Rueda regresa a 2009: manipulacións e mentiras

CC-BY-SA Praza Pública

Realmente, non regresa porque sempre estivo alí, naquel 8 de febreiro de 2009 que aparecía detrás da pancarta da manifestación ultra convocada por Galicia Bilingúe contra unha suposta “Imposición do galego”. Alfonso Rueda, que era o número 2 do Partido Popular de Manuel Fraga, tivo un importante papel na oposición ao goberno bipartito de PSdeG-BNG (2005-2009) e na táctica para desgastar a Xunta a través de todo tipo de descualificacións e mentiras sobre o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, denunciando na campaña electoral do PP de 2009 o suposto “malgasto cando hai miles de familias afectadas polo paro”. Esta campaña, dirixida por Rueda, foi un “éxito” e o PP recuperaba a Xunta de Galiza.

O PP, criticaba, daquela, que o parque móbil da Xunta tiña 32 vehículos da marca Audi, mais a verdade era que 29 foron mercados por la Xunta de Fraga. Dous dos Audi A-8 tiveron un prezo que sumaban máis de 600.000 euros, un matriculado o 13 de setembro de 2001 e outro o 14 de novembro de 2002 (Público, 1-7-2009).

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, recollía moi ben no seu artigo Dos Audis ao Falcon pasando por un iate (La Voz de Galicia, 23-8-2022) como o PP conseguía o trunfo electoral de 2009: “Criticaron o uso de audis como coches oficiais dos conselleiros, como se fose unha novidade dese goberno; airearon o custe da moblaxe do despacho de Touriño, como se algunha vez estivésemos interesados en saber canto custaban os despachos de Fraga. A traca final viñera cunha foto de varios anos antes na que Quintana aparecía nun veleiro de certa eslora, despois de que a acusación de que tiña unha luxosa neveira no coche oficial quedara desmontada cando o vicepresidente abriu o maleteiro aos xornalistas para amosar un arrefriador de supermercado. Agora, o conto vén co Falcón presidencial que tanto deu que falar xa na prensa do corazón madrileña cando o usa Sánchez”.

Rueda preparou un debate a súa medida na TVG para o 5 de febreiro con catro adversarios de esquerdas (BNG, PSdeG, Sumar e Podemos), deixando fóra a Vox e Democracia Ourensana, para non ter competidores pola dereita. Esperaba ver un enfrontamento entre os catro partidos opositores, mais fracasou porque todos centraron as súas intervencións en criticar a actuación da Xunta do PP durante 15 anos e quedou moi claro que Rueda non tiña proxecto para Galiza.

Ao día seguinte o PP difundía un argumentario entre os seus cargos para orientar as declaracións e intervencións na campaña electoral e recoñecía esa unidade da esquerda no debate: “A pesar de que se estaban debatiendo dos posibilidades de gobierno –uno de mayoría o un multipartito–, la realidad es que era un cuatro contra uno”.

Tamén sinalaba ese argumentario donde había que centrar os ataques ao BNG: “Quedó claro lo que es el Bloque: socio de Bildu y Esquerra Republicana. Jamás habíamos visto a un candidato [Ana Pontón] que se revirase porque le dicen lo que pone en su propio programa electoral: autodeterminación, eliminación de las provincias y monolingüismo en la enseñanza. Es decir, trae a Galicia los problemas que el independentismo ya creó en otros lugares”. Rueda pretendeu centrar o debate en independencia, terrorismo, ETA, Cataluña, monolingüismo ou imposición do galego, utilizando todo tipo de mentiras.

 

Recuperar o consenso sobre a lingua galega

A Xunta de Feijóo acababa co consenso do goberno de Manuel Fraga sobre a lingua galega e o programa electoral do BNG pronúnciase pola recuperación dese consenso: “É o momento de construír un grande acordo nacional pola lingua galega que consiga un consenso amplo de todos os axentes políticos”.

Rueda quere desacreditar ao BNG e recobra a mensaxe da imposición do galego de 2009 e que o BNG defende o monolingüísmo, pero nese programa electoral non aparece esa referencia ao monolingüismo. Por outra parte, sobre as actuacións para a normalización lingüística, o EIXO 2 do programa, “Un país con lingua de seu”, sinala: “Infancia e mocidade: son os falantes do futuro. Cómpre que teñan unha formación plurilingüe acorde coas necesidades dun mundo global”. “Derrogación inmediata do Decreto 79/2010 para o plurilingüísmo e substitución por unha nova norma que busque activar as competencias plurilingües das rapazas e rapaces, partindo do coñecemento do galego, con base nos compromisos asinados polo Estado ao ratificar a Carta Europea das Linguas para cumprilos: estabelecemento dunha oferta educativa completa ou principalmente en lingua galega”.

