"Soy lo que me han hecho las leyes [...]Yo soy el dolor de un mal sueño".(Luces de Bohemia, Valle Inclán).
Ilustres dirixente políticos, significativos medios de comunicación, tipos con sotana e señores da toga, conflúen na ágora dos descoidados para azacotar a escrupulosa harmonía que produce esta podremia
Vivimos infestados por esa aborrecida confraría de desalmados comediantes que, a pesar da testuda realidade, teiman en eclipsar a cerebral tarefa dos expertos en falcatrúas, dos profesionais da delincuencia. Tarambainas que, no canto de gurrar para facer máis levadeira a carga da penuria cotián, embóbannos interpretando exiguos sainetes de divertimento, mentres cuadrillas de samesugas, dispostas a zugarnos o ser, nos converten en inermes estatuas de area negra, incapaces de reaccionar contra o infortunio que nos abafa.
Ilustres dirixente políticos, significativos medios de comunicación, tipos con sotana e señores da toga, conflúen na ágora dos descoidados para azacotar a escrupulosa harmonía que produce esta podremia, e facela inzar nas mentes da xente normal e provocarlle tal aversión contra a crase política que nos revolve o estómago ata facernos vomitar. Porén, cando teñamos a ben decatarnos do que está a acontecer, non vai ser nada doado atopar o antídoto que nos permita recuperar a ansiada e pracenteira monotonía da normalidade.
Aquilo que comezou sendo un gran trunfo social -e un atino mediático- facendo aflorar a noxenta corrupción política, argallada nos escritorios de caoba da delincuencia institucional, xa fica relegado no baúl das lembranzas, suplantado por unha garulada de estorniños, grazas ás sobrecargas informativas e xudiciais con repugnantes anomalías administrativas e desviacións indecorosas, que só serven para seguirnos aborrecendo e fomentar a crianza dunha pándega e novidosa rama do Dereito que pretende codificar a Ética, coma se a conduta moral dos cidadáns que participan na política puidese ser obxecto de regulamentación.
Non hai dúbida de que iso que lle deron en chamar transparencia sempre será un ben escaso, por moi abundante que pareza, e a denuncia mediática e xudicial dos corruptos sempre saberá a pouco
Non hai dúbida de que iso que lle deron en chamar transparencia sempre será un ben escaso, por moi abundante que pareza, e a denuncia mediática e xudicial dos corruptos sempre saberá a pouco, mais xa é hora de reclamar algo de lucidez para evitar que os políticos honestos –moitos máis dos que parece- sexan rillados no patíbulo ao día seguinte de seren acusados, tendo que apandar coa condena dos medios, coa sospeita infundada da cidadanía, ou coa pena do banquiño, antes de que a súa señoría dite sentenza. Se é que a acaba ditando!
Ah! Ao meu tío Lisardo non lle chista nada que determinados políticos normais se farten de repetir, demostrarei a miña inocencia, no canto de esixirlle ao acusador que acredite a súa culpabilidade, contribuíndo así á reviravolta do concepto, para lle axudar aos que mangonean o chintófano a que acaben trocando aquilo de que, todos somos inocentes mentres non se demostre o contrario, pola perigosa doutrina de que, todos somos culpables mentres non demostremos a nosa inocencia. Hai que goderse con esta paxarada da merda!