si, será mellor que analicemos algo mellor isto porque non encaixa moi ben cunha saída seria dunha crise. Como dicía recentemente Manuel Lago na Voz de Galicia cartografando a precariedade: “Os que teñen un contrato temporal, os que traballan a tempo parcial, os fixos descontinuos, os que rotan entre o paro e o traballo precario. Cando se suman, o resultado é demoledor: a metade dos asalariados galegos -máis se son mulleres- son precarios, sometidos ben a unha taxa de temporalidade (o 28%), de parcialidade (o 16%) ou de paro (o 15%).”

E se, por riba, a ese 59%  sumámoslle as persoas que emigraron, as inmigrantes que se foron, as falsas autónomas, as quen renunciaron a fichar no paro, as que seguen a estudar por ir facendo algo... Uff!!. Algo non cadra, non!.

Porque, digo eu, se os datos macroeconómicos son tan evidentes, por que carallo non notamos na nosa cotidianeidade a “saída” da crise?  Pois parece que a maior parte dos analistas de esquerdas respóndennos o mesmo: Que a crise foi utilizada como desculpa para realizar unha estafa, para provocar unha redistribución da renda en contra dos salarios e en favor dos beneficios empresariais. Unha estratexia que xa viña de antes, por certo, configurando un modelo cada vez máis centrado na especulación financeira e a tendencia á concentración... Pero, recoiro!! Ten que haber algo máis.

Se me permitides a miña opinión, eu diría que esta vez non estamos ante un simple ciclo baixista, temos unha crise real, de todo o sistema. Vivimos nun tempo de éxito, o das novas tecnoloxías, que está facendo que o traballo humano sexa cada vez máis rendíbel, co mesmo tempo e esforzo producimos moitos máis bens e servizos. E dirédesme que iso non é nada novo, que vén sucedendo dende sempre, como quen di dende que se inventou a roda e non pasa nada, a tecnoloxía destrúe traballo (o que é positivo, indubidabelmente) e postos de traballo (o que parece que non o é tanto), mais sempre temos cara a onde “fuxir”. Que logo da recolección e a caza, apareceu a agricultura, e a industria, e os servizos, e... Xa, pero, decídeme, agora, a onde imos ir?

O peor é que a destrución de empregos parece non ter fin, Drones, Impresoras 3D, Robots, Intelixencia Artificial, Ventas por Internet, Administración electrónica, Vehículos autónomos. Para marear a calquera, non? Entendámonos, isto é bo, que dúbida hai, pero ten un efecto: logo non haberá emprego digno para todos todo o tempo. Pensemos que xa hai empregos que emigraron a zonas de traballo “escravo” coa globalización e que están volvendo a zonas con tecnoloxías máis desenvolvida e próximas ás de consumo, con “traballadores robots”, máis baratos, xa, que os “traballadores escravos” (ao cabo robot procede do checo robota, escravo).

E destruíndose o emprego destrúese tamén o principal motor de redistribución da sociedade moderna, o salario. Temos que crear un motor auxiliar, un ingreso que, sen substituír ao salario, permita que a economía funcione, evitando un colapso no que uns o teñan todo e os demais nada. E este novo ingreso, para ser eficaz, ten que ter as seguintes características:

-Incondicional: Porque non podemos condicionalo a existencia dun emprego, pois non vai haber emprego para todas as persoas. Pola mesma razón non debemos limitalo a aqueles que busquen efectivamente un emprego. E, por certo, inspeccións e intromisións nas vidas privadas que nos aforramos!.
-Universal: Debe de abranguer a toda a poboación residente no territorio onde se efectúe o ingreso.
-Individual: Ao igual que o salario, debe ser de recepción individual.
-Suficiente: Debe de permitir un nivel de vida digno, por enriba do limiar da pobreza.

E, que sorpresa! Isto é o que se coñece como Renda Básica (RB).

A RB. Un Dereito Humano xa recoñecido como tal no artigo 1.3 da Declaración Universal de Dereitos Humanos Emerxentes, Monterrey (México) 2007, onde se define como o dereito “a un ingreso monetario periódico incondicional sufragado con reformas fiscais e a cargo dos orzamentos do Estado, como dereito de cidadanía, a cada membro residente da sociedade, independentemente das súas outras fontes de renda, que sexa adecuado para permitirlle cubrir as súas necesidades básicas”. 

Un dereito humano que xa é hora de que o pasemos de emerxente a real. Como tal non vai resolvernos todos os problemas, non é esa a función dos dereitos humanos, como sabemos, realmente só vai resolver un, a pobreza. Teremos  un solo digno dende o que planificar a nosa vida.

Pero unha vez implantado nada vos volverá a ser igual, haberá un antes e un despois, estaremos en mellor posición para loitar contra a prostitución forzada, o “traballo escravo” ou infantil, o maltrato a mulleres economicamente dependentes, para apoiar á xente moza na súa busca de autonomía e independencia económica, para defendernos da presión desas empresas indesexábeis por contaminantes, inútiles ou mesmo perigosas, sempre dispostas a chantaxear á sociedade cos postos de traballo, cuns sindicatos reforzados como organizacións de negociación e presión (coa RB funcionando como unha caixa de resistencia), permitíndonos pensar a educación como formación de persoas e non (non só) como formación de empregados, sen esa delincuencia menor derivada da miseria ou a pobreza, etc.

E co obxectivo dunha Renda Básica Xa!, un grupo de persoas xuntámonos para promover esta idea. Se queres participar neste debate podes visitar esta páxina de facebook

 

Enlaces recomendados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.