Como nos felices anos 90 do s. XX nos que a clase traballadora contraía créditos para esquecer que o era, nos que os indies xogaban ao onanismo chic e nos que apenas no País Vasco se evidenciaban as fendas do réxime do 78 –pois foi alí onde permaneceu vivo un espazo político que impediu a estabilización do marco inaugurado en 1978– regresa –mentres Arnaldo Otegi aínda está no cárcere para lembrarnos que só estamos na continuación dunha batalla que vén de atrás– o “Bloque Constitucionalista” a tratar de frear o que Arthur Rosenberg chamaría o “Movemento Democrático” –co sentido que o termo Democrático ten na tradición da esquerda e que pouco ten que ver cos ritos e institucións da democracia liberal–; un Movemento, este, que se ampliou no plano electoral como consecuencia dunha crise do capitalismo que non ten fin e como consecuencia de que o Estado das autonomías (sentenza do TC sobre o Estatut mediante) xa non puidese seguir exercendo de encoro fronte as demandas nacionais, especialmente catalás.
Desta volta, porén, o Movemento Democrático ten ante si, desde que lle incluíron a argola do artigo 135, unha Constitución aínda máis antidemocrática e antipopular da que xa actuaba coma muro de contención nos tempos da gran coalición de Redondo Terreros e Mayor Oreja.
Segundo ese consello de anciáns chamado Fundación España Constitucional e o seu exército de zombies que volven campar fóra dos seus nichos, a Gran Coalición debe hoxe repetirse, como no País Vasco do aznarato, e a Constitución debe ser obxecto dunha reforma “no espírito da Transición”; isto é, a Constitución debe ser actualizada para continuar sendo útil ao que Gerardo Pisarello denominou o “grande Termidor” do constitucionalismo antidemocrático.
Un constitucionalismo antidemocrático de longa raigame na tradición liberal –velaí o dos pais fundadores dos EEUU analizado por Sheldon Wolin en “Democracia S.A” e que conta co seu reverso en forma de explotación estrutural dos negros como describiu polo miúdo Domenico Losurdo en “Contrahistoria do liberalismo”– e que ten en todo o aparato xurídico que conforman os tratados da UE un exemplo requintado do que pode significar a separación absoluta das institucións e os textos emanados delas a respecto da vida cotiá e da capacidade de decisión das persoas do común.
Unha separación da que a expulsión ao poleiro dos deputados-as chamados a seren a pata (e non o seu núcleo irradiador) do Movemento Democrático no Congreso (para cando a volta ás rúas?) é a representación gráfica desta nova distinción entre lores e comúns que, lonxe de ser un endemismo de “Españistán”, como se adoita caricaturizar a cotío, está na vangarda do que sucede en Uropa e no mundo (de igual xeito que o PSOE de Felipe González tras o franquismo foi un avanzado da Terceira Vía e da liquidación da socialdemocracia; ou, por dicilo con Gregorio Morán: “a clase política da Transición foi posmoderna antes de que chegaran algúns ideólogos a explicarllo”).
Un horizonte no que a Lei escrita se converte na institución por antonomasia á que todas as demais instancias, a comezar polo Parlamento (a inutilidade do Parlamento da UE demostra o avanzada que está esta nova fase no noso continente) deben venerar, obedecer e non tocar.
Así, é ante a realidade do Constitucionalismo Antidemocrático da Unión Europea (unha realidade que, se ben algo tarde, quedoulle clara a Varoufakis sendo Ministro de Finanzas en Grecia), que esas dúas demandas do Movemento Democrático (ou, mellor, dos Movementos Democráticos) do Estado Español deben demostrar de que pasta están feitos. Se estamos abocados á cuarta revolución pasiva que vive o Estado español nos últimos 150 anos como cren Joaquín Miras e Joan Tafalla1 ou se asistiremos, por fin, a unha ruptura coa Lei (da eurozona, da débeda, dos “compromisos adquiridos cos nosos socios” etc.) que permita unha verdadeira mudanza nas condicións de vida dos subalternos.
Di Enrique Dussel que Abraham, “contra a Lei dos pobos semitas que inmolaban aos deuses aos seus fillos primoxénitos, non sacrificou ao seu fillo Isaac” e que “ser da liñaxe de Abraham é saber que hai ocasións en que non hai que cumprir coa Lei cando está en risco a Vida.”
Repetir a Abraham. Velaí para o que deberían prepararse os Movementos Democráticos do E. Español desde xa.
(1). "La experiencia española: tres revoluciones pasivas con un genocidio intercalado. [...] En los últimos ciento cincuenta años de historia de España, desde 1868, se ha producido en cuatro ocasiones una situación que aúne el doblete de la crisis económica al de la deslegitimación política del régimen por corrupción, por escándalo financiero: a,la previa a la Revolución del 68; b,la que conduce a la Segunda República; c, el periodo que termina con el advenimiento del régimen neofranquista hoy en crisis, y, d, el momento actual." http://old.sinpermiso.info/articulos/ficheros/miras.pdf