Roca trabucouse

Hai unhas semanas o diario ABC dedicáballe a súa portada a Miquel Roca quen, en representación do nacionalismo conservador catalán, foi un do sete redactores da Constitución: "Roca arremete contra España: Pero que se creron? Cataluña é nación". Pódese opinar se é máis "arremetida" a de Roca ou a do ABC, pero en todo caso esa sentenza na portada do histórico diario da dereita española é como un decreto de exclusión simbólica de España, tanto de Roca como da cidadanía cuxa opinión expresa cando defende o dereito legal dos cataláns a facer o seu referendo. Máis dun 80% destes. A esta xente exclúeselles do marco legal español e da España política e péchaselles a porta de atrás. E tan campantes.

Roca laméntao con toda sinceridade, sábese que os seus intereses están no mantemento do marco estatal actual e non ten interese en negalo, apréciase nos seus comentarios verdadeira tristeza pola perda do conseguido entón

Estes días no diario El País, Roca di que "todo o mundo recoñece que ese modelo se esgotou, eu creo que non por defecto constitucional senón polo peche do Tribunal Constitucional" e "sinto agora frustración. O que era unha gran esperanza tivo os seus froitos moi importantes; pero isto rompeu. Rompeu". E a continuación recoñece que hoxe é imposible reconstruír aquel consenso no que se baseou aquel pacto. O diagnóstico é claro, o pacto está roto e non se pode recompor.

E Roca laméntao con toda sinceridade, sábese que os seus intereses están no mantemento do marco estatal actual e non ten interese en negalo, apréciase nos seus comentarios verdadeira tristeza pola perda do conseguido entón: "Sabiamos que non estabamos a dar resposta a un feito conxuntural dunha democracia normal, senón constituíndo un novo escenario de democracia tras unha longa historia de intolerancia, autoritarismo, guerra, represión... Tiña que haber unha aposta pola convivencia, por respectar a diferenza. Por iso a Constitución fala do pluralismo como valor". "Fálase en España de recentralizar; hainos que o din, lexitimamente. Para os que defenderon a descentralización como un feito esencial desta nova España democrática isto frustra".

Probouno arriscándose nunha operación política que xa entón, 1985, parecía inverosímil e que se evidenciou imposible: a operación Roca

Desde a preguiza intelectual ou a mala intención pódese argüír que Roca é rico, que é avogado da infanta, calvo, que mete o dedo na orella..., pero iso só son descualificacións persoais para evitar así encarar as súas razóns. Pódese estar de acordo con el ou non, pero hai que saber que tentou participar na construción dunha España inclusiva que recoñecía a diversidade interna, probouno arriscándose nunha operación política que xa entón, 1985, parecía inverosímil e que se evidenciou imposible: a operación Roca.

Xogou todo impulsando o Partido Reformista Democrático partindo dun partido catalán, CiU. A experiencia de Cambó demostrou antes que era moi difícil que os intereses cataláns encaixasen na política do Estado e coa operación Roca quedou claro que non hai sitio para un partido español que non teña a Madrid como centro e eixo. Mesmo se pode ir máis aló e é razoable conxeturar que Pi i Margall foi un accidente histórico e que ningún catalán que non renuncie á súa identidade e a escoitar a súa sociedade pode gobernar España (toleróuselle a Zapatero que fose do Barcelona, pero pagouno caro).

Deu desde entón unha viraxe definitiva: o catalanismo renunciou a influír directamente na política española e pasou a situarse nunha posición defensiva, meramente reivindicativa dentro dos límites do Estado español

Pero aquel ensaio que acabou en tremenda derrota nos anos 80 foi interiorizado con amargura pola política catalá que deu desde entón unha viraxe definitiva: o catalanismo renunciou a influír directamente na política española e pasou a situarse nunha posición defensiva, meramente reivindicativa dentro dos límites do Estado español. Non se pode resumir aquí un proceso de décadas en que se foron separando os camiños por ambos os dous lados pero, sen dúbida, os vaivéns e ensaios acabaron cando o Tribunal Constitucional publicou o redactado da súa sentenza sobre o Estatut.

Desde ese momento para esa gran maioría de cataláns a Constitución quedou atrás e xa están noutra cousa. Ese é un problema político enorme e as únicas solucións a un problema político son solucións políticas, alegar que unha lei vixente, a Constitución, impide dar solucións políticas é un insulto á intelixencia que só encobre que non interesa a unha parte que mantén o poder.

É certo que foi o PP quen recorreu o Estatuto catalán ao Constitucional e quen animou campañas previas contra intereses cataláns, pero non se atrevería a facelo se non soubese que as súas ideas estaban fortemente ancoradas en boa parte da poboación española non catalá e que esas ideas e intereses eran compartidos por boa parte doutros partidos.

A entrevista con Alfonso Guerra, que no seu día anunciou con fruición o "pase de cepillo" ao Estatuto na Comisión Constitucional do Congreso, demostra que Roca ten razón na súa apreciación de que o consenso constitucional está completamente roto

A entrevista con Alfonso Guerra, que no seu día anunciou con fruición o "pase de cepillo" ao Estatuto na Comisión Constitucional do Congreso, demostra que Roca ten razón na súa apreciación de que o consenso constitucional está completamente roto. Guerra obvia na súa entrevista as causas da situación á que chegou Catalunya e resúmeo na perfidia dos politicos nacionalistas cataláns. Coma se non existisen millóns de persoas detrás desas posicións, persoas tan informadas e tan xuiciosas, como mínimo, como Alfonso Guerra. Se se quere enfrontar un problema de tal dimensión, non se pode acoller un á conspiración dunha minoría perversa dirixida polo supervilán Mas.

A cultura democrática sobre a que se levanta Guerra e os seus razoamentos móstranse transparentes cando sinala que quen non respecta os que el considera principios da Constitución "está fóra da Constitución e fóra da democracia." Só hai democracia dentro desta Constitución. "Somos o pobo elixido e temos as nosas táboas da lei sacras. O mundo aí fóra vive no pecado e descoñece a democracia verdadeira." Até Moisés, vímosllo facer a Charlton Heston, rompeu unhas táboas e subiu ao monte buscar outras.

E da actitude contraria ao diálogo e do encono ao que chegou o nacionalismo español deu todo cando insiste na pertinente aplicación da forza a Catalunya se as súas institucións non contan coa autorización do Tribunal Constitucional, vello amigo deses cataláns. "Estes medos que hai, esta covardía", di. Non lle tremería a man e etcétera, etcétera.

Xa non hai nada que reformar. O peor é que non hai estratexias nin líderes para un novo pacto constituínte

Non hai estratexias políticas nin líderes que poidan reformar esta Constitución para incluír a cidadanía existente, pero é que xa non hai nada que reformar. O peor é que non hai estratexias nin líderes para un novo pacto constituínte.

Señor Roca, visto como evolucionaron as cousas e a situación na que se achan, creo que os representantes dos cataláns entón equivocáronse. Non sabían con quen estaban a xogar, vostedes creron que realmente participaban nun pacto e agora comproban que a Constitución é dos españolistas e España tamén. Corenta anos de franquismo impregnárono todo, o Estado de arriba abaixo e toda a sociedade, as persoas. E ao franquismo gústalle a imposición e o drama porque é como lle vai ben, esta España deles é un espectáculo no que algúns soñan en silencio e non tan en silencio con declarar outra vez estados de excepción e sacar as tropas dos cuarteis contra os civís. É algo tan enorme que a min me custa escribilo, pero eles sóltanllo a vostedes na cara e con letras de molde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.