Logo de sucesivas conferencias europeas fica claro que Europa pretende dotarse dun mecanismo permanente de rescate de Estados con problemas de solvencia. Esta estratexia implica riscos. Riscos que me preocupan. E que non auguran nada bo para o futuro europeo.
Como os gobernantes dun país saben que chegado o momento van ser rescatados polos seus socios entón carecen de incentivos
Compartir as débedas –iso é o mecanismo de rescate en definitiva- xera un problema de risco moral. Como os gobernantes dun país saben que chegado o momento van ser rescatados polos seus socios entón carecen de incentivos a implementar políticas que non xeren déficit ou reduzan a magnitude da débeda. É dicir, van ter escasos incentivos a poupar e moitos ao dispendio.
Un xeito de solucionar o problema do risco moral é atar de pés e mans os gobernantes. É dicir, decidir centralizadamente certas condicións de gobernanza dos socios. Esta solución no marco da Unión Europea presenta en primeiro lugar un problema de lexitimidade democrática debido ao escaso control democrático das institucións europeas. Mais, sen compracerme, non é isto o que mais me preocupa. A miña preocupación céntrase na posibilidade de que estas directrices centrais limiten excesivamente a concorrencia fiscal entre os socios. Bloqueándose así a selección concorrencial das mellores políticas públicas.
A miña preocupación céntrase na posibilidade de que estas directrices centrais limiten excesivamente a concorrencia fiscal entre os socios. Bloqueándose así a selección concorrencial das mellores políticas públicas
O exemplo mais obvio de tales condicións é a de manter un déficit estrutural nulo. Mais as condicións non teñen porque ficar aquí, este tipo de condicións son susceptíbeis de estenderse a todas as políticas que repercutan directa ou indirectamente nos gastos e ingresos dos Estados e, por tanto, podan xerar déficits orzamentarios públicos. É dicir, a practicamente todas as políticas públicas. Por exemplo, as condicións poderían traducirse na imposibilidade de reducir impostos por parte dun país baixo o pretexto de que tal diminución incrementaría excesivamente o déficit público e, consecuentemente, cuestionaría a súa solvencia financeira.
Como desconfío sistematicamente do poder e, por tanto, dos seus representantes na terra, os políticos, sexan estes alemáns ou españois, acredito en que a evolución histórica de tales condicionamentos conducirá implacabelmente á redución da concorrencia fiscal entre Estados. A colusión entre os gobernantes ha evitar a concorrencia entre eles e así sairán todos beneficiados. Poderán soster políticas ineficientes que lles beneficien –a eles ou aos lobbies que representen- ante a ausencia de competidores que co seu bo facer revelen as deficiencias das súas políticas. Eventualmente, innovadoras e eficientes políticas públicas poderán ser bloqueadas argumentando razóns de estabilidade orzamentaria.
Poderán soster políticas ineficientes que lles beneficien –a eles ou aos lobbies que representen- ante a ausencia de competidores que co seu bo facer revelen as deficiencias das súas políticas
Nos Estados Unidos, como relatan Edward Prescott, Nóbel de Economía, e Stephen Parente no seu libro Barriers to Riches, existe unha cláusula de comercio interestatal que concede ao goberno federal o dereito de regular o comercio interestatal. Durante a segunda metade do século XIX e a primeira parte do XX, esta cláusula foi interpretada no sentido de que os Estados non podían interferir no comercio interestatal. Todo foi como a seda. O libre comercio impelía a concorrencia entre as producións dos diversos Estados e o ritmo de crecemento económico dos Estados Unidos foi espectacular.
A experiencia norteamericana ilustra como a limitación da concorrencia entre os Estados membros dunha unión comercial e monetaria pode ter consecuencias nefastas para o crecemento económico. O mesmo pode pasar en Europa
Porén, non podía durar. Os gobernantes non gustan de leis que limitan o seu poder e, a partires de mediados do século XX, a interpretación da cláusula mudou no sentido de que se ben os gobernos estatais non podían interferir no comercio interestatal, o goberno federal si podía regular os negocios. As regulación federais foron usadas para protexer sectores produtivos de diversos Estados e regular o sector do transporte. A concorrencia entre as producións dos diferentes Estados diminuíu. O crecemento estadounidense ralentizouse a partires de entón.
A experiencia norteamericana ilustra como a limitación da concorrencia entre os Estados membros dunha unión comercial e monetaria pode ter consecuencias nefastas para o crecemento económico. O mesmo pode pasar en Europa. Mais tamén podemos aprender dos estadounidenses e non rescatar os Estados. Eles non o fan. Se o Estado de California ten problemas financeiros tense que valer por si só, non vai ser rescatado polo goberno federal. Non o foi no 2009 cando suspendeu pagamentos. E co dólar non aconteceu nada.