Rouco triste

Todo comeza co e-mail dun compañeiro de estudos que aínda vive en Compostela lembrándome o encontro que tivemos o primeiro ano de carreira con Rouco Varela

Todo comeza co e-mail dun compañeiro de estudos que aínda vive en Compostela lembrándome o encontro que tivemos o primeiro ano de carreira con Rouco Varela. Foi nunha conferencia e posterior recepción do curso académico no Seminario Maior no que vivía en réxime de pensión completa -seguindo a católica tradición familiar- e á que conseguimos acceder dous que non íamos perfumados con auga bendita, zapatos lustrados e americana ao uso. E debeu notalo o prelado, porque despois de darmos conta do ribeiro e dos pinchos de empanada do segundo acto, veu o momento das xenuflexións e das preguntas ás que non nos podiamos negar seguindo a elemental regra da cortesía. Logo do ágape, non había maneira de safarnos da chapeirada. “¿Y luego, estos chicos, qué estudian?”. “Filosofía hedonista” respostei coa fachenda provocadora de quen albergaba o rudimentario corpus filosófico dun exame de bacharelato. Non obtivemos máis encíclica ca unha voz austera, de esguello, que repetía ”Uhmmm, eso es muy peligroso” mentres ía saudando ao resto de residentes e convidados aparentemente alleos ás relacións de sociabilidade hedonista que non ao trío de delincuentes relacionais en que nos acababamos de converter baixo o fogo cruzado de miradas devotas pouco proclives a perdoar ofensas. 

Albiscamos de súpeto os perigos dunha vida filosófica, de aspirarmos a unha vida de palabra e cumprimento de compromisos que permitan relacionarse con un mesmo e cos outros sen perdermos en calquera caso o poder ser donos de noso nun mundo que esqueceu o propio significado da palabra filosofía. A que conclusión deberíamos chegar sobre o perigo a que se estaba a referir monseñor? Advertir dun perigo sempre dispensa de ir á raíz e ao texto, aos argumentos que se analizan, recusan ou critican. Non facer filosofía, agochar os miolos na gabeta.

Advertir dun perigo sempre dispensa de ir á raíz e ao texto, aos argumentos que se analizan, recusan ou critican. Non facer filosofía, agochar os miolos na gabeta

Se todo poder vén de Deus, segundo a doutrina paulista recollida pola Igrexa, achantar inmanencia e soberanía individual e non a palabra de Deus dentro dun mosteiro non debeu ser a máis acaida técnica de presentación social. Na altura non obtivemos máis resposta do arcebispo chairego, bregado na hermenéutica e no dereito canónico como un oficial prusiano, que un retrouso de advertencia que pairou entre os muros do Seminario Maior. Até que o correo do compañeiro o rescatou da memoria para lembrarme que o cardeal Rouco vén de facer o seu derradeiro discurso logo de catro trienios á fronte do episcopado dicindo que “nos encontramos, como ha dicho el Papa, ante una cultura mundana, que arrecuncha a Dios en la vida privada y lo exclúe del ámbito público”. Sen dúbida, a advertencia realizada había vinte e cinco anos debeu ser enxergada na altura con seriosidade pois é mesmo cousa de indignación, de urbanidade. Hogano, un bocado máis vello, a misiva electrónica do amigo fustrigou a miña animosidade contra o ensino da historia santa na escola por moito que a acubillen en eufemismos sociolóxicos. Na escola na que non se pode aprender a ler, escribir, pensar e vivir na lingua do país e en calquera outra,  debruza o feito relixioso.

Porén, o que aquí se nos mostra non é  unha exposición ao outro, ao inefábel que é tamén un abrirse ás ideas, ao espiritual, mas unha inflexibilidade  cara o presente de quen non gosta da imprensa, das mulleres e dos homosexuais, da esmorga e da sexualidade, dos agnósticos e dos ateos, do materialismo e do hedonismo, do dereito a morrer e nacer dignamente... Eis todo o que entraña perigo: a vida mundana sobre a terra é unha ficción. A realidade sempre é un problema  para quen adhire dun xeito tan visceral os ideais cristiáns para erixilos en lei para os demais. Cinismo e patrañas a moreas.

Eis todo o que entraña perigo: a vida mundana sobre a terra é unha ficción. A realidade sempre é un problema  para quen adhire dun xeito tan visceral os ideais cristiáns para erixilos en lei para os demais. Cinismo e patrañas a moreas

Naquel encontro ao acaso, Rouco xa se nos amosara coa voz da lei, un elo de frío aceno sobre un mundo do que non gosta se non leva ao seu Deus no rodapé. Como Ratzinger, o austero canonista nunca agochou a súa intención de reconquista espiritual cristiá alicerzada na misión histórica da “nación española” sen antes nos ter explicando cando foi que Deus deixou de invadir o ámbito público, cando é que puidemos gozar da separación da Igrexa e o Estado. Porque se así fose, acurrunchado Deus na vida privada, renunciando voluntariamente  a tutelar os dereitos humanos, quizais comprendamos cal é a razón melancólica que o levou, mais unha vez, a reclamar esa relixión aparentemente ausente. Pola contra, sabedor da endóxena complicidade da laicidade cos valores bíblicos do catolicismo apostólico e romano, Rouco vaise predicando con exclusividade e arrogancia o perigo. 

Un mundo invisíbel no que a única realidade tanxíbel é a “identidade, ameazada por posíbeis rupturas insolidarias...da nación española”

Un mundo invisíbel no que a única realidade tanxíbel é a “identidade, ameazada por posíbeis rupturas insolidarias...da nación española”. Unha sofistería útil para evitar os termos da alternativa, do aquí e agora, do individuo soberano, do escéptico e do ateo, do apóstata e do infiel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.