Os vencedores manu militari xestionan un determinado relato da memoria. Esquecer nomes para facer valer outros. Os disque intelectuais do franquismo ocuparon cargos de relevancia nas institucións xurídicas e culturais non sempre por méritos de currículo senón grazas ó baleiro provocado polo exilio e a represión exercida sobre figuras de prestixio internacional. Un exemplo: quen coñece Roberto González Pastoriza?
Silencios que contrastan con xestos de verdadeiro valor, mesmo en termos de heroicidade, na defensa da Xustiza en tempos de barbarie. Don Roberto paseaba polas rúas como un letrado de prestixio no ámbito do dereito administrativo e marítimo, de informes pulcros e fundamentados, esquivo á hora de falar de si mesmo, disconforme co escaparate de méritos persoais. Culto, rigoroso, académico eran valores que explican o tratamento de respecto con que se referían a el.
Morreu en 1985, un decenio despois de Atila. Nese tempo nin un só acto de desagravio a quen sufrira varias formas de represión franquista (económica, laboral, penal e física) agás a morte, aínda que sentise a friaxe na caluga.
Don Roberto paseaba polas rúas como un letrado de prestixio no ámbito do dereito administrativo e marítimo, de informes pulcros e fundamentados, esquivo á hora de falar de si mesmo, disconforme co escaparate de méritos persoais. Culto, rigoroso, académico eran valores que explican o tratamento de respecto con que se referían a el
Foi alumno de Dereito cando Porteiro Garea e Peña Novo impartían aulas na USC. Na etapa universitaria comparte inquedanzas político-culturais con Valentín Paz-Andrade, Manuel Rivas Landeira ou Fermín Bouza Brey. Deste tempo é a súa colaboración con poemas en galego en Vida Gallega, a presidencia da Asociación Jurídico-Escolar e o achegamento ás Irmandades da Fala.
O ingreso na vida laboral fíxoo con éxito no bufete de Adolfo Gregorio Espino. O seu prestixio aumentou cando se puxo á fronte do despacho mentres aquel asumía a alcaldía de Vigo. Dende entón foi ocupando cargos de relevo: letrado externo do Concello de Vigo, asesor xurídico da Caixa Municipal de Aforros, secretario xurídico da Unión de Entidades Viguesas e cofundador do Colexio de Avogados de Vigo.
Mailo seu saber xurídico tamén o puxo en común nos traballos dedicados á redención foral galega ou nas anotacións xurídicas realizadas durante o proceso de redacción do Estatuto galego.
Como demócrata opúxose á ditadura de Primo de Rivera; como galeguista, intégrase nas Irmandades da Fala e despois na directiva do Grupo Autonomista Galego
Como demócrata opúxose á ditadura de Primo de Rivera; como galeguista, intégrase nas Irmandades da Fala e despois na directiva do Grupo Autonomista Galego, responsable do reencontro dos nacionalistas en 1930, no mitin no Teatro García Barbón e posterior xantar na Barxa (asáltame á memoria o retrato de grupo nas escaleiras dos antigos terreos dos Avendaño).
Abrazou a República con intensidade. Afilíase ó Partido Galeguista. Colabora cos partidos da esquerda e republicanos. Recibiu García Lorca no apeadeiro vigués. Compartiu conversa con intelectuais e políticos republicanos. Carteouse con destacados xuristas. Ingresou na Asociación de Escritores Galegos. O seu nome tiña unha enorme sonoridade en Vigo. Entón chegou 1936.
González Pastoriza asumiu de inmediato a defensa dos principais cargos políticos republicanos na urbe viguesa: Emilio Martínez Garrido (alcalde), Antonino Bilbatúa (deputado do PSOE), Waldo Gil (concelleiro do PSOE), Enrique Heraclio Botana (histórico líder da UXT e PSOE), Ramón González Brunet (concelleiro do PSOE) e Ignacio Seoane Fernández (deputado do PSOE). A varios deles xa os defendera con éxito logo de seren detidos polos sucesos de 1934.
González Pastoriza asumiu de inmediato a defensa dos principais cargos políticos republicanos na urbe viguesa. Aquela defensa motivou que o avogado fose vítima de insultos, agravios e mesmo agresións físicas na vía pública
Durante o proceso pola vía civil, don Roberto puxo voz a estes presos, representantes da legalidade democrática. Aquela defensa motivou que o avogado fose vítima de insultos, agravios e mesmo agresións físicas na vía pública. Don Roberto queixouse ante o xuiz por non permitirlle o acceso ás dilixencias xudiciais. Incluso expuxo a falta de garantías para as testemuñas que fosen falar a prol dos presos. Un exemplo, como tantísimos outros, da arbitrariedade xudicial e as distintas formas de represión para causa-lo medo.
O 19 de agosto ábrese o consello de guerra. Don Roberto é apartado polo seu carácter de avogado civil. Oito días despois todos eles, canda outros, foron fusilados no camposanto de Pereiró mentres os veciños da zona pechaban as contras e persianas. Mártires de Pereiró.
A continuación González Pastoriza foi detido, preso e desterrado a Verín dende o Nadal de 1936 até finais de 1938. Non puido exercer como avogado até xullo de 1939. Entón perdera moitos clientes e apenas contou coa solidariedade doutros (Estanislao Durán, os irmáns Fernández López ou Adolfo Gregorio Espino).
Foi vixiado en distintas ocasións durante a ditadura. En 1945 é novamente xulgado polo Tribunal para la represión de la masonería y del comunismo, noutro novo caso de defensa da Xustiza ante o abuso exercido contra o odontólogo Angulo. Dous anos despois foi acusado de colaborar co Socorro Rojo Internacional, desterrado a Verín (1947-48) e en 1965 sobresida a causa. En 1961 o seu bufete e domicilio particular son obxecto de rexistro pola BPS.
Non nos estenderemos sobre os seus compromisos culturais: nadaliñas, socio da Asociación Cultural de Viguesa, colaborador da Fundación Penzol etc.
Acaso existe un nome máis axeitado que Robero González Pastoriza para a futura praza da Cidade da Xustiza de Vigo? Algún nome máis relacionado coa vida xurídica de Vigo?
Foi en 2013 cando a Irmandade Xurídica Galega o reivindicou con varios actos, entre elas a descuberta dunha placa na rúa do Progreso e o nomeamento como fillo predilecto de Moaña. Unha maneira de restituílo na nosa memoria.
Acaso existe un nome máis axeitado que Robero González Pastoriza para a futura praza da Cidade da Xustiza de Vigo? Algún nome máis relacionado coa vida xurídica de Vigo? Outra candidatura máis apropiada como figura que defendeu a Xustiza no clima de represión, persecución e asasinato sistemático que aconteu entre 1936 e 1939? Non precisa acaso dun acto de desagravio e recoñecemento público como decencia democrática dun municipio? Algún outro nome que represente mellor o símbolo da Xustiza, do seu cometido e exercicio de maneira íntegras? Existe alguén que exprese os valores democráticos da Xustiza como el o fixo e nas condicións en que o fixo?
Poderá haber argumentos para outros nomes pero ningún superará en méritos ó de González Pastoriza. O seu nome expresa á perfección o sentido e promoción dos principios da xustiza universal representados nun ser humano, aínda naquelas circunstancias en que o exercicio da avogacía puidese costa-la propia vida.
PS. Como firmes defensores do mantemento da toponimia tradicional, o seu sería mante-lo nome popular da zona e que a praza se dedique ó citado González Pastoriza.