Sr. Casal:
Mire Sr. Casal, ENCE-Pontevedra –contrariamente ao que Vde. afirma- nin é motor da economía da comarca nin é líder mundial na calidade dos vertidos á Ría
Temos lido as declaracións feitas hai uns días por Vde. a un medio de comunicación local e vémonos na obriga de poñer en cuestión moitas das súas afirmacións. Xira toda a entrevista ao redor do futuro de ENCE en Lourizán e, sinceramente, a demagoxia asoma por todas partes; pretende Vde. en primeiro lugar, identificar os seus intereses particulares, os da fábrica que dirixe, co interese xeral da comarca de Pontevedra, algo que está ben lonxe da realidade; e todo para –máis unha vez- presionar á administración e chantaxear á poboación para forzar a prórroga da concesión, unha prórroga que –a todas luces e en base á desfeita ambiental, económica e social que provoca a presenza de ENCE no seu actual emprazamento- sería absolutamente inxustificábel e nefasta para a Ría e para a explotación dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos.
E, para elo, non dubida en botar man dos tópicos de sempre: as bondades medio ambientais de ENCE, a riqueza que xera na Ría e na Galiza, e mesmo a existencia de enquisas que referendan que se ten invertido a corrente de opinión na poboación da comarca, agora maioritariamente favorábel á permanencia da fábrica na Ría. Supoñemos que esas “supostas enquisas” serán tan independentes como aquel Informe externo da KPMG que segundo Vde. confirmaba as bondades ambientais, económicas e sociais de ENCE na Ría e que no seu Anexo indicaba que “a responsabilidade sobre a veracidade dos datos” era exclusivamente de ENCE; sen comentarios Sr. Casal!
Mire Sr. Casal, ENCE-Pontevedra –contrariamente ao que Vde. afirma- nin é motor da economía da comarca nin é líder mundial na calidade dos vertidos á Ría; a fábrica que Vde. dirixe –por certo, condenada por delito ecolóxico continuado cando segundo Vdes. cumpría escrupulosamente a lexislación ambiental- incumpre hoxe boa parte da lexislación en materia de vertidos e mesmo –tal como confirma a Xunta de Galicia- está a utilizar a dilución dos vertidos para rebaixar a súa contaminación e adaptala ás esixencias da Autorización Ambiental Integrada (AAI), unha práctica ilegal que debería levar a apertura inmediata dun expediente sancionador por parte do Goberno galego. Pero non se preocupe Sr. Casal porque, ou moito mudan as cousas, ou nin a Xunta –que concedeu de forma irregular unha AAI feita á carta para ENCE e tramitada coa participación da súa esposa Dna. Mª José Echevarría Moreno- nin o goberno central van impedir estas prácticas fraudulentas, e mesmo tratarán de atopar o xeito de prorrogar –en contra da lei, da lóxica e do desexo maioritario da poboación- a concesión da fábrica máis aló do 2018.
A única razón que impide a apertura de expedientes sancionadores a ENCE e a ELNOSA polo incumprimento da lexislación ambiental é a existencia dunha trama familiar entre as dúas empresas e o órgano administrativo encargado de facelo
En calquera caso, teña por seguro que a APDR seguirá a mobilizar á poboación para evitalo e para conseguir que, dunha vez por todas, se faga xustiza e Pontevedra poida recuperar a Ría para a explotación racional dos seus recursos, para que a recuperación da economía e a creación de postos de traballo sexa unha realidade, e para recuperar tamén a saúde e a calidade de vida que perdemos coa chegada a Lourizán do complexo CELULOSAS-ELNOSA. E teña por seguro tamén, que seguiremos a denunciar que todo indica que a única razón que impide a apertura de expedientes sancionadores a ENCE e a ELNOSA polo incumprimento da lexislación ambiental é a existencia dunha trama familiar entre as dúas empresas e o órgano administrativo encargado de facelo.
Reciba un saúdo,