Resignación demográfica

O Goberno galego vén de presentar un denominado “plan de dinamización demográfica” con propostas que deberían abordar, con intención de modificala, unha deriva demográfica que converte o noso País nun dos territorios mais envellecidos do mundo; pero non é esa a sensación que produce a lectura do plan.

O diagnóstico evita falar das especificidades da situación de Galiza que se distingue e agrava a respecto doutras sociedades europeas, non afonda nas comparativas de evolución históricas con esas sociedades, céntrase só na evolución vexetativa da poboación esquecendo por exemplo o desequilibrio migratorio.

Lígase demografía só a naatalidade, desenfocando o problema e limitando a capacidade de mudar a tendencia

Nas medidas propostas, sen compromiso orzamentario, légase demografía exclusivamente a natalidade, desenfocando o problema e limitando a capacidade do plan de mudar a tendencia. E sobre todo, esquécense as compoñentes territorial, socio-económica e de xénero do problema demográfico.

Pero é preciso un plan porque realmente estamos nunha grave situación e nunha grave evolución. Precisamos un plan que proporcione un sistema de indicadores para facer prospectiva detallada e deseñar políticas públicas adecuadas e útiles, que considere o problema demográfico en toda a súa amplitude: o incremento previsto da poboación maior e dependente, quen a vai coidar e con que medios, a necesidade de reter a nosa mocidade no País e atraer mozas e mozos de fóra ofertando un espazo para desenvolver un proxecto vital en Galiza, a protección da crianza e coidado e a fixación de poboación no rural.

Precisamos un Goberno que traballe na mellora do balanzo migratorio da mocidade con medidas de emprego e de vivenda

Precisamos un Goberno que traballe na mellora do balanzo migratorio da mocidade con medidas de emprego e de vivenda, e na creación dun espazo socio-sanitario que dea resposta aos retos do coidado de maiores no futuro, que apoie á crianza con perspectiva de xénero evitando cargar nas mulleres o labor reprodutivo, promovendo a corresponsabilidade e apoiando as familias monoparentais, que non abandone o medio rural e considere unha prioridade a creación de explotacións agrarias viables. Conformaríamonos cun goberno que fose quen de mellorar a situación socio-económica do País aínda que non abordara o seu impacto demográfico.

Este documento presentado pola conselleira Mato non aborda os problemas e non fai propostas orzamentadas nin temporalizadas: non é realmente un plan. Unha vez mais, o actual Goberno galego, ante unha grave cuestión de País, non ten solucións. No fondo da súa propaganda transloce a imaxe da Galiza que eles ven: unha sociedade resignada a desaparecer, e non parecen dispostos a facer nada para evitalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.