Resposta á Carta aberta de Alfredo Ferreiro

A Xunta Directiva do Centro PEN Galicia quere manifestar, perante a “Carta aberta a Luís González Tosar”, publicada en Praza Pública o 3 de marzo por Alfredo Ferreiro, que:

1.- A actual directiva foi escollida na Asemblea Xeral Extraordinaria do pasado 20 de febreiro, convocada en tempo e forma segundo establecen os Estatutos vixentes (Rexistro Central de Asociacións da Consellería de Xustiza, Interior e Admon. Local. 3 de febreiro de 2005). Asistiron á mesma, 13 escritores e escritoras membros e enviaron o seu voto delegado outros 13 asociados, segundo consta na correspondente acta. Somos, polo tanto, o órgano de dirección do PEN Galicia e como tal respostamos ás infundadas acusacións de “funcionamento opaco”, “inactividade”, “trato de favor”, “agravio comparativo” e outras afirmacións inexactas do señor Ferreiro.

2.- O PEN Galicia, integrado no PEN mundial en 1989, conta con 26 anos de traballo ininterrompido na promoción interior e exterior da lingua e literatura galegas, na loita pola liberdade de expresión e demais principios que contempla a Acta Constitutiva do PEN Internacional, facendo fincapé na libre difusión de pensamento en cada nación ou comunidade cultural, a través das linguas e literaturas do mundo. Desde hai unha década, o PEN desbotou a denominación de “clube literario” para constituirse formalmente nunha organización apolítica con estatus especial de ente consultivo da ONU e ente asociado da UNESCO para asuntos literarios e privación dos humanos, nomeadamente do dereito de expresión e opinión.

3.- As actividades máis salientables no eido exterior do PEN Galicia, consisten no noso traballo nos comités aos que pertencemos: Comité de Tradución e Dereitos Lingüísticos (do que a nosa expresidenta Úrsula Heinze foi vicepresidenta, participación na redacción, en 1997, documento de Dereitos Lingüísticos e Tradución aceptado pola UNESCO e do Manifesto de Girona en 2011), Comité da Paz (apoio a escritores e xornalistas exiliados), Comité de Escritores en Prisión (que a instancias do PEN galego declarou ao noso compañeiro Xosé Luis Méndez Ferrín como exemplo de escritor comprometido do ano 1972, a raíz da súa condena de dous anos de cadea pola ditadura franquista, personándose, daquela, o PEN International na súa causa no TOP e no TS a través do entón Secretario Internacional Peter Elstob) e, máis recentemente, no Comité de Mulleres Escritoras e na Plataforma Outwrite (dereitos e liberdade de expresión do colectivo LGBTQI). Boa proba da consideración acadada teñen sido a organización do 60º Congreso Internacional (Santiago, 1993. Declaración de Compostela encabezada por Salman Rushdie), a World Poetry Day (Santiago de Compostela, 2001) coa presenza dos Nobel Derek Walkott e Wole Soyinka, o encontro Descordo de amor: Occitania en Galicia (Samos, 2008), Galicia-Iberoamérica, un mundo literario (2009), Festival Free the Word / Libera a Palabra (Santiago de Compostela, 2010) Conferencia Iberoamericana (Santo Estevo de Ribas de Sil, 2012) e as Bienais “De pedra e de palabra” dedicadas ás literaturas da lusofonía, Europa, Asia e África (2008-2014).

4.- Na nosa acción interior, só citarmos as once edicións dos Premios “Rosalía de Castro” (1996-2016) para galardoar o conxunto dunha obra en lingua portuguesa, vasca, catalá e castelá. Xornadas arredor de Xohán Manuel Casado (2002), Xohana Torres / Antonio Gamoneda (2010), Gao Xingjian (2011), Xosé Fernández Ferreiro (2012), Víctor Campio Pereira (2013), Pura e Dora Vázquez (2014), Mª do Carme Kruckemberg e Carlos Casares (2015). As sete edicións dos Premios “Voz de Liberdade” (2003-2015), a Lembranza de Eduardo Blanco-Amor (2003-2015), o Premio de poesía “Afundación” (2002-2016) e a edición das Coleccións “Arte de Trobar” (poesía), “O gato tradutor” (tradución), “Alén mar” (monografías), “Currupa literaria” (narrativa e poesía) e outras publicacións.

5.- Informámolo, por último, de que no Congreso do PEN celebrado en Quebec (outubro de 2015), a Asemblea de Delegados, representativos de 96 Centros PEN do mundo, acordou, examinadas outras propostas, aceptar a de Galicia para que o 82º Congreso Mundial da organización teña lugar en Ourense, do 26 de setembro ao 2 de outubro. Remitímolo ás declaracións do Director Executivo do PEN International, o escritor catalán Carles Torner (La Voz de Galicia, 23 de febreiro de 2016).

 

Asinado:

Luís González Tosar (Presidente)
Alfredo Conde (Vicepresidente)
Úrsula Heinze (Vicepresidenta)
Luciano Rodríguez (Secretario)
Armando Requeixo (Vicesecretario)
Bieito Iglesias (Tesoureiro)
Xabier Castro Martínez (Director técnico)

e os Vogais:
Marilar Aleixandre
Inma López Silva
Manuel Guede
Xosé Ramón Pena
Román Raña
Miguel Anxo Fernández
Luis Menéndez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.