Repensar a vida no Día da Terra

CC-BY Darío Álvarez

As que lemos con asiduidade a National Geographic desfrutamos de dúas revistas nunha este mes. A primeira é unha visión optimista sobre a Terra do ano 2070. A outra parte titúlase ‘Como perdemos o planeta’, e podemos imaxinar ao que se refire

As que lemos con asiduidade a National Geographic desfrutamos de dúas revistas nunha este mes. A primeira é unha visión optimista sobre a Terra do ano 2070. A outra parte titúlase ‘Como perdemos o planeta’, e podemos imaxinar ao que se refire. Este 2020 cúmprense cincuenta anos daquela primeira vez que a humanidade festexou o ‘Día da Terra’. Tras deixar atrás as grandes Guerras do século XX demos paso a un novo milenio esperanzadas e coa intención de mudar o noso mundo, e hoxe asistimos a un deses eventos que chamamos con razón ‘históricos’ e que marcará, sen dúbida, o comezo dun novo paradigma para o ser humano. Hoxe, o noso Día da Terra, un terzo da poboación fai corentena para paliar os danos dunha pandemia. Desde logo, perdemos moito do planeta no que vivimos, pero hai motivos para imaxinar que, dentro doutra metade de século, nese tan afastado 2070, o futuro ten cabida tamén para nós. E falamos das novas xeracións, de mulleres concienciadas que entenden que a vida é a longo prazo e que hai que coidala e protexela porque vivirmos na Terra é unha sorte e non unha circunstancia. 

Podemos ser mellores. Sabémolo. En Texas, coñecido por ser o xigante do petróleo, prodúcese a día de hoxe unha cuarta parte da enerxía eólica de tódolos Estados Unidos. As labores de milleiras de conservacionistas conseguen que, pouco a pouco, especies en perigo de extinción volten a formar parte dun mundo animal vivo e en constante movemento. Exemplos temos moitos, máis se cadra, é curioso o caso do Pangolín (de nome científico Pholidota ), un mamífero que ata fai pouco só se coñecía en África e Asia. O pangolín semellaba ao bordo da extinción por culpa de que a súa carne se considera unha delicatessen -converténdoo así no mamífero máis traficado do planeta-, ata que a crise do SARS-CoV-2 o devolveu á vida grazas a un estudo que o sinalaba como posible ‘intermediario’ na zoonosis do virus. Tal como di o microbiólogo Ignacio López-Goñi no seu artigo ‘El coronavirus más mediático’ (Investigación Y Ciencia, abril 2020), é máis que probable que o virus salvara ao pangolín da extinción, algo que non nos deixa en moi boa posición: facemos máis por medo a perxudicarnos a nós que por salvar a outras especies, máis a mensaxe segue sendo a mesma: temos poder para mudar o futuro coas nosas eleccións se así o desexamos. 

Muda o modelo produtivo, muda o sistema. E mudamos nós. Hai cincuenta anos o plástico era o material do futuro; hoxe representa un dos problemas máis importantes ao cal nos enfrontamos como sociedade

Vinte anos non son nada, como di o tango, e cincuenta tampouco. De feito, se o comparamos coa idade do planeta e mesmo das primeiras formas de vida nel, a nosa existencia é mínima e insignificante. E aínda así, cincuenta anos son máis que suficientes para mudar a nosa perspectiva vital. Hai cincuenta anos o efecto invernadoiro non tiña cabida no imaxinario dos cidadáns. Hoxe é un tema de conversación de tristeira actualidade. A industria da enerxía eólica comezou fai menos de cincuenta anos (para ser máis exactos, no ano 79, cando se levou a cabo a primeira produción dunha serie de turbinas de vento) e, aínda así, considérase que unha das profesións que máis vai crecer na próxima década é a de técnico de mantemento de aeroxeradores. Muda o modelo produtivo, muda o sistema. E mudamos nós. Hai cincuenta anos o plástico era o material do futuro; hoxe representa un dos problemas máis importantes ao cal nos enfrontamos como sociedade. 

Hai danos que non podemos reparar; nin en cincuenta anos, nin seguramente en séculos. En 2070 haberá zonas do planeta con climas que non existen na actualidade. A temperatura aumentará, empeorando a calidade de vida na meirande parte dos países que sofren pobreza extrema, xa que non teñen infraestruturas nin medios para se protexer das consecuencias que isto representa. A zona do hemisferio sur será a peor parada desta crise ambiental, e a desestabilización dos ciclos da auga provocará máis inundacións e, á vez, períodos máis longos de seca. Este proceso ocorre polo quecemento global: a cada grado que aumenta a temperatura, o aire retén un 7% máis de auga, o que reseca a superficie da Terra. Isto leva a que as choivas sexan menos frecuentes pero máis intensas, provocando desastres nas colleitas. A realidade das refuxiadas polo clima non é fábula nin broma, senón un proceso que fará máis evidentes as desigualdades no mundo. 

Chegadas a este punto non é sinxelo agochar a preocupación polo noso futuro. Temos a sensación de que o problema fica demasiado grande. Porén, temos as ferramentas para minimizar o impacto. Podémonos preparar para vivir no mundo que nos vai tocar. 

Temos acceso a fontes de enerxía renovables que demostran que é posible consumir electricidade sen deixar unha pegada no medio. E non só é posible, senón que, ademais, é factible economicamente. O 63% da electricidade que produciu Galiza no ano pasado proviña de enerxías renovables. 

Cada vez son máis as cidades que inician procesos de transición cara un modelo sostible co medio ambiente. Máis da metade da poboación de Copenhague desprázase cada día en bicicleta grazas á rede de infraestruturas para ciclistas que converteu á cidade na primeira en estar ‘liberada’ de emisións de carbono no ano 2005. En Berlín, a maior parte dos edificios recorre ás augas grises para regar os denominados ‘tellados verdes’, que contribúen a limpar o aire da urbe. A capital de Islandia, Reykjavik, benefíciase da súa natureza salvaxe convertendo a enerxía xeotérmica en electricidade e facendo que tan só un 0,1% da enerxía que consume o país proveña dunha fonte de combustible fósil. Tamén o hidróxeno gaseoso presenta unha nova oportunidade para o futuro da enerxía do planeta, ao ser totalmente inofensivo o seu sub-produto, o osíxeno, máis será vital que a investigación e as políticas gobernamentais diminúan o seu custo, moi elevado polo de agora. 

Eu vexo a primeira cara da National, a de ‘Como salvamos o planeta’, e non porque a Terra precise de nós para se salvar, senón porque nós decidimos que queremos vivir nela, e que paga a pega mudar o mundo

Aínda que todas estas novas sexan gratificantes, o certo é que a transición enerxética implica un desenvolvemento de infraestruturas que non fará inmediato o cambio. Con todo, temos, tamén, unha xuventude disposta a retornar aos valores do ecolóxico fronte ao consumo non responsable, e unha posta en valor cada vez máis importante das dietas non baseadas no consumo animal. Urxe que fagamos o esforzo por ser mellores consumidoras e mellores cidadás. Para apoiar unha agricultura que respecte os ciclos da natureza e para non empobrecer a outras mulleres que sofren o espolio da súa terra a cambio dunha esmola. 

A tecnoloxía ten demostrado o seu potencial e, tamén, a súa capacidade para destruír. Pero iso non depende da tecnoloxía, senón do enfoque que nós lle queiramos dar. Por iso eu vexo a primeira cara da National, a de ‘Como salvamos o planeta’, e non porque a Terra precise de nós para se salvar, senón porque nós decidimos que queremos vivir nela, e que paga a pega mudar o mundo, porque o ser humano tamén ten demostrado o seu enxeño e a súa capacidade para se adaptar, e o máis importante, as súas ganas de mellorar sempre.

 

Para máis información sobre animais en perigo de extinción, consultar: https://traficoespecies.wwf.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.