Rosalía & Joan Baez

Joan Baez e Amancio Prada cantando a Rosalía no concerto de Madrid © Amancio Prada

Feliz parella. Con independencia da opinión que a cadaquén lle mereza cadaquén, o certo e verdade é que no derradeiro concerto da súa derradeira xira, logo de 6 décadas de carreira artística, a señora Joan Baez interpretou o Adeus ríos, adeus fontes de Rosalía.

Interpretouno, ou perpetrouno, na compaña e amizade do autor da música, Amancio Prada (reitero: con independencia da opinión que a cadaquén lle mereza cadaquén). Como digo, o de menos foi a calidade artística do lance. A maiores da emotividade e iso que chamamos “calor humano”, o mellor foi, ou debería ser, que alguén co prestixio, traxectoria, coñecimento, predicamento, historia, significado e potencia da cantante yanke Joan Baez no momento de dicirlle ao mundo algo tan básico e elemental, tan primario e sinxelo como un “adeus” o faga empregando o poema de Rosalía.

Para min a señora Joan Baez non é plenamente un referente ideolóxico ou filosófico (para eso meu rei, temos a Lenin, Sartre ou Fidel), ao contrario, vai máis alá, moito máis alá. Obxetivamente Joan Baez é a maior representante da canción social no século XX. Por casual que poida parecer non é azaroso que esta novaiorquina de Richmond repare na grande poeta social do século XIX, Rosalía. Biografías con paralelismos sorprendentes incluso na asunción de roles maritais nos parámetros do patriarcado: Murguia e Dylan.

Hai case 20 anos, cando o Dépor gañou a Liga, Galiza incorporouse con pleno dereito ao álbume sonoro co que o We are the champions de Queen beizoa os grandes sucesos deportivos. Os pianistas que aderezan funerais civís estilo teleserie americana están aburridos de tocar as notas do My way de Sinatra cando meten a caixa no forno. E cando os traballadores de medio mundo, antes do habitual pacto co goberniño e a patronal de turno, enchen o peito en manifestacións e barricadas... nas súas diferentes transmutacións lingüísticas atrona o We Shall Overcome popularizado xustamente, en grande medida, por Joan Baez.

Non falo xa do Amics per sempre, means you’ll always be my friend, friends for live, amigos para siempreeee… pois a oda lolailo á amizade atemporal de Barcelona 92 vive en tempos da represión ao procés horas baixas, e aínda asi, aí está. 

Case seguro que Félix Jorquera nesa sublime gominola radiofónica chamada A música da túa vida de Radio Voz lle ten adicado algunha edición a temas que dín adeus. Ou non, tanto ten. Pero que fermoso sería que ademáis de hits de Rafaella Carrá e Demis Roussos (máximo respeto!), o adeus rosaliano servira para que media humanidade poidese expresar un ataloguiño. 

E para eso simplemente, quizáis non máis, abondaba con querernos un pouquiño, con valorarnos algo, por vencer complexos e autoodios, simplemente. E simplemente perdamos (case) toda esperanza.

Ninguén, dentro do inmenso e plural colectivo de xente colonizada a mantenta, orgullosamente provinciana e case no mellor dos casos inconscientemente diglósica, que lle dá en boa medida forma á sociedade na que vivimos e convivimos vai actuar en Woodstock, visitar Hanoi en metade da guerra do Viet Nam, ou camiñar da man de Martin Luther King. Ninguén que vexas pola rúa vai adicarlle concertos aos presos políticos cataláns, liderar manifestacións antinucleares, pasar de Bob Dylan ou beneficiarse a un imberbe Steve Jobs. Ninguén, e aínda asi, no apalanque da tontería do Dux e o My by Dux ou na aberración estética de Toralla, sentiranse, na súa pailanada mental de sete estalos, moi por riba da señora Joan Baez, que escolleu a Rosalía para dicir adeus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.