O informe dun grupo de expertos lingüísticos do Consello de Europa, feito público en outubro de 2012, concluía que as medidas tomadas polo PP desde que Feijóo gobernaba, van en contra do acordado en 1992 polos Estados asinantes da Carta Europea das Linguas Minoritarias. Lembraban o compromiso dos Estados de ofertar “educación enteiramente ou esencialmente en galego para aqueles alumnos cuxos pais así o desexen”. Ao mesmo tempo, rexeitaban a supresión das Galescolas. É dicir, o programa electoral do BNG no fai outra cousa que reproducir o que demanda a citada Carta Europea que, por certo, está asinada polo Estado español.

Por outra parte, a Real Academia Galega consideraba que o chamado decreto para o plurilingüísmo “perpetúa a situación de inferioridade da lingua galega” e que está “en aberta contradición coa Lei de Normalización Lingüística”. A RAG presentaba un recurso contra o citado decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en 2012 anulaba dous dos artigos: o 5.2 sobre a consulta aos pais e nais do alumnado sobre a lingua que preferían para os seus fillos; e o artigo 12.3 que daba liberdade ao alumnado para utilizar galego ou castelán independentemente do idioma no que se impartise a materia. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, apuntaba que se precisa outro goberno para salvar o galego: “O Partido Popular non veu ao mundo para salvar a lingua galega”. Para que a situación do idioma cambie “sería preciso que algún día gobernen outras forzas”.

Algúns medios de comunicación difundían esas falsidades do PP. Así, El Debate, (6-2-2024) titulaba: El BNG incluye en su programa la enseñanza 100% en gallego. La Voz de Galicia, a catro columnas (7-2-2024) , Solo el BNG plantea que en los colegios únicamente se estudie en gallego. El Español (7-2-2024), Rueda se centra en Galicia y ataca a Pontón y al BNG: “un independentismo disfrazado de cordero”. La Voz de Galicia, a catro columnas (8-2-2024), Rueda endurece su discurso contra el “independentismo con piel de cordero”. Tamén destacaba, recollendo declaracións de Rueda: “O Bloque quere a imposición do monolingüísmo nas escolas”.

Dereito de autodeterminación

Efectivamente, o programa do BNG recolle o exercicio do dereito de autodeterminación no EIXO 1, que titula: Un País dono de si, que inclúe “impulso dun novo marco político; máis e mellor autogoberno; soberanía para mellorar as condicións de vida”.

Novo marco político “que emane do exercicio do dereito de autodeterminación do pobo galego baixo unha premisa básica: decidir nós por nós mesmas. Autoresponsabilizármonos do noso e tomar o control da nosa riqueza, do produto do noso traballo e intelixencia colectiva, decidir sobre o destino do noso aforro e impostos, dos nosos recursos naturais e enerxéticos ou de como organizar a economía, para pór o País a producir e para blindar os servizos públicos e as políticas sociais. Un Goberno galego que defenda as mudanzas que vaian no camiño do recoñecemento dos plenos dereitos políticos de Galiza e sexa a base dun novo marco político e xurídico que nos recoñeza como pobo e nos outorgue o dereito a decidir o noso futuro, baixo a convicción de que só desde o exercicio da nosa soberanía poderemos rachar coa dependencia económica e política para construír unha sociedade diferente, libre, próspera, verdadeiramente democrática, igualitaria e xusta. Sen renunciar ao obxectivo estratéxico da plena soberanía para Galiza, o BNG entende que, no actual contexto político e no período que se abre con estas eleccións, é preciso avanzar con propostas que vaian na dirección de estabelecer avances inmediatos”

Explica así o significado de soberanía: “Unha Galiza capaz de se gobernar a si propia. Soberanía é igual a máis capacidade para resolvermos nós os nosos problemas. Máis autogoberno é igual a máis democracia e máis benestar. Os galegos e as galegas temos dereito a institucións democráticas propias, capaces de gobernaren o País sen necesidade de pedir permiso”.

Fala tamén de Galiza como suxeito político: “Recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte á súa condición de nación, que leve aparellado o exercicio libre e soberano do poder para atinxir os seus obxectivos de desenvolvemento económico sustentábel, benestar social e florecemento cultural nun modelo de articulación adecuado dos seus dereitos e intereses, con criterios democráticos de liberdade, paridade e reciprocidade. A nación galega asume a condición de suxeito político decisorio coa fórmula que corresponder”.

Rueda recorría, novamente, á manipulación na intervención final do citado debate electoral: “Se queres un presidente que che quite o teu para darllo aos independentistas, non me votes”. “Se queres un presidente que divida aos galegos entre si e nos separe do resto dos españois, non me votes”. Rueda non debería infravalorar a intelixencia da cidadanía galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.