Roald Dahl de batea

Primeira edición de 'Charlie e a fábrica de chocolate' Dominio Público

Conversa nunha libraría de bairro. Un cliente de toda a vida entra, saúda a libreira e achégase ao mostrador. En voz baixa, case un besbello, di:

O autor de As Bruxas está a ser obxecto de caza, censura de baixa intensidade revestida de humanidade protectora

-Que tal, Eva? Teño unha sobriña que vai estar de aniversario e quería agasallarlle Matilda, de Roald Dahl.

-Sen problema.

-Se poidera ser da colleita de 2022, ou anterior.

A libreira óllao en fite e o cliente acena para tranquilizala. 

-Os pais serán de fiar?

-Non teñen porque sabelo. A cativa vén adoito á nosa casa e podo lerllo eu.

Ela retírase á trastenda, escóitase virar unha chave na pechadura e remexer de gavetas. Volve á tenda ollando a dereita e esquerda e cara a porta comprobando que non é observada.

-Velaí tes. Roald Dahl de batea. Por favor non vaias contándoo por aí, que me cancelan.

'Matilda', de Roald Dahl ©

De cativos, aos abusóns recriminábaselles que cos máis febles eran moi valentes pero cos fortes cagábanse pola pata abaixo. Atreveríanse esas editoriais a rebaixar a linguaxe e as situacións “incorrectas” nas obras de Rabelais, de Shakespeare ou de William Faulkner? Ou nas de Pardo Bazán? Atreveríanse cun autor ou autora viva? 

O autor de As Bruxas está a ser obxecto de caza, censura de baixa intensidade revestida de humanidade protectora. De cativos, aos abusóns recriminábaselles que cos máis febles eran moi valentes pero cos fortes cagábanse pola pata abaixo. Atreveríanse esas editoriais a rebaixar a linguaxe e as situacións “incorrectas” nas obras de Rabelais, de Shakespeare ou de William Faulkner? Ou nas de Pardo Bazán? Atreveríanse cun autor ou autora viva? Ser é posíbel, as ditaduras fano por sistema, coa literatura, a historia, as ideas... Poucos ámbitos se resisten ao seu manto protector. 

No proceso aberto con Dahl hai varios aspectos nos que reparar. O primeiro é a substitución de termos que a editorial considera potencialmente ofensivos para colectivos ou persoas vulnerábeis. A ofensa, como a beleza, está adoito nos ollos de quen mira pero asi se vende; en realidade algúns termos poden ser ofensivos tamén para pais e nais, ou para o profesorado, ofensas que mesmo poden derivar en demandas legais se a algunha docente se lle ocorre recomendar, xa non digamos prescribir, unha das obras do autor en cuestión. E non só para o profesorado, mesmo para a escola ou para as autoridades educativas. Máis doado que desviar responsabilidades indefinidamente é evitalas de raíz, como máis doado que limpar un bosque para que non arda é talar as árbores, e morto o can acabouse a rabia. 

Máis doado que desviar responsabilidades indefinidamente é evitalas de raíz, como máis doado que limpar un bosque para que non arda é talar as árbores, e morto o can acabouse a rabia

Cousa diferente é facer que unha personaxe deixe de ler a Joseph Conrad para ler a Jane Austen. Tanto un como a outra merecen ser lidos e seguramente a Roald Dahl lle gustaban ambos, desde logo Joseph Conrad si porque foi el o que elixíu para que a personaxe “se trasladase coa súa lectura á África doutros tempos”. A editorial substitúe a referencia por “con Jane Austen trasladábase aos pazos do século XIX”. O motivo son neste caso as obras que Conrad ambientou no mundo colonial e racista dos imperios europeos. Agora, a ofensa en “trasladarse á África doutros tempos” no existiría para os lectores cativos, está nos ollos do que mira. Asemade, o que se fai non é suprimir a frase (o cal sería menos grave) senón propoñer un modelo “virtuoso”. 

'As Bruxas', de Roald Dahl, en edición de Xerais © Xerais

Con pasos coma o dado pola editorial Puffin móvense os marcos, desprázase o umbral de tolerancia para os e as lectoras cativas e co tempo para os cidadáns e cidadás que han de vir, co resultado de que todo pensamento ou relato conflitivo sexa criminalizado ou borrado do mapa: ollos que non ven...

Con pasos coma o dado pola editorial Puffin móvense os marcos, desprázase o umbral de tolerancia para os e as lectoras cativas e co tempo para os cidadáns e cidadás que han de vir, co resultado de que todo pensamento ou relato conflitivo sexa criminalizado ou borrado do mapa: ollos que non ven... Desprázase igualmente a marxe dos que teñen vara de mando para modificar o pasado. Os gladiadores de Quo Vadis pasarán a loitar con espadas e lanzas de polispán, As crónicas de Bartolomé de las Casas serían alucinacións produto de mascar folla de coca e a Historia da humanidade poderá ser substituída pola saga de Tolkien. Non, non, que o Señor dos aneis é un festín de violencia.

Lánzase igualmente unha mensaxe aos autores, que poden escoller entre a autoestrada de circulación fluída ou a corredoira entre silvas. Polo menos en teoría porque, pensándoo ben, o triste é que na literatura infanto-xuvenil da nosa contorna unha operación semellante non tería sentido. Xa os autores e autoras, que non son parvos, se adiantan aos censores para evitala. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.