Rescatar a cultura galega

Hai unha semana, o Eurogrupo (que nome máis ridículo; non sei por que pero a vez primeira que escoitei tal nome pensei nun coro de drags queens) rescatou a banca española, é dicir, os directivos da banca, os grandes soldos. Un exercicio do capital salvándose a si mesmo. E nós, como somos tan boa xente, non protestamos, tragamos, montamos unha lea no twitter, metémonos con Mariano, facemos risas e ala, a seguir pringando. Pero non nos enganemos. Diga o que diga o señor de Sanjenjo, isto é para salvarse eles e non vai ter consecuencias positivas para a xente (a ver, algunha si, pero maquillaxe pura, no básico, imos seguir padecendo recortes que nos recortarán a alma).

Mais imos pensar por un rato que si. Imos imaxinar que en efecto o goberno de España solicita eses cartiños para salvar a xente, para que gañemos en calidade de vida, para, como dixo Rajoy, ese desaparecido futboleiro fumador de puros taurino e olé, que non tivesen que intervirnos. É dicir, imos dar por verdadeiro, durante un cachiño, que si que é certo que isto se fixo porque estabamos tan mal, tan mal, tan mal, que eramos tan pobres, tan pobres, tan pobres, que estabamos tan ao límite, tan ao límite, tan ao límite, que era necesario pasar pola vergonza de pedir antes que roubar...

Os nosos representantes políticos escolleitos con abraiante maioría absoluta pensan en que nós merecemos ser coidados, ben tratados e protexidos

Se supoñemos tal cousa temos que dar tamén por verdadeiro que somos dignos de ser rescatados, é dicir, que temos valor, que a xente lle importa ao goberno, que os que mandan sobre nós, os nosos representantes políticos escolleitos con abraiante maioría absoluta pensan en que nós merecemos ser coidados, ben tratados e protexidos. Porque somos algo valioso.

E por seguir tirando deste fío argumental -e sabendo como sei que o Eurogrupo de drags queens en nada disto pensaban, pero é mera hipótese de traballo- o paso seguinte sería afirmar que todo aquilo que fose valioso, importante, digno de ser coidado e recheo de aloumiños e mecos porque é algo importante para a vida, debe ser rescatado se a súa situación é de precariedade e de pre-inanición.

A industria cultural galega -a saber, a que se fai en galego-  xera un Produto Interior Bruto e un volume de emprego maiores que o naval ou o químico

Agora póñome serio: a industria cultural galega -a saber, a que se fai en galego-  xera un Produto Interior Bruto e un volume de emprego maiores que o naval ou o químico. A pesares de ser un sector atomizado, xera arredor do 2’5 por cento do traballo en Galicia (fonte: Zona Franca de Vigo e Consello da Cultura Galega). Dito en bruto: que non é ningunha coña. E vouno repetir de novo, por se non quedou claro ou se leu moi a correr: a cultura en Galicia, a industria cultural galega, é un dos sectores produtivos máis importantes do país. Dende logo, os que traballamos nela, non temos a forza do naval, e non somos moi dados a sair en masa a defender a nosa carga de traballo. Igual soa ata incómodo que escriba isto pero, a estas alturas da miña vida, como que me dá un pouco igual.

Se os partidos políticos -tamén a esquerda nacionalista- elevan a súa voz para amosar o desastre que é que caian determinados sectores como o naval, non estaría mal que tamén a alzasen por esta

E todos entendemos, e non vou frivolizar con isto, que é fundamental salvar ao sector naval, e que se cae o naval cae o país enteiro. Mais crédeme, se cae a cultura galega cae tamén o país enteiro. E a industria cultural galega está pasándoo realmente mal. Pechan as librerías. As compañías de teatro esmorecen. Os grupos de música contan os bolos cos dedos da man. A industria editorial, os escritores, os ilustradores, a xente do mundo do libro, está a pasalas canutas...

Creo que hai que rescatar a cultura galega. E se os bancos son dignos de ser salvados, o país tamén. E se os partidos políticos -tamén a esquerda nacionalista- eleva a súa voz para amosar o desastre que é que caian determinados sectores como o naval, non estaría mal que tamén a alzasen por esta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